Select Page

por | Xul 24, 2018 | Concertos, Música |

fotografía por Pedro Silva

Portamérica Día I: Pussy Riot, Boyanka Kostova, Jenny and The Mexicats…

O Festival PortAmérica 2018 arrancou o xoves 5 de xullo na Carballeira de Caldas de Reis ao son das emblemáticas bandas arxentinas Los Caligaris, cunha acollida por parte do aínda escaso público moi calorosa, entre globos e moito baile, tamén Los Auténticos Decadentes, banda de rock que leva enriba dos escenarios máis de vinte anos pero que continúan a ser “pendejos”, inesquecibles pola fusión ska-cumbia, sons únicos neste primeiro día de concertos prometendo xa dar moito de si, e coido que así foi.

Entre concerto e concerto, nun lugar moi especial entre o espazo de Estrella Galicia e o de Cultura Quente, os dous escenarios principais, foi moi aplaudida e visible a presenza do ShowRocking. Para os que nunca fostes ao PortAmérica, descubriríades que este non é namentres un espazo onde desfrutar da música en vivo senón que a maiores ten cabida para un encontro gastronómico. Como nas pasadas edicións, o afamado chef Pepe Solla organizou o seu propio stand, cunha gran variedade de degustacións de pinchos, onde diferentes casas e chefs recoñecidos servían persoalmente as súas propostas. O interesante de todo isto é como se mestura a gastronomía coa música, amosando a bagaxe cultural que temos de ambas na nosa Terra.

Entre os dous grandes escenarios o ShowRocking soubo atopar o seu propio tempo para pequenos concertos sorpresa, e digo sorpresa xa que ninguén máis que a organización sabían quenes tocarían alí. Outros anos subíronse enriba das cociñas os autóctonos como Iván Ferreiro ou Xoel López, e desta vez Pepe Solla, cabeza pensante desta proposta, sorprendeu con grupos emerxentes da xuventude galega como Presumido, que non deixaron indiferentes a ninguén coa súa aportación de batería feita con cacerolas, coñecida xa por todos no festival como “a baterola”, e incluso figuras do trap en galego, con letras divertidas e mofas, propias dos Boyanka Kostova, sumáronse aos concertos sorpresa do “Show de Pepe Solla”.  Os propios traperos dicíannos o agradecidos que estaban de ser tidos en conta nun festival destas características. Dende Balea non podemos ocultar o noso entusiasmo pola súa proposta, xa que son dos poucos que traballan o xénero do trap en galego, á sombra do trap nacional e internacional, que en apenas quince minutos fixeron bailar a toda a cociña.

Cos últimos raios de sol o panameño Carlos Méndez impregnou o seu arredor dunha mestura de rock, jazz e verbas en pro do amor e dunha natureza sagrada para darlles paso a unha das propostas máis esperadas da noite. Non foi outra que Imelda May, directamente dende Irlanda puidemos gozar coa marabillosa voz dela e a visible conexión cos seus músicos, tocando un rock enchoupado de nostalxia irlandesa.

Por se fose pouca a variedade musical chegaron a ritmo de cumbia-ska en castelán, Jenny and the mexicats, grupo multicultural que sorprenderon tamén con ritmos máis rumbeiros en inglés ao son da trompeta de Jenny.

Para dar o punto bailongo ao primeiro día de festival, a banda de rumba catalá La Pegatina fixo encher a carballeira e até brincar as árbores. Botamos en falta a esperada presenza de Chico Trujillo que por circunstancias alleas ao festival non puido achegarse ao recinto.

Sen dúbida, a gran aportación da noite chegou coas Pussy Riot, directamente dende Rusia, cambiaron por completo calquera concepto previo que se puidera ter deste festival. Se esperabades namentres xéneros como o indie ou o pop rock, a estas alturas dariádesvos conta de que non é así. As Pussy demostraron que se pode mesturar diferentes sons e ideoloxías nun mesmo lugar. Silenciadas no seu país por criticar ao goberno, incluso sentenciadas ao cárcere por reivindicarse, deixáronnos ver unha pequena parte do que fan a base de punk e provocación. Coma se dunha obra dadá se tratase, animaron ao público a achegarse ao escenario Cultura Quente cun manifesto audiovisual e danzas mecánicas, como facían os dadaístas rusos dos anos vinte como símbolo de provocación e sobre todo de ruptura co establishment. Cando dicía que o PortAmérica non é un simple “festival indie” referíame xustamente a isto, a capacidade de mover artistas dende tan lonxe e permitir que lancen a súa mensaxe reivindicativa con liberdade.

Para cerrar o primeiro día de festival os sons tribais da selva urbana colombiana de Mitú, dúo que conta co guitarrista de Bomba Estéreo, ofreceron aos poucos que quedaban xa de madrugada entrar en trance cos ritmos electrónicos ancestrais.