Mercedes Peón – Deixaas

16/04/2018 • Altafonte

Os primeiros contactos habituais da xuventude coa música tradicional galega e o folk galego, son mediante, case de maneira inevitable, a TVG. Durante moito tempo, ademais, a televisión do noso país parecía unha das formas máis concretas de introducirnos na nosa cultura, pois non era —nin é— norma que existan medios de comunicación en galego que nos permitan achegarnos a ela. Con todo, e como xa é máis que sabido, a TVG non se caracteriza por achegar dende ela unha información libre de ideoloxía hexemónica, senón todo o contrario. Así, pois, a medida que crecemos resulta inevitable que esa idea que se nos vende dende as canles oficiais do noso país nos resulten cada vez máis alleas e nos xeren máis rexeitamento, pois sen dúbida algunha a xuventude galega non é, nin por asomo, o obxectivo de ditos medios.

Nese rexeitamento van implícitas dúas cousas: primeiro, que a nosa cultura non está feita para nós, que é vella, caduca; e segundo, que é inmóbil. Concretando, a música galega de corte máis tradicional, esa que está máis fixa ao folclore popular, aparece nos medios de comunicación galegos como algo verdadeiramente antigo e sen futuro. Algo do que rirse, do que facer mofa, e do que non podemos sacar nada novo. A nosa cultura é vella, e só podemos vela con ollos morriñentos: é algo que non merece evolucionar, e que temos que ver dende a nostalxia.

Naqueles programas do Luar nos noventa co seu incombustible Gayoso, que aínda a día de hoxe, máis de vinte e cinco anos despois, non cambiou o seu formato practicamente no máis mínimo, engadindo as novas tecnoloxías con calzador, chegaron aos nosos oídos por primeira vez as notas de artistas como Mercedes Peón, Carlos Núñez, Luz Casal e un longo etcétera de artistas que herdaron os instrumentos do noso folclore e o foron actualizando o seu son. Así, destacan traballadas composicións que foron tapadas por esa programación tradicional e abandonadas na nosa memoria polo ideario hexemónico coma as traballadas e progresivas composicións do propio Carlos Núñez, de quen xa analizamos o seu A Irmandade das Estrelas, Spirito (986), onde liderados por Anxo Lorenzo vimos os primeiros intentos serios de achegar a vangarda electrónica á música tradicional con reminiscencias hindús, ou Luar na Lubre, que cunha evolución máis clásica que os demais mencionados foron capaces de recoller toda unha historia musical en grandísimas composicións. Con todo, ese talento e todas esas diferentes vangardas, tras momentos iniciais de recoñecemento, foron levándose inevitablemente a unha estraña marxinalidade cultural na que, se ben había recoñecemento popular, non crítico que recoñecese os seus avances, senón que alcanzaron a definición de folclore.

Nos últimos anos, destaca a aparición de pequenos intentos de que a música tradicional galega teña unha nova visión lonxe desa idea de folclore antigo, inmóbil e vello, acariciando as raíces do estilo e tentando buscar actualizacións que o permitan seguir adiante . Nesta cuestión, destacan, entre outros, as pezas nas que Alonso Caxade consegue resucitar o estilo mediante o pop, ou á actualización —ás veces tal vez demasiado literal— que Alex Casanova deu á tradición no seu proxecto Baiuca, con grandes pezas cheas de electrónica. Con todo, eses intentos non semellaban suficientes, senón intentos que, con tino, conseguían actualizar o son mais perdéndose na procura de referencias demasiado visibles no que xa estaba feito, e non actualizando á vangarda, senón golpeando con esta á tradición.

