Select Page

por | Xuñ 20, 2018 | Libros, Literatura | 0 Comentarios

“Coraline”, o Hänsel e Gretel moderno

Moitos coñecerán xa esta historia, obra de Neil Gaiman, publicada por primeira vez (na súa versión orixinal inglesa) en 2002. Agora, Coraline chega na súa versón galega a través de Urco Editora.

Sinopse

Coraline e os seus pais mudáronse a un novo fogar; estes últimos están moi ocupados, e non teñen tempo para lle prestar atención á súa filla, quen, para combatir o aburrimento, comeza a explorar a casa. Ata que atopa unha estraña porta que a leva a un mundo case idéntico ao seu, incluso nos seus habitantes, salvo un detalle: no canto de ollos, todos posúen botóns cosidos ao rostro.

A historia

Nese outro mundo, todo parece mellor. Os Outros Pais de Coraline están dispostos a darlle todo o que pida. Pero non todo é tan bo como parece. A nena descubrirá cales son os motivos da Outra Nai para atraela ao seu carón, e tentará regresar ao seu verdadeiro fogar. Cando o consiga, comprobará que os seus auténticos pais desapareceron, polo que deberá volver a cruzar a porta e enfrontarse aos seus medos para traelos de volta.

Coraline é case que unha reinterpretación do mito de Hänsel e Gretel: un ser maligno que atrae a nenos con doces e outras marabillas co obxectivo de papalos. A historia trata a superación dos medos e a complexidade das relacións materno-filiais, cunha trama sinxela e doada de seguir que consegue que a calqueira idade nos estremezamos ante ese monstro que quere atrapar á pequena protagonista.

Opinión

Xa no seu momento atopei en Coraline unha perfecta historia de terror apta para case tódolos públicos; nenos e grandes pódense ver atrapados neste relato; sentimos o fastío de Coraline ao comezo, trememos ante o castigo da Outra Nai ou nos envalentonamos cando a nena se atreve a retala a un perigoso xogo. A narración é áxil, non hai momentos baleiros no que poda resultar monótana, e está perfetamente estruturada.

Toda a trama xira en torno ás personaxes de Coraline e a Outra Nai. O resto actúan case como elemento decorativo, coa salvidade do gato, unha mestura de mentor e compañeiro de fatigas que acompaña á nena en ámbolos dous mundos. A el pertencen as liñas de diálogo máis memorables, amosando certo grao de humor negro e moita ironía. Na miña opinión, esta personaxe é o mellor do libro todo, tanto polo seu carácter como papel na trama.

“—Os gatos da miña casa non falan.

Non? —estrañouse o animal.

Non —contestou ela.

O micho saltou con elegancia desde o muro até os pés da nena, logo fitouna fixamente.

En fin, ti es a experta nestas cousas —comentou secamente—. Que saberei eu? Só son un gato.”

A propia Coraline é unha personaxe interesante pola súa evolución, pero peca de predecible; coma en toda historia deste tipo, sabemos de antemán que nalgún momento vai ter que plantarlle cara á antagonista, a Outra Nai, que pola súa natureza é unha personaxe sen profundidade (tampouco a pide; é un monstro, un ser doutro mundo coa única vocación de atrapar nenos e roubarlles a ánima, polo que non necesita maior xustificación).

A pega que se me ocorre a esta edición é cuestión de simple gusto personal: acostumeime a relacionar Coraline coas imaxes de Dave McKean, e coido que gañaría moito máis se contase con ese acompañamento visual para complementar o texto. A ilustración da cuberta (obra de José María Picón) é suxerente e ben traída, pero non acabo de relacionala coa Coraline do meu imaxinario.

Conclusión

Dado que o asunto das ilustracións é unha impresión moi subxectiva, hei dicir que case todo son virtudes nesta obra. Coraline é xa un clásico moderno de LIX de terror, polo que esta versión na nosa lingua facíase absolutamente necesaria.

 

Coraline


Autor
: Neil Gaiman (tradución de Tomás González Ahola)
Ano: 2017
País: Galicia
ISBN:978-84-16121-91-5

Urco