por | Ago 12, 2018 | Música, Novidades | 0 Comentarios

Os concertos imprescindibles do Paredes de Coura 2018

O festival Paredes de Coura, aínda que celebrado en Portugal, xa está consolidado como unha cita obrigatoria para moitos galegos. Máis alá da súa proximidade, o Paredes de Coura ten lugar nunha ubicación case paradisíaca, a Praia Fluvial do Taboão, e ano tras ano achega tanto a bandas de primeiro nivel como a proxectos musicais máis descoñecidos pero dunha enorme calidade. Este ano o principal atractivo son sen lugar a dúbidas os canadenses Arcade Fire. Pero o cartaz do Paredes traerá consigo moitos máis concertos que non deberían pasar desapercibidos.

  • King Gizzard & The Lizard Wizard. Despois de lanzar nada menos que cinco discos ao longo do ano pasado, todos eles cargados de inspiración, os australianos están adicando o 2018 en levar esta nova música aos escenarios. Cun repertorio recente que vai dende as melodías exóticas do Flying Microtonal Banana ao rock enérxico e conceptual do Murder of the Universe, e con traballos anteriores tan destacados como o Nonagon Infinity, King Gizzard & The Lizard Wizard prometen ser un dos concertos máis divertidos e interesantes do festival.

  • Skepta. O grime de Skepta leva dando que falar dende hai xa máis dunha década, co lanzamento do seu debut Greatest Hits. Sen embargo foi seu último disco lanzado no 2016, Konnichiwa, o que recibiu o maior recoñecemento por parte da crítica chegando a gañar o Mercury Prize a mellor disco do ano. Seu traballo máis recente, o EP Vicious, contou coas colaboracións de artistas como Lil B, Section Boyz, A$AP Rocky e A$AP Nast.

  • Shame. Os británicos Shame lanzaron un dos mellores discos debut do ano. Songs of Praise recollía varios elementos da música británica de décadas pasadas, especialmente do post-punk, para interpretalas de maneira renovada, cargadas dunha enerxía xuvenil que desprende frescura. Se ben no estudo o resultado era impecable, pola propia natureza destas cancións, en directo poderían soar todavía mellor.

  • Dead Combo ft. Mark Lanegan. A estas alturas Mark Lanegan xa non precisa de ningunha presentación. Tanto polos seus traballos en solitario como coas bandas Screaming Trees e Queens of the Stone Age, Lanegan é sen lugar a dúbidas unha das voces máis interesantes e únicas do rock dos últimos vinte anos. Sen embargo nesta ocasión os protagonistas serán o dúo portugues Dead Combo que presentarán en Paredes de Coura seu último disco Odeon Hotel, producido por Alain Johannes, outro inseparable de Josh Homme.

  • Japanese Breakfast. O proxecto en solitario da estadounidense de orixe coreana Michelle Zauner arrancou no ano 2013 con June, unha colección de trinta cancións, grabadas cada unha delas nun día diferente ao longo do mes de xuño. O primeiro disco de estudo chegou tres anos despois con Pshychopomp, pero sería no 2017 cando Japanese Breakfast comezaron a atraer a atención da crítica internacional co lanzamento de Soft Sounds From Another Planet, un disco de influencias moi variadas que van dende o shoegaze ata o pop máis electrónico sen que éstas soen en ningún momento fora de lugar.

  • Slowdive. Os históricos do shoegaze xa se pasaron por Galicia a comezos de ano, e no 2015 tamén formaron parte do cartaz do Paredes de Coura. Sen embargo non se debe desbotar ningunha oportunidade de ver a esta banda e seu fascinante muro de son en directo. Nunca se sabe se o disco homónimo que lanzaron o ano pasado tras máis dunha década de separación podería ser o último.