por | Xul 18, 2018 | Novas | 0 comments

O WOS Festival segue sumando nomes ao seu cartaz

Hai unhas semanas recomendabamos os nosos festivais favoritos para este verán. Sen embargo xa un pouco máis alonxado das datas estivais, o WOS Festival consolídase ano tras ano como unha cita obrigada no panorama musical galego. Este festival busca presentar en Santiago de Compostela e en Galicia formas artísticas ao redor da música electrónica e a exploración, e avaladas polo recoñecemento de público e prensa fóra das nosas fronteiras.

O Centro Galego de Arte Contemporánea, a Cidade da Cultura, o Teatro Principal, a Fundación Eugenio Granell, a Igrexa da Universidade, o Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego, o Mercado de Abastos, a sede da Fundación SGAE, a Sala Capitol e a Sala Malatesta serán os dez escenarios deste festival indoor de vocación transdisciplinar e proxección europea que celebra o seu quinto ano na capital galega. Nun primeiro anuncio soubemos que este ano poderemos disfrutar neste festival do krautrock de Kreidler e da electrónica de Skee Mask entre outros nomes. Hoxe xa coñecemos outros oito nomes que se suman ao cartaz da quinta edición do WOS Festival.

A norteamericana Laurel Halo é un dos grandes nomes da electrónica da última década. Comparada en ocasións con Laurie Anderson, leva acumulando eloxios e recoñecemento desde a publicación do seu primeiro album, Quarantine, seleccionado por Wire como disco do ano en 2012, e a través de festivais e clubs de referencia en todo o mundo. A artista acaba de publicar hai poucos días o seu último traballo, o EP Raw Silk Uncut Wood (Latency, 2018).

O rapeiro Oddisee leva acumulados nos seus case quince anos de carreira 37 referencias baixo o seu nome. Fiel ao estilo costa Este de A Tribe Called Quest ou De La Soul, o seu son vén envolto de cadencias jazzisticas e bailables, e as súas letras non falan de drogas, violencia e diñeiro, senón que abordan con sabedoría e honestidade temas como o racismo ou a islamofobia.

Outro artista que encabeza a lista dos novos nomes engadidos ao cartel da cita compostelá é o de Spectrum, proxecto do ex- Spaceman 3 Peter Kember. O británico, toda unha figura de culto na música a través de diversas formacións desde finais dos anos 80, conta no seu diario de a bordo con colaboracións con nomes como My Bloody Valentine, Silver Apples ou Kevin Martin de Techno Animal entre outros.

O WOS Festival acollerá tamén o primeiro concerto no Estado español de Abul Mogard, unha figura tan misteriosa como encomiada, da que se conxectura que é un traballador serbio do aceiro que comezou a súa traxectoria artística tras a súa xubilación. Un dos grandes compositores de drone ambient dos últimos tempos. O seu directo estará acompañado polas visuais da artista brasileira afincada en Londres Marja de Sanctis.

O produtor e DJ norteamericano Ron Morelli traerá ao festival seu novo disco en Hospital Productions (selo con referencias de Merzbow, Prurient ou Godflesh entre outros) recén publicado. Na súa faceta como DJ, Morelli móvese por terreos techno, house ou mesmo disco, sempre por diante das expectativas que xera a fama que lle precede.

Ahwar, o disco de debut publicado a finais de 2017 da exipcia Nadah El Shazly, valeulle á súa autora ser considerada como unha das artistas revelación pola prensa especializada, portada de Wire Magazine incluída. Jazz, experimentación electrónica e o maqam arábico, conforman a paleta sonora desta artista, parte dunha nova xeración de músicos que está a renovar o ideario musical árabe a partir da experimentación coas melodías e escalas tradicionais.

Pola súa banda, o trío de free jazz exploratorio Sumrrá, con 18 anos de traxectoria, seis discos editados, e centos de concertos por todo o mundo ás súas costas, presentan cun concerto único o seu novo disco, editado de novo polo selo neoiorquino Clermont Music. Sumrrá 6 Mulleres rende tributo a seis mulleres poderosas: Frida Kahlo, Rosa Parks, Rosalía de Castro, Qiu Jin, Malala Yousafsai e Nawal El-Saadawi. Para a ocasión concibiron un espectáculo único de videocreación en vivo con visuais de Laura Iturralde acompañando ás músicas que integran o álbum.

E pechan a lista de novos nomes os británicos The Evil Usses, un cuarteto psicodélico-experimental de Bristol eloxiado polos seus directos abrumadoramente salvaxes e enérxicos, cun persoal son que se sitúa nalgún lugar entre Captain Beefheart, Tortoise e Cardiacs.