Select Page

por | Xuñ 22, 2018 | Concertos | 0 Comentarios

Fotografías: © Hugo Lima

NOS Primavera Sound – Día 2: De Yellow Days a Grizzly Bear, Superorganism, Four Tet e A$AP Rocky

O Parque da Cidade de Oporto é Mordor. Non sei a canto queda en kilómetros nin en minutos do centro da cidade, porque o que che poida dicir o Google Maps un día coma estes, non serve de moito. Sei que queda a unha odisea de viaxe en autobús que non para de frenar e que che leva de turismo polo extraradio. Pobre de ti coma deixes atrás a carteira ou calquera cousa necesaria.

O segundo día do NOS Primavera Sound foi o axeitado para levar o cabelo ben planchado. Pra quen non saiba do que falo, non choveu nada e mellorou o tempo favorablemente. E o festival decidiu comezar a tarde forte con propostas portuguesas do rock experimental de Solar Corona e Black Bombaim. Solar Corona abría o palco Seat o segundo día, distorsionando, camiñando entre o kraut e o stoner, e Black Bombaim iniciaban no palco Super Bock na mesma liña, mas poida que cun bocado mais de seriedade e solemnidade, sobre todo grazas a influencia da que beben  de bandas como Sleep.

A xornada continuou máis intelixentemente organizado, continuando con dúas propostas diferentes programadas no mesmo horario. Por unha banda, Amen Dunes pra quen lle apeteza continuar cun son indie que semella melancólico e remata por invitarte a unha viaxe ao interior da mente, un son que entraba moi ben tendo en conta que polo menos o día brindábanos nubes e claros. Sen embargo, se quedaras con ganas de tralla, dende Bristol, unha das cidades que viviu a escena punk que se extendera por Inglaterra na década dos 70, Idles facía vibrar o palco NOS por primeira vez no segundo día, demostrando que aínda queda desa persoalidade, nunha época na que algunhas bandas nos deixan a medias.

Continuando a tarde do 8 de Xuño, é importante comezar a destacar entre os máis de 20 concertos. Yellow Days foi un pastel sinestésico contra as nosas caras que envolvía coas follas das árbores do palco Pitchfork. George Van Den Broek, que así é como se chama, fíxonos mover o corpo lentamente con melodías influenciadas por Mac Demarco e desgarrounos o corazón coa voz ao estilo King Krule. Xusto despois, visita obrigatoria ao palco NOS, alí estaban The Breeders, banda creada por Kim e Kelley Deal a principios dos anos 80. Con temas como Cannon Ball ou No Aloha deron un concerto brillante, nostálxico e representativo para as mulleres.

Proseguía a tarde co concerto dos maravillosos Grizzly Bear no palco Seat. Primer concerto da tarde que chegou á pataquiña. Abrindo co tema Losing All Sense do seu último disco Painted Ruins, no que considero que apenas cambiaron o seu estilo, mais para os fans do seu son melancólico a man dun lixeiro viaxe psicodélico, aqueles que descubrimos isto como a auténtica panacea, preferimos que sigan por esa liña. Desgarradoras cancións como Ready, Able e Two Weeks irradiaban, nas últimas horas da tarde, entre nubes e claros, azuis e laranxas.

O festival deixaba un tempo de descanso despois de tanta caricia musical de guitarras, porque o que continuaba era un non parar de sintetizadores. O devir de Superorganism, Four Tet, A$AP Rocky e Floating Points.

Por favor, non quero infantilizar a ninguén, nunca, non o entendades por aí, pero é que o bolo de Superorganism tivo unha espontaneidade nas coreografías propia dunha función escolar. Iso si, todo canto fan, a posta en escea, a música, todo está feito con madurez. Cando coñeces ben o que é o indie pop, sabendo tanto o que se leva feito como o que o público necesita, se forma algo como isto. Aínda que pareza unha paradoxa tendo en conta que é música moi bailable, con toda honestidade, hai demasiados grupos soporíferos ou desfasados nesta liña. Mais Superorganism foi digno de adorar. Espontaneidade, naturalidade, colores, sons de cousas moi concretas. Divirtense eles primeiro e é o máis importante para despertarnos. Superorganism é o videoxogo definitivo que todas precisabamos.

