Select Page

Hereditary: O novo cine de terror

O pasado venres chegou ás salas de cine unha das estreas máis esperadas dende que a crítica internacional falara marabillas da primeira longametraxe do estadounidense Ari Aster, Hereditary

Non cabe dúbida de que o xénero de terror está a experimentar nestes últimos anos unha grande acollida grazas a títulos como The Conjouring (James Wan, 2013), It Follows (David Robert Mitchell, 2014) ou A bruxa (Robert Eggers, 2015), entre outros exemplos máis recentes. O cinema de terror está conseguindo achegarse ao espectador da man de historias que afondan na psique das personaxes para crear un vínculo directo co espectador, tentando evitar o susto fácil do terror máis convencional. O mesmo ocorre con Hereditary, unha cinta que se centra en tratar temas como a herdanza familiar de trastornos mentais, a pérdida de seres queridos ou a maternidade non desexada.

O primeiro achegamento á problemática familiar aparece xusto ao comezo do filme durante o funeral da nai de Annie (Toni Collette), cando a súa filla deixa claro que a avoa da familia non era unha persona de trato fácil, máis ben manipuladora e pouco comunicativa. A medida que o filme avanza descubrimos que o pasado desta muller, así como o de Annie, estivo marcado por desequilibrios mentais e a culpabilidade pola morte do seu pai e o seu irmán. O temor de que algún trastorno puidese ser herdado polos seus fillos irá crecendo no pensamento de Annie ata o desenlace do filme.

En Hereditary o terror está supeditado á propia narración, non é fruto dunha arbitrariedade escrava do propio xénero. A película emprega as súas ferramentas craves, como a música de violíns estridente, os lentos paneos da cámara ou as aparicións repentinas, pero todas elas traballadas de maneira pouco usual e só nos momentos necesarios. Varias destas escenas están a camiño entre o real e a distorsión da mesma por parte da mente dos personaxes,  con imaxes de grande impacto que recordan a filmes coma O exorcista (William Friedkin, 1973) ou Rosemary’s baby (Roman Polanski, 1968). Desta última, ademáis, bebe sen dúbida grande parte da angustia pola maternidade ou os rituais satánicos.

Son moitas as cintas ás que nos remite o filme de Aster, quizás por ese plantexamento tan clásico na súa historia máis tamén polos mecanismos que emprega para crear suspense e sorprender. Annie dedícase profesionalmente a construir escenarios en miniatura, e a presentación de Hereditary adentrándose nun deles para introducirnos no seu mundo, así como o emprego dos espazos durante o filme (os planos de situación exterior da casa no medio do bosque ou a recreación a escala que fai Annie das habitacións) serven para crear unha sensación abafante e de relación co propio desorde mental da nai dun xeito similar ao uso que fai Kubrick n’O resplandor (1980), do mesmo xeito que acontece co xiro de guión ao máis estilo Hitchcock en Psicose (1960).

Proba de que Hereditary é un filme de personaxes, das súas obsesións e do seu progresivo deterioro psicolóxico é o feito de que a trama se vai centrando en diferentes membros da familia pivotando entre eles durante a historia. Nun inicio a protagonista é Charlie, interpretada por unha xovencísima Milly Shapiro, toda unha sorpresa neste filme e cuxa presencia resulta imprescindible para a creación dese ambiente tan inquietante que impregna boa parte da película. O conflito materno-filial xorde, porén, coa relación entre Annie e Peter (Alex Wolff), que acaparan a maioría do filme cunhas actuacións dun dramatismo histérico espectaculares. Deste xeito, Hereditary únese a películas como Mama (Andres Muschietti, 2013) ou Babadook (Jennifer Kent, 2014) para falarnos do medo a non cumprir co papel de nai e a culpabilidade por non querer aos propios fillos.

Por todo isto é normal que Hereditary estea chamando a atención da crítica e o aplauso do público, porque non deixa ser un filme que recolle o mellor das grandes películas de terror da historia do cinema ao tempo que innova dentro dun xénero polo xeral moi particular e de gustos específicos. Deslígase deste xénero converténdose ás veces nun thriller ao mesmo tempo que se adscribe as súas normas sen deixar de lado a vontade por amedrentar ao espectador. Algo do que sen dúbida o director pode estar seguro é que Hereditary xa está considerado como un dos mellores filmes de terror desta década.

Hereditary


Director
: Ari Aster
Música: Colin Stetson
Guión: Ari Aster
Fotografía: Pawel Pogorzelski
Ano: 2018
País: Estados Unidos

PalmStar Entertainment | Windy Hill Pictures | A24