No ano 2000, Mercedes Peón debutaba con Isué, onde, se ben tiña un corte clásico, a súa progresividade era máis que destacable. Deixaba nel temas como o que da nome ao álbum, Marabilla ou Deixa, onde, case ata por casualidade, mostraba auténticas mostras de que a música que estaba a facer aspiraba, dende o seu comezo, a máis. Continuou na liña no seu seguinte traballo, Arjú (2003), onde as composicións crecían dentro delas mesmas coma tormentas, buscando un equilibrio entre un caos creado polos baixos, pandeiretas e a propia voz de Mercedes Peón, e atrevéndose a chegar a ritmos diferentes e non habituais coma reggae cun acerto máis que destacable en temas como Nanareggae. Despois chegou Sihá (2008), onde se ben non aparecía unha gran evolución coma nos seus antigos traballos, si que mantiña en pé o seu estilo e conseguía recoller todo o creado con anterioridade, mais con menos encanto.

En 2010, a artista coruñesa publicaba SOS, que tal vez supuña o seu intento máis forte de buscar a vangarda musical, que xa daquelas comezaba a necesitar elementos electrónicos. O resultado, se ben era atrevido, non era exacto: era moi destacable, mais non chegaba a conseguir sempre a harmonía musical buscada, e o resultado foi máis ben errático, onde os elementos electrónicos, as percusións e as gaitas non conseguían aceptarse uns aos outros. Con todo, deixábanos entrever que Mercedes Peón andaba a buscar algo novo, o cal se materializou oito anos despois: chegou Deixaas.

Comeza o álbum coa canción homónima, onde aparecen pandeiretas e alalás, pero aparecen tamén fortes guitarras, sintetizadores, baixos escandalosos e percusións sen descanso que achegan unha auténtica tormenta para dar comezo a un álbum que non terá descansos, levedades ou derrotas ata o final deste, sorprendendo a cada instante con algo novo, reminiscencias e conexións entre as cancións nun auténtico exercicio de complexidade e vangarda musical. Recoñecemos toques de música industrial, art pop, rythm and blues, IDM ou electrónica nos temas, capaces de crear por cada un unha auténtica historia, pero sen perder de vista a ningún dos elementos da tradición que o fixeron posible.

O álbum mantén unha liña clara, marcada polas gravacións que fixo a artista no estaleiro de Navantia, en Ferrol, que anima a crear eses ritmos industrial tormentosos e os ritmos incesantes que golpean unha e outra vez os nosos oídos durante todo o disco, mais que consegue non aburrir e variar, chegando ao meridiano do álbum con temas como Tras o Muro, onde aquel art pop mencionado anteriormente se materializa en tres minutos que semellan o principio do final dese temporal creado nos temas anteriores, para volver, tras un pequeno interludio, Cabelo, a chamar ao crescendo dende Linguas Elementais, onde o xogo coa electrónica e o IDM, coa spoken word como principal canle para expresar as ideas, da comezo a unha segunda metade de álbum tan esencial e indispensable como a primeira.

Volven, tamén, aqueles acercamentos pasados a outros estilos musicais máis pop, rock ou reggae feitos no pasado por Mercedes Peón, dando pois non só unha actualización aos elementos básicos do estilo, senón á súa carreira. Falabamos antes de como se acercara ao reggae con Nanareggae, e en Deixaas o achegamento volve mediante Cabo de Min, cun estilo máis refinado e pensado que no anterior, sendo non só, pois, acorde co estilo musical, senón co conxunto que creou neste novo álbum.

Remata o álbum con Olores Perdidos, co piano como principal condutor do tema, e sendo esta o corte máis clásico do álbum. Serve como catarse a todas as sensacións, músicas e instrumentos vistos nos temas anteriores, e supón un final sincero para un álbum histórico.

Non escoitamos nada antes como Deixaas, porque non existía. Porque ninguén foi capaz de recoñecer tradición e vangarda con tanto tino, e aínda ninguén tivera a capacidade de fusionar ambas sen esmagalas polo camiño. Deixaas supón unha evolución musical sen antecedentes, que merece todo un recoñecemento musical que, lamentablemente, non parece que vaia chegar. Con todo, dende aquí, reivindicámolo.

Mercedes Peón