Select Page

As gardiás, decepción costumista

Xavier Beauvois, gañador do Gran Premio do Xurado en Cannes no 2010 con De dioses y hombres, volta en As Gardiás cun retrato da Francia rural durante a Primeira Guerra Mundial. Narra a vida durante eses anos nunha aldea que é levada polas mulleres porque os homes teñen que ir ao fronte. Nathalie Baye e Laura Smet, dúas actrices moi recoñecidas do cinema francés, interpretan á nai e filla que quedan ao cargo dunha granxa. A debutante Iris Bry interpreta a Francine, unha sirvienta que chega a axudar co traballo.

A película trata cun detalle minucioso todas as tarefas que levan na súa vida diaria para sacar adiante do traballo. Muxir ás vacas, fabricar carbón vexetal ou colleitar soamente son un par de exemplos. Neste senso tamén amosa un cambio de época a nivel tecnolóxico, como a tecnoloxía ábrese paso pouco a pouco ante os métodos tradicionais. Aquí soamente búscase amosar e non se atopa a bastante habitual confrontación entre tradición e progreso. Tamén hai unha clara mensaxe antibelicista, faise constantemente fincapé en como a guerra cambia a xente, como xa ninguén é o mesmo.

A directora de fotografía é Caroline Champetier e xunto ás sólidas interpretacións é traballo que máis destaca da película. Referencia moito ás pinturas realistas francesas sobre todo de Millet, no que hai planos calcados a cadros do autor. Por outra banda, a dirección é bastante academicista e non arrisca en absoluto. Destaca unha predominancia do plano xeral que amosa contornas moi baleiras e austeras. Como o baleiro que deixa a guerra. Un tempo suspendido que se trata con gran coidado. Tamén existe un certo grado de abstracción co que se busca, a través das imaxes, transmitir as emocións que podían vivir esas mulleres. A incerteza e o medo de que lles deran a nova de que os seus maridos, fillos ou pais morreran ao día seguinte.

E aí acaba todo o bo que se pode dicir porque a maioría de cousas son negativas. Todo o tempo que se utiliza no costumismo, fai que o filme teña unha duración demasiado alta. Ademais,  estes actos non aportan narrativamente en absoluto. O guión, por outra parte, parece o dun culebrón caendo no máis barato melodrama. É todo o previsible que pode ser e cae en abundantes clichés que arruínan totalmente a experiencia de visionar a película.

Ademais, véndese como unha obra feminista onde o empoderamento das mulleres é notable, pero a realidade ten moitos matices. Se ben as mulleres fan un traballo moi duro por conta propia e hai diversos tipos de moralidades neste senso enfrontados, todas as decisións importantes da película están supeditadas ao home ou a accións por parte dos mesmos. A preponderancia masculina existe aínda que en corpo estean moi lonxe. A película berra sen parar que é unha situación coxuntural sen indicio de movemento. Salvando as distancias, paréceme que se fomenta a situación que denuncia o cineasta galego Álvaro Gago na súa curtametraxe Matria.

As Gardiás é unha película decepcionante. Non está a altura nin por asomo dun director tan recoñecido como é Beauvois. Non arrisca case nada e está tan chea de lugares comúns que parece o sofá da miña casa. Ten valor a nivel histórico e fala dende unha perspectiva pouco explorada pero non aproveita a oportunidade para aportar nada novo en absoluto. Ten demasiadas escenas superfluas e a súa historia carece de interese. En definitiva, unha real pena.

As gardiás
(Les Gardiennes)


Director
: Xavier Beauvois
Música: Michel Legrand
Guión: Xavier Beauvois, Frédérique Moreau, Ernest Pérochon
Fotografía: Caroline Champetier
Ano: 2017
País: Francia

Les Films du Worso