Select Page

por | Xuñ 21, 2018 | Cinema & TV, Series | 0 Comentarios

FLCL: creatividade como bandeira de protesta

FLCL é un anime de seis capítulos estreado no ano 2000. Naota, un rapaz de doce anos cunha vida completamente normal pasa os días coa ex moza do seu irmán que se foi da cidade por xogar ao béisbol. Un día aparece Haruko, unha extraterrestre que porá todo patas arriba. Se isto xa parece extravagante,  mellor xa non falo de cando se meten robots e sociedades secretas de por medio. Soa tan loucura como é. Tan loucura como facer unha obra onde o argumento ten unha importancia tan nimia coma neste caso. O encargado da produción foi un comité entre o que se atopaba o emblemático estudio Gaynax, responsable doutras obras que pretenderon ir máis aló do xeral como Neon Genesis Evangelion. Hoxe en día lamentablemente fai un tipo de series moi diferentes.

O estudio tiña presuposto para vinte e seis capítulos pero quedaron en seis por unha pura decisión creativa. Isto permitiu unha acción frenética, non ter escenas de recheo e posuír unha animación a un moi alto nivel en todo momento. O director do proxecto foi Kazuya Tsurumaki que lle deu aos diferentes directores de arte unha liberdade total á hora de atopar un estilo propio de animación. Así podemos atopar dende un manga animado, secuencias preto da animación estadounidense (con referencias a South Park incluídas) ou xiros nun entorno en 3D. Cada episodio é unha peza única neste senso.

En xeral, a narración é frenética e non deixa espazo para o descanso. É normal que en moitos momentos o espectador non saiba o que está pasando. A obra búscao a conciencia, FLCL está feito para ver varias veces. Cada vez que te metes no seu mundo, dáste conta dalgo máis. De detalles que en anteriores inmersións pasaches por alto ou simplemente non entendiches. É un produto cunha profundidade abismal a pesar da imaxe simplista que pode transmitir nun primeiro contacto.

Máis aló do argumento principal, FLCL fala do paso da infancia á adolescencia. De como é ese proceso no que ocorren cambios corporais que non se entenden -hai numerosas referencias sexuais no metraxe- e as implicacións de madurar. Con catorce anos todo o mundo se cre o rei do mundo ata que crece e sabe que non é así. Este é un dos puntos máis importantes da serie: o como chegar a ser adulto. Partindo da base de se hai algunha definición de ser adulto, claro, porque dende logo eu non a coñezo. Igual todos seguimos sendo rapaces e soamente é unha etiqueta para sentirnos mellor connosco.

Tamén reflexiona sobre como é vivir a sombra de alguén máis importante e os sufrimentos que causa. Isto é encarnado na figura do irmán do protagonista, que nunca sae fisicamente pero sempre está. Dende o xeito de nomear moitas veces ao protagonista cun alcume parecido ao del ata ás abundantes referencias ao béisbol. Fai numerosas metáforas sobre eses espellos que moitas veces son como muros de formigón que limitan ao ser humano. A mensaxe que transmite é que son necesarias para avanzar pero convén nalgún momento dado superalas para saír do niño.

Ademais, ante todo é unha crítica. FLCL berra adolescencia e polo tanto berra rebelión vitaminada. Independentemente do que queira contar, a súa soa existencia é un alarido contra o establecido. Nunha industria como é a do anime -aínda que podemos perfectamente trasladalo ao mundo do cinema á perfección- onde cada tres meses saen copias e máis copias do éxito de que máis de moda estea, onde se arrisca o mínimo e se pr o criterio económico ante calquera cousa, crear algo así é contrahexemónico. E o pretende ser, tal e como o demostra que o obxectivo último dos antagonistas é pasar o ferro polo mundo, uniformalo.

Outro elemento de gran importancia é a música. Toda a banda sonora está a cargo de The Pillows, unha banda de j-rock moi consolidada. Non soamente é de alta calidade e comulga perfectamente co ánimo e a mensaxe da serie, é que a propia produción é consciente da súa mensaxe. Hai escenas que foron animadas a partir da peza musical e non ao contrario como é o habitual. Por esta razón é habitual que dende parte da crítica sexa considerada como un “videoclip xigante”.

Proximamente sairán dúas temporadas novas (FLCL: Alternative e FLCL: Progressive) deste anime de culto neste ano faise maior de idade. Está ben o dobre sentido neste aspecto pero sentíndoo moito non me podería dar máis pena. Por unha banda, FLCL fíxose co obxectivo de ser un produto distinto, o seu significado e a súa importancia nacen de alí. Se se fai algo similar a FLCL, estarase rompendo o concepto. Se pola contra se fai un produto distinto, o resultado é aínda peor: estarase convertendo á obra orixinal en parte do que esta criticaba.

En definitiva, o que quero expresar é que non vai haber nada como FLCL e iso é o que fai grande. Gústame pensar que é a clase de obra que farían directores de Garpar Noé ou Lars Von Trier se se dedicasen á animación (E se tiveran un mínimo de afecto cara a especie humana). A ninguén lle parecería ben unha suposta Melancholia 2 sen ninguén do equipo orixinal facéndoa. Eses seis capítulos son unha oda á reivindicación da autoría, unha das liñas vermellas polas que non se debería pasar.

FLCL


Director
: Kazuya Tsurumaki, Masahiko Otsuka, Shouji Saeki, Takeshi Ando
Música: The Pillows
Guión: Yoji Enokido
Ano: 2000
País: Xapón

GAINAX / Production I.G