Select Page

Nine Inch Nails – Not The Actual Events

23/12/2016 • Autoeditado

A escasos días de rematar o ano 16, Trent Reznor materializaba a súa promesa de que chegaría material novo do seu gran proxecto vital, Nine Inch Nails. Non escoitaramos ata o de entón ningún traballo dos norteamericanos desde o lanzamento, no 13, do Hesitation Marks, un álbum que probablemente estaba a esgotar toda unha serie de recursos que lle foron resultando ben a Reznor nos discos posteriores ao grandioso The Fragile. Xerárase unha grande expectativa ante o claro parecer que deixaba Hesitation Marks como final dunha etapa que comezaba co With Teeth. Nine Inch Nails estreaba formación; sen dúbida unha das mellores na súa traxectoria: a dupla fantástica integrada por Reznor e o seu agora inseparable Atticus Ross apuntalábase coas baterias sempre fiables e con moita pegada de Illan Rubin e o finísimo á vez que escuro e sucio sentido musical de Alessandro Cortini e recóbrese da expresividade única de Robin Finck na guitarra.

Este novo traballo aparecía co nome de Not The Actual Events e baixo o formato dun EP cunha duración aproximada de vinte minutos. Aparecía tamén coa promesa de que sería o primeiro de tres traballos que formarían unha triloxía. Co que nos atopamos foi cun EP que se reconciliaba coas orixes do proxecto de NIN na década dos noventa, deixando nun segundo plano o sentido máis comercial que agromaba noutros discos. Not The Actual Events é, ante todo, unha peza escura, sucia, que non concede ningún tipo de docilidade musical ao oínte. É unha volta ben meditada, máis madura, ás orixes, á dureza do industrial que desprende cada un dos cortes do celebradísimo Downward Spiral. Con todo, esta volta non foi para nada unha manobra conservadora e tacticista en vistas de volver gañarse ao fan máis nostálxico. Foi todo o contrario: asumir un risco que nese momento deixou á crítica contrariada, pouco satisfeita.

Reznor dábanos pistas en entrevistas sobre o concepto da triloxía e, en concreto, sobre o papel de NTAE nela (traduzo): “A idea desta cousa dos tres epés era a de atopar a verdade en nós, tratando de comprender quen somos nós agora e de que maneira encaixamos no mundo. O primeiro EP, NTAE, foi concebido desde unha perspectiva persoal, rabiosa e autodestrutiva sobre esa cuestión”. As letras do álbum xiran arredor da figura do ‘nowhere man’ que xa cantaron os Beatles, do estrañamento do mundo e a incomodidade ante a actitude da xente que hai arredor, durmida (murmura Reznor ao inicio e ao final de “Dear World”: “Yes, everyone seems to be asleep”), a negación, sempre pesimista. Probablemente esteamos ante un dos máis destacados traballos letrísticos e conceptuais de Nine Inch Nails.

Ábrese o EP con “Branches / Bones”, un tema directo, o máis claro do disco, breve, coa guitarra de Finck marcando unha dinámica moi potente. Estilo Nine Inch Nails inconfundible para unha correcta overtura. Segue “Dear World”, unha das mellores letras e o tema máis interesante do EP, verdadeiramente fresco. Conseguimos afundirnos no universo turbio, tenso e paranoico que propón NTAE. Hai uns silencios demoledores e un xogo de percusións e baixos que case hipnotizan, anticipándose ás liñas alleantes de “She’s Gone Away” e “Burning Bright”. Comezamos a notar a man brillante de Atticus Ross e non deixaremos de sentila ata o último acorde. Chega así “She’s Gone Away”, tema que a propia banda interpretaría nun dos cameos máis soados da volta da serie Twin Peaks. O certo é que a atmosfera creada polo tema é moi afín aos universos que frecuenta David Lynch, dialogando cos fundamentos máis primitivos do blues, sempre cun retorcemento inquietante que é omnipresente en todo o disco. Lémbranos a algún traballo de Angelo Badalamenti xunto con Julie Cruise, mais aquí todo é máis cru, máis pesado e escuro. En contraste coa lentitude de “She’s Gone Away” segue o EP con “The Idea of You”, un tema máis vertixinoso, moi achegado ao metal industrial, cun piano totalmente espido que marca de forma bruta o esqueleto do tema. A batería, de Dave Grohl, é sólida e algo vulgar se a comparamos coas liñas que podería facer Illan Rubin, mais perfectamente acaída para o tema de maior adrenalina pero quizais máis plano. A voz en spoken word é un recurso fresco. Os unísonos de baixo e guitarra fan fundamental a rítmica nun tema en que o percorrido armónico e melódico é puramente plano (e isto é unha escolla acertada).

O último corte, “Burning Bright (Field on Fire) é un dos temas máis misteriosos en canto que con moi pouco consegue enganchar ao oínte e gustar. Máxima sucidade e a voz de Trent Reznor outra vez explorando o recurso da spoken word, caracterizada como o discurso violento dun ditador (escoitamos samples dunha masa xubilosa). Isto conéctanos cun momento común de dúas obras conceptuais que Trent coñece ben, The Wall de Pink Floyd e o Antichrist Superstar, do seu discípulo Marilyn Manson (cunha forte influencia do primeiro). Tamén nos lembramos de temas como “Die Eier Von Satan” de Tool. O ritmo lento e a sinxeleza case ritual do retrouso é o mellor do tema, o absoluto bucle final que se perde na sucidade crecente ata que non queda máis ca ruído.

Quedámonos co mel nos beizos. NTAE dura pouco e deixa a sensación de que debemos resolver moitas dúbidas musicais e conceptuais nas seguintes pezas da triloxía. O EP segue unha dinámica escurecedora, como o autómata que queda sen batería e comeza a falar cada vez máis lento e máis grave ata que só escoitamos ruído e non entendemos nada. A personalidade dos temas e a expresividade das letras trabállaa Reznor dunha maneira en que nos sorprende para ben. NTAE é unha peza barroca. Hai xogos de saturación en todo o disco, como os ruídos que xa chegan a máximos no último tema. A progresión é ascendente neste sentido. Acumúlanse liñas e capas que chegan incluso ao nivel da propia voz, coa superposición da palabra de Reznor dicindo dúas frases ao mesmo tempo, valéndose do manexo do estéreo. É un traballo para escoitar con moitísima atención posta na grande cantidade de capas musicais que o conforman, como quen descifra un palimpsesto, verdadeiramente barroco nese sentido. Not The Actual Events non é un traballo compracente e niso está a súa grandeza. Nunha época en que, cada vez máis, a música busca con moita artificiosidade a conexión inmediata, este EP engánchanos precisamente por ofrecer unha dura resistencia, desafiarnos a desencriptalo. Trent Reznor volveu demostrar que o seu traballo está por riba de calquera moda. Un bo comezo.

 

 

Nine Inch Nails