Select Page

por | Xul 24, 2018 | Concertos, Música | 0 Comentarios

fotografías 1 e 3 por Cristina Calvete || fotografía 2 cedida polo Son do Camiño

Os sons do camiño (I)

O primeiro contacto que tiven co Son do Camiño foi unha alarma do meu móbil nunha tenda de campaña. Un simple anuncio en Facebook que anunciaba un festival incriblemente ambicioso cun cartel moi atractivo, con grupos que podían contentar a practicamente calquera tipo de público. Situado no Monte de Gozo, ás aforas de Santiago de Compostela, o nome parecía perfecto. Mentres subía nun dos autobuses que unía a cidade ata o recinto do festival, na miña cabeza soamente había unha pregunta: A que soa O Son do Camiño?

Unha vez no alto do Monte do Gozo, comezaba oficialmente o festival. O escenario pequeno abriu con The Niftys, ganadores do Sonido Mans, un concurso que permite a sete bandas diferentes actuar nos principais festivais galegos. The Niftys soou a ganas de comerse o mundo, a banda emerxente que vai dar moito que falar nos próximos anos. A mestura de rock’n’roll con matices de garaxe e incluso punk dos albaceteños foi un moi bo sabor de boca para comezar o festival a pesar de non ser precisamente moi seguido polo público. Era aínda moi cedo.

Tras o concerto, subín a costa que separaban aos dous escenarios por primeira vez. Unha das innumerables veces que o faría nos tres días que durou o festival. No escenario principal tocaba Sexy Zebras, que sonaba a transgresión nunha noite de festa con amigos. Unha loucura de concerto onde entre Sexo y marihuana y Quiero follar contigo os fans da banda non pararon de berrar, cantar e saltar. O enorme escenario principal do festival estreábase dunha das mellores formas posibles.

Bala sonou como unha explosión nuclear desxeando de golpe a guerra fría. O grupo galego, constituído soamente por dúas persoas (guitarra e batería), é algo tremendo cada vez que soben a un escenario. En vez dun dúo parecen un exército romano. A xente que se acercou dividíase entre quen xa coñecía a banda que saltaba dun xeito descompasado e quen era a primeira vez que as vía en directo, que non podían moverse da estupefacción. E tamén polo tipo de público que foi maioritariamente ao festival. Por iso tamén.

Tras a inxección de enerxía do anterior concerto, chegou a quenda dos franceses Talisco. Soaron a verán fresco de clima atlántico. De menos a máis, lograron pór finalmente a bailar a todo o mundo cun directo moi refrescante que supera con creces ao seu disco de estudo. A súa orixinal proposta difícil de atopar polos moitos paus que toca, triunfou no festival que pouco a pouco ía quentando para os grandes nomes.

Tamén axudou a subir a temperatura Agoraphobia. Concretamente facendo moverse de xeito descontrolado a todo o mundo. O grupo galego soou como un motor de ignición dentro dun garaxe. Presentaron o seu novo disco Incoming noise cun son máis slasher o rock garage co que nos tiñan acostumados, neste directo estiveron especialmente ben, con máis presenza que en outras ocasións. Esta banda capitaneada por pola voz de Susana Saavedra medra máis en cada actuación.

Triángulo de Amor Bizarro soou a distorsión de sentimentos con gafapasta. A pesar do número considerable de fans que teñen este grupo, non podo evitar pensar que a proposta que presentan non é altamente presuntuosa. Non nego que o seu último traballo, El gatopardo, teña unha mensaxe política contundente que non se soe ver no indie e en ningún caso pode dicirse nada malo diso. É probable que o problema con este grupo sexa máis meu que seu, non o vou negar. Pero como as crónicas son subxectivas véxome na imposibilidade de consideralo máis aló da incomprensión ante o seu fenómeno.