Dimos un salto extremo do excéntrico ao minimalista. Dous ordenadores (penso), sintetizadores e un pequeno flexo e o único que precisa Four Tet pra facerte sentir auténtica paz e ser feliz e hierático. A proposta forte da electrónica desta edición. Por momentos ecos, por momentos golpes, pellizcos, son continuo con pequenas fluctuaciones. Rigor e drama ao mesmo tempo con temas como Two Thousand and Seventeen. O que fixo foi unha auténtica obra de arte. Pena me da o desgraciado que lle chamou ‘discjockey’ en certo coñecido e reputado periódico. Calquera con sensibilidade pode apreciar isto, pero hai que tela, e o seu directo é emocionalmente acollonante. Despois xa ven a parte técnica, que habendo so uns cantos coñecedores da materia, o final o importante é a pureza coa que te chega. Unha profesionalidade que ven de anos atras, maxistral.

Atopábame eu nunha fascinación e elevación cando un bo amigo se me acercou e espetoume ao ouvido, invitando e xurando: “Paula, tía, están poñendo unha pasarela polo medio do público para A$AP Rocky. Eu en 10 minutos vou pillar sitio, ti verás”. Eu corpóreamente non estaba alí, debido ao magmetismo de Four Tet. Mais recoñezo que cando reflexionei ben sobre o que me dixera meu amigo, levei as mans a cabeza.

Resulta que aquela pasarela foi un atino sobresaliente, pero non o único detalle de o todo que conformaba aquel APOTEÓSICO, frenético e culminante concerto. A$AP Rocky levouse o protagonismo do segundo día do NOS Primavera Sound, ¿vale?. Quero dicir, queira ou non, teño que e debo dicir que foi así. E gozei, gozamos, coma nenas. Aqueles pantalóns abombados e amarelos co que podías ver a A$AP Rocky dende calquera parte de Porto, aqueles tubos que botaban fume como para cubrir todo o recinto, aquelas chamaradas, aquela enorme cabeza de ‘crash test dummy’ sendo testigo do delirio… Co primeiro grito de A$AP e con toda esta posta en escea acompañada de luces amarelas, case se me sae o corazón pola boca. A primeira parte do concerto co tema Distorted Record seguido de A$AP Forever -tema no que se percibía a cantidade inmensa de xente alí presente-, pertencentes ao seu noventero último disco, Testing, foi unha hostia tan fulminante e directa que so puiden berrar coma se fose a morrer un segundo despois. Non hai palabras pra o momento no que mirou á cámara e sorriu, ou mais ben, ensinou os dentes, a todas as presentes no palco NOS. Un concerto quebrantador no que o seu carisma e movemento levouse de regalo dous suxeitadores. Cousa que A$AP Non desaproveitou e restregou polo seu corpo. E aquí deixo espazo para a imaxinación.

Bastante me jodeu a imposibilidade física para estar presente en todo momento, por cuestións loxísticas, en certos bolos, como por exemplo os seguramente fantásticos e frenéticos Fever Ray e Vince Staples. Pero francamente, veume de perlas que A$AP Rocky coincidise con Unknown Mortal Orchestra, xa que, honestamente, foi unha das miñas maiores decepcións en directo. Sen embargo, teño o privilexio de recibir críticas sobre Thundercat, dos que non me esperaba menos que un directo performático e incríbel a nivel técnico, ademáis de ser músicos cercanos ao público.

Remataba a segunda xornada tan exhausta e alucinada que apenas vos podo expresar con delimitacións o acontecido con Floating Points. Un burato de verme con fractales, puntos que suben e baixan, e free jazz pasado por sintetizadores. Foi un puro trance no que non puiden parar de moverme. Por algo é doctor en neurociencia o señor Sam Shepherd. Tiña moitisimas ganas de menear a cabeza dun lado para outro pechando os ollos dende o primer momento que descubrín esta maravilla e dende que un compañeiro de blablacar espetoume con toda a sinceridade “carallo, moito che gusta a festa” cando dixen que esto era xenial. Pechaba as propostas máis importantes do día deixando xa paso ao after no palco Bits para os máis comidos. Pero eu xa recibira toda a dose de fervor cerebral no palco Pitchfork cos experimentais puntos flotantes.

Xuro que era todo embriaguez de felicidade e superbock.

E somersby.

E bifannah vegana. Adorei!