fotografía por Chema Ríos

Ringo Starr & His All-Starr Band en A Coruña: as lendas toman o escenario.

O achegamento dun artista internacional a un lugar como Galicia sempre é unha boa nova, pois non son demasiados os concertos con tanta repercusión na nosa terra e, cando pasa, tense que desfrutar ao máximo. Non son poucos os que falan con orgullo de cando viron a Bruce Springsteen, Muse ou U2 no Monte do Gozo, naqueles concertos que se organizaban alá hai anos, e hai xente que aínda recorda cando artistas como Patti Smith ou Arcade Fire tamén viñeron pola zona.

Pero, entre os grandes, sempre hai quen destaca dous grupos por riba do resto: os Rolling Stones, que xa van dezanove anos da súa visita, tamén no Monte do Gozo, e os Beatles, quenes nunca tocaron como tales no país e os cales, ademais, nunca visitaran Galicia por separado, sendo a última visita dun no Estado Español a de Paul McCartney en 2016 ante un abarrotado Vicente Calderón tras catorce anos sen pasarse por este.

Ringo Starr destacou sempre por cuestións afastadas ás musicais. Chegou tarde aos Beatles, e por moito que os seus compañeiros de grupo falaran del mil marabillas, a crítica nunca foi benévola coa súa destreza musical, así como tampouco coa súa destreza compositiva. E isto último tamén se presenta nun feito bastante á luz no historial do grupo de Liverpool, e é que tan só dúas cancións compostas por el no longo historial da banda: Don’t Pass Me By, do White Album (1968), e Octopus’s Garden, do lexendario Abbey Road (1969). Foi un rompecorazóns, tamén, e incluso Marge Simpson rematou prendéndose del.

Rematados os Beatles, o futuro deles estaba aberto a moitas posibilidades. Lennon continuou as súas composicións con Yoko Ono, e tanto con ela en solitario como mediante a Plastic Ono Band deixou grandes detalles de que non quería conformarse co que estaba a facer. McCartney apostou, xunto Linda, por Wings, e as súas primeiras obras son pequenas lendas do pop rock. George Harrison, pola súa banda, tivo unha longa e próspera carreira en solitario chea de pezas dunha progresión que aínda a día de hoxe merece ser recordada. Pero, e Ringo?

A súa carreira foi diferente ao do resto, e é que el mesmo recoñecía que as súas habilidades compositivas non eran as mellores. Con todo, tivo a sorte de facer grandes amizades anteriormente, e compañeiros de grupo e outros músicos de gran calidade axudáronlle cun pequeno empurrón para que, despois dos Beatles, puidese manter un bo nivel. Chegados ao seu terceiro disco en solitario, Paul McCartney, John Lennon e George Harrison escribiron por separado para el, así como no seguintes repetiron e se uniron artistas como Elton John, Eric Clapton ou Harry Nilson.

Con todo, nunca destacou, e non é demasiado aventureiro dicir que, se non fose polo nome que se creou anteriormente, nunca chegaría a tanto. Chegados a 2018 ten xa dezanove albumes, e dende o 1973 nunca volveu ter un número un nas listas, non chegando a maioría destes nin sequera a listar nelas.

O directo de Ringo, con todo, resultaba igualmente interesante e atractivo. Non deixaba, despois de todo, de ser un dos membros de The Beatles! E Coruña quixo arroupar ao artista internacional dende horas antes do concerto. Longas colas ao redor do Coliseum eran visibles, e as camisetas dos Beatles eran o produto máis de moda no lugar. A idade media, como era esperable, eran os corenta, todos aqueles que no pasado viviron o grupo coma ningúns outros, mais non sobraban nin faltaban novos de moitos rangos de idade. E é que se algo teñen os Beatles, é que son un dos grupos máis axeracionais da historia, pois as súas composicións, sobre todo a partir do Rubber Soul (1965), conteñen un nivel de vangardismo, introspección, ruptura e experimentación que poucos grupos puideron igualar co tempo. E, moito máis destacable, sen ningún álbum igual, mais igual de importantes todos, dende ese 1965 ata 1970, onde se disolveron.

Ringo en directo non actúa só, e o seu nome, a diferenza do outro Beatle que queda, non figura en solitario nos cartaces. Ven coa súa All Starr Band, chea, coma o propio nome indica, de grandes lendas de grupos xa desaparecidos pero dos que moitos teñen recordo aínda. Así, con el en directo están Steve Lukather (Toto), Gregg Rolie (Santana, Journey, Abraxas Pool), Colin Hay (Men at Work), Graham Gouldman (10cc), Warren Ham e Greg Bissonette. E, se ben o nome que aparece máis grande no cartaz é o de Ringo, todos teñen unha gran importancia no concerto, para ben ou para mal.

E dicimos que para ben ou para mal, pois a maioría do público que vén a un concerto dun Beatles o que esperan é, como non, desfrutar das cancións que o levaron á fama, aquelas que levan cantando toda a vida e poñendo en bucle nas súas casas, mais hai que avisar de que, nun concerto de Ringo Starr & His All-Starr Band, atoparase algo diso, si, máis tamén moitas outras cousas.

Silencios incómodos, cancións das que tal vez haxa recordos, mais menos ilusionantes para o público, cubriron a segunda metade do concerto na Coruña. Ringo presentaba aos seus compañeiros, e soaron cancións de Toto (non África), 10cc, Santana e Men at Work, onde o Ringo, igual que nos Beatles, non cantaba, senón que estaba á batería. E iso, cando o teu obxectivo era ver a un Beatle, lanzábate algo fora do concerto. E é que en case da metade deste, a figura de Ringo non foi a protagonista.

Faltaron, ademais, temas que moitos querían ver. Estiveron Matchbox (tampouco coñecida por todos, pois se ben si que a cantara cos Beatles, facía falla achegarse aos sinxelos fora de álbum que éstes sacaron), Boys, Don’t Pass Me By, Yellow Submarine ou Act Naturally, mais o setlist esqueceuse de Honey Don’t, What Goes On ou Octopus’s Garden, as cales terían trunfado tamén na noite.

Pechou, iso si, coa xa lenda With a Little Help From My Friends, coñecida e cantada por todos. O público con isto rematou, despois de momentos fríos, cun sorriso de orella a orella. Para isto si que viñeran. Recordou, tamén, a John Lennon, conectando o tema do Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band (1967) co Give Peace a Chance do seu compañeiro de grupo.

Se ben o concerto non foi malo, e Ringo mantense a un bo nivel vogal tras tantos anos, a estrutura do concerto semellaba ás veces a unha pequena jam session entre grandes artistas recoñecidos, reunidos e de xira aproveitando o nome do máis famoso do cartaz. Unha oportunidade única para beatlemaníacos, pois son poucas as que éstes teñen de ver aos seus artistas favoritos, mais deixou un pequeno sabor agridoce, e moitas ganas de máis.