Select Page

Nathaniel Dorsky e Stan Brakhage traen de volta o cine experimental ao CGAI

O último filme de Dorsky terá a súa estrea no CGAI este venres ás 20:30h, e o sábado ás 18.00h nova sesión adicada a Brakhage

Nathaniel Dorsky é un autor especialmente prolífico e recoñecido dentro do cinema de vangarda, cunha obra que destaca pola observación íntima e luminosa dos espazos. Tamén é autor do libro Devotional cinema, traducido ao castelán por Revista Lumière, máis un manifesto que un ensaio con vontade académica no que reflexiona de maneira apaixonada e poética sobre o tratamento do tempo e a montaxe, empregando directores lendarios coma exemplo (Dreyer, Ozu, Antonioni, Rossellini, Godard, Ford).

Esta fe inquebrantable na natureza lírica do cine levouno a exhibir as súas pezas en espazos de referencia coma o MoMA de Nova York, o Pompidou, a Tate Modern ou Filmoteca Española, ademais do Centro Galego de Artes da Imaxe, onde non é a primeira vez que proxectan os seus filmes. O pase este venres no CGAI de Arboretum Cycle, a súa última película, supón a estrea no estado español da mesma. Trátase dun ciclo de sete pezas, que agora xa só mostra coa serie completa –unha delas, Elohim, gañou este ano o premio Jean Vigo no Festival Punto de Vista–, filmadas ao longo dun ano moi preto da súa vivenda en San Francisco, no arboretum do Golden Gate Park.

Na sección Desencadres a filmoteca galega tamén mostrará o sábado ás 18 horas as series de Exipto e Babilonia de Stan Brakhage, xunto a outros traballos do autor máis profundo e inesgotábel do cinema experimental estadounidense.