Cada vez o ceo era máis gris e comezou a chover levemente durante seguinte concerto. Por sorte, non foi a máis pero si que tinguiu de cor gris o concerto dos brasileiros República. Que baixo a ameaza da tormenta e ante un escaso público, soaron como un berro afogado escoitado en demasiadas ocasións. Rock potente pero bastante difuso. Foi un directo bastante pobre, aventuraríame a indicar que dos peores do día. Tentaron ser contundentes pero quedaron a metade de camiño.

Con Franz Ferdinand o festival viviu o seu primeiro concerto multitudinario. Neste intre, o emprazamento elixido cobrou protagonismo. Grazas á altura todo o mundo puido ver perfectamente o escenario principal, unha decisión moi intelixente e acertada. O grupo británico soou a batalla de avó nunha discoteca. É algo que escoitaches mil veces pero que o saltas como o primeiro día. De todos xeitos, a meirande parte do público parecía que estaba a agardar a que sonase Take me out, o seu gran éxito. Quizais por este motivo pareceu que en ningún momento a súa proposta conectou ao cen por cen cos asistentes.

En principio, parecía que Rufus T. Firefly non era máis que un grupo de transición para coller forzas cara o que viña, mais nada máis lonxe da realidade. Demostraron por que ultimamente esta banda está en boca de todos. Soou a complexidade ben entendida. Letras con moitas referencias e prescindindo dos retrousos, cunha aposta musical moito máis complexa do que é habitual. Un directo moi destacable nun día de directos destacables. Pasado un cuarto do concerto, a xente comezou a trasladarse cara o escenario principal para a cita máis agardada do día pero en absoluto tivo que ver co desempeño da banda.

E por fin chegou o cumio do primeiro día do festival. The Killers chegaba a escena. Cheo total. Persoas empurrándose para conseguir un bo sitio. Por primeira vez a banda estadounidense visitaba Galicia e o fixo ao grande. Os de Brandon Flowers soaron a pelotón de zapatos asasinados. Mesturaron cancións míticas que xa forman parte do imaxinario colectivo do mundo globalizado con novos temas do seu último disco pero todo cun mesmo resultado: ninguén deixou de botar en ningún momento. Foi un directo espectacular e o máis destacable da xornada. Cando todo parecía terminar, chegou de novo o vocalista vestido de dourado coma se da campá da Catedral de Santiago se tratara para dar por comezado realmente o Son do Camiño. Un espectáculo onde a banda fixo constantes referencias a Galicia e ao Camiño de Santiago e que destacou enormemente a nivel de posta en escena.

Despois deste momento álxido, o seguinte foi Carlos Sadness, que soou ao tío pesado que sempre se pon a garabata na cabeza nas vodas. Voz desafinada, música insulsa e letras superficiais. Toda unha baixona despois do actuación anterior. Haberá quen considere como positivo os “chistes” que conta entre canción e canción pero dende a miña posición non fan se non facer aínda máis pesado o conxunto. Cando subía por última vez a costa cara o outro escenario soamente tiña unha frase na cabeza: “Que volte Shinoflow”. E si, son consciente das implicacións, imaxinade como foi.

Os tres días de festival, a organización quixo que para pechar a festa houbese un DJ de gran prestixio. Neste caso foi Lost Frequencies. Soou a carisma e a personalidade propia. Con soamente vinte e cinco anos, fixo saltar a todo o mundo e as solas dos zapatos xa gastadas por The Killers, remataron por morrer entre a herba, area e pedras do recinto. O deep house do belga e a súa actitude fixo gañarse o recoñecemento de todos os que alí quedaban. Sen dúbida foi un fin de festa momentáneo por todo o alto.

E así volvín a casa. Baixei do Monte do Gozo con ganas de máis. De descubrir novas melodías ao día seguinte. De seguir saltando e desfrutando. Unha vez deitado na cama para o día seguinte, soaban paxaros tanto fóra como dentro da miña testa. Pechei os ollos con coidado e durmín. Preparábame para o que se me viña enriba.