Select Page

por | Xuñ 15, 2018 | Concertos | 0 Comentarios

Fotografías: © Hugo Lima

NOS Primavera Sound – Día 1: Father John Misty, Lorde, Tyler the Creator e Jamie XX

É ben sabido que ir a Portugal é unha felicidade. Moito mais do que voltar. Para comezar, ao ir alí tes unha hora máis de día de regalo, e ademais encóntraste nun dos mellores países que existen. Xa fun feliz só con iso, pero non era totalmente consciente do que me ía brindar o festival Nos Primavera Sound da edición deste ano 2018. Foi o meu primeiro Primavera e polo tanto o primeiro festival desas dimensións e oportunidades. Tamén cabe destacar que fun co mellor grupo de persoas coas que podes ir, curtidas en festivais. Tiña o pack perfecto preparado. Só me faltaba deixarme levar.

Penso que non ter nada mentalizado que ía vivir algo así foi o mellor que me puido pasar. Non levar predisposicións e vivir a experiencia coma un pico de felicidade na miña vida. O festival foi excepcional en todos os sentidos. Agora que xa o vivín, teño claro que non ía levarme ningunha decepción; pero vivilo tal como veu, atravesándome, foi mellor que ter pretensións.

É certo que o tempo non foi o mellor. Especialmente o último día, soubemos o que é ter demasiada devoción por un artista como para soportar cada pelo, oco e cacho do noso corpo mollado, aguantando como sacrificio para Deus. Eu, e seguramente calquera dos alí presentes, na altura da saída do cartaz, imaxinábame a min mesma neste fin de semana con pantalóns curtos, camisas hawaianas, lentes de sol, esquecendo a crema solar na casa… Pero alí estabamos, plantados frente aos escenarios e sempre baixo o orballo ou o diluvio, cunha media de 30.000 persoas por día, masa que ás veces semellaba unha secta, cuxa vestidura era o chuvasqueiro; outras veces, unha área controlada do goberno con radioactividade, algunha pandemia ou presenza de extraterrestres. Pero o certo é que todo tiña a súa orixe na admiración pola música.

Despóis de nos asentar, vivir unha experiencia surrealista coa recepcionista do hostal -contándonos como unha gaivota matara unha pomba para rilar nela na terraza do noso apartamento-, xuntámonos todas e por fin estabamos preparadas para o devir.

Chegamos ao recinto e a vista non dá para abranguelo todo. Catro palcos (sen ter en conta a nave industrial reservada para a after party),  zona de comida, merchandise, columpios, flores, bifanas, imprescindíbeis Super Bock e Somersby… Pero alí fomos ver os nosos artistas favoritos.

Tiñamos por diante o principio dunha das mellores experiencias das nosas vidas nun dos mellores festivais de Europa, no que favorabelmente mellorou o tempo a medida que entrabamos na noite. Aínda sendo o día de menos concertos, non deixou insafisteita a ninguén. Prendían a mecha ao ritmo cabo verdiano os lisboetas Fogo Fogo, e ao mesmo tempo, Foreing Poetry hipnotizaban os que preferían comezar o festival dun xeito máis calmiño. O xénero indie aportábano, de maneiras distintas, Ezra FurmanWaxahatchee, son máis influído polo folk. The Twilight Sad trouxo un lixeiro vento dalgunha das moitas formas do post-rock, mentres Startcrawler representan a performance glam dos nosos días. Non podemos olvidarnos da brillante voz andróxina acompañada de instrumentos de vento e corda que compón Rhye. Entre os concertos de Tyler the Creator e Jamie XX, solapábase Mall Grab, que enchía o palco Bits de novas ondas do House. Pero tampouco podo negar que rematei por destacar, en función da calidade ou da afluencia de xente, nesta xornada do día 7: o folk de Father John Misty, o lirismo sincero de Lorde, o flow asmático de Tyler the Creator e a garra de Jamie XX.

Father John Misty comezaba como o máis demandado do día, a unha hora na que o seu son folk era acompañado coa luz das últimas horas, malia non ser un día plenamente primaveral. Acabado de saír o seu último álbum God’s favourite customer, presentaba excelentes temas como Hangout at the Gallows, obicuos arreglos de guitarra e elegancia. Unha actitude fría que por momentos tornaba máis animada e outorgaba ao exbatería de Fleet Foxes o lugar de protagonista do show.

Lorde non engana. Esa rapaza que tan so con 21 anos xa leva unha longa carreira musical, demostra que o talento que leva anos expandindo entre os ouvintes de diferentes tipos de estratos musicais é real, moi real. E de graves a agudos, de sons minimalistas e melódicos do piano a tamén minimalistas bases electrónicas, recorría o recinto do Palco Nos e emocionaba o público. Demostra un carisma especial, madurez e seriedade, mais tamén un achegamento sincero ao público que facía notar a comodidade da artista coa audiencia. Os grandes temas do seu directo sen dúbida foron Royals, Perfect Places, e a cima con Green Light.

Probabelmente chegaba o momento de desprender por primeira vez a adrenalina para as propostas mais inflamatorias do festival, con Tyler the Creator e Moullinex. Ambas propostas sustancialmente diferentes, feito polo que seguramente decidiron programar ambos concertos para as mismas horas.

Mentres o produtor portugués Moullinex facía mover os corpos ao son da electrónica indie e neodance, Tyler the Creator máis ben foi o cartucho que fixo saltar sobre pólvora ao público e incendiaba os corpos que chocaban entre eles. Pero non é un rap convencional, a súa música estivo cargada de subgraves que che facían vibrar no máis fondo do teu corpo até as extremidades preparando o terreo para ser absolutamente sensíbel a súas cancións máis líricas como son See You Again ou Where this flower blooms, do seu último fantástico disco Flower Boy. Todo confluiu nunha mezcla de fulminantes sons mais achegados ao soul e o free jazz que realmente considero que fai tan especial e redondo o seu último traballo, co que se nota que está absolutamente máis cómodo, sobre todo pola ausencia de temas archicoñecidos como Yonkers. A posta en escena é moi auténtica e persoal, con ese chaleco fluorescente en contraposición con paisaxes naturais boscosos de cores cálidas, mais tamén proxeccións de ceos nocturnos sobrecargados de astros. Por non falar da súa forma de moverse polo escenario derrochando un flow tan carismático que é imposible non querelo.

Jamie XX, a única proposta electrónica do festival no palco Nos. Foi o concerto detonante para a demostración de que o Nos Primavera Sound pode con todo, e absolutamente todos os sons que ofrece os presenta cunha profesionalidade que poucas veces tiven o privilexio de vivir.  O produtor británico transmitiu forza, soberanía e resistencia, demostrando que a música electrónica en directo tamén é especial e substancialmente diferente entre xéneros. Deixou a máis de unha persoa sorprendida e fascinada. Aos ritmos de dancehall, o de The XX regalábanos auténticas xoias do In Colour.

Estaba acostumada a deixar a música electrónica en directo exclusivamente para festivais de electrónica, pero está claro que os que se dedican á maxia do Primavera saben ben o que fan, e saben o que nos gusta e cómo nos gusta. Non se lles escapa nada, e esta primeira xornada serviu para gozar dun bo son e de espectaculares visuais en todo canto se lles pete aos portugueses.