Select Page

Happy End: Un final que non chega a ningures

Tras o doloroso e cru relato que nos amosara en Amor (2012), Haneke recolle o personaxe interpretado por Jean-Louis Trintignant para traernos unha sorte de continuación

Neste filme o protagonista é a familia despregada en varias xeracións que serven ao director austríaco como escusa para falarnos do malestar social actual derivado das migracións, da crise económica e do uso mecánico e frío das redes sociais. Happy End moraliza sobre estes temas pero termina por derivar nun pozo baleiro de impacto, e cuxo conxunto nos achega a un dos filmes máis inocuos da filmografía de Haneke.

Se algo caracteriza ao cinema de Haneke é a súa capacidade de violentar ao espectador con imaxes incómodas e inusuais, grazas á dureza dunha realización á que non estamos acostumados (planos longos, estáticos, difíciles de soportar nalgunhas ocasións), todo isto para poñernos de manifesto unha realidade da que formamos parte e na que nos movemos sen dar mostras de sentirnos afectados por ela ata que alguén nola sinala dunha maneira menos amable. Pola contra, en Happy End soamente se salvan de producir este malestar as escenas rodadas polo móbil que abren e pechan o filme, e que desvelan o que pode que sexa o único punto de interese desta narración a través da figura de Eve (Fantine Harduin).

Polo demais, a película pivota entre personaxes cuxos únicos problemas se resumen no tedio do día a día e a incapacidade de simpatizar co mundo real alén da súa burbulla acomodada. Do mesmo modo que a esta familia de industriais lle importa o máis mínimo o que acontece cos seus traballadores, do mismo xeito experimento un desapego similar por eles: non me interesan os seus problemas nin sinto curiosidade ningunha por saber como van terminar os seus conflitos, tecidos en argumentos que parecen non querer chegar a ningures.

Haberá quen se sinta atrapado polas escenas desta familia, e incluso atope no seu discurso unha crítica feroz a certos aspectos da nosa vida que de tanto explotalos terminan por descompoñer os nosos lazos sociais. Dunha maneira moi vaga abórdase o tema da infidelidade e as depravacións sexuais, que xa víramos plasmado n’A pianista (2001) cun resultado sen dúbida moito máis eficaz. En canto ao tema da sedución pola gravación de acontecementos grotescos a través de dispositivos caseiros, un non pode deixar de pensar n’O vídeo de Benny (1992), cunha intención e un poso totalmente distintos: mentres que en Happy End Eve emprega esta ferramenta de gravación e transmisión inmediata solo polo mero feito de mostrar, Benny demostraba unha verdadeira paixón pola imaxe filmada e o seu contido, de maneira que gravar supón tamén gardar e poder volver a reproducir ese instante por querer revivir o efecto que nos produce o obxecto filmado, non deixalo fluír e deixar que se perda.

Happy End non me aporta nada novo no cine de Haneke. O director non explora coas súas formas, non vai máis alá do terreo que xa coñece e a súa película acaba por resultar anódina.  Se algo se salva desta amalgama de xente que nin sinte nin padece no entorno que lle tocou vivir, é o personaxe de Eve, a cal representa por si soa a dor pola soidade, un forte sentimento autodestructivo e un inquietante gusto pola violencia, puntos crave na traxectoria fílmica dun Michael Haneke que se mostra neste filme falto de forzas e capacidade creativa.

Happy End


Director
: Michael Haneke
Guión: Michael Haneke
Fotografía: Christian Berger
Ano: 2017
País: Austria

Les Filmes du Losagne | X Filme Creative Pool | Wega Film