Select Page

Encontro con Eugène Green no cinema Numax

O domingo 17 de xuño ás 11:30, Eugène Green manterá co público do cinema Numax de Santiago de Compostela o encontro A cor das palabras baixo o enigmático título de «Presenza real no cinematógrafo», do que o cineasta nos achega unha descrición: «A presenza real é unha noción teolóxica que pode servir para definir un dos aspectos esenciais na especificidade cinematográfica, a saber, a posibilidade de captar, nos fragmentos do real, unha realidade agochada, e facela aprehensíbel ao espectador. O encontro procurará desenvolver esta idea, analizando as técnicas propias da arte cinematográfica que o fan posíbel».

Eugène Green é un dos cineastas máis singulares do cinema contemporáneo. Gran renovador do teatro francés como fundador do Théâtre de la Sapience, onde se especializa na posta en escena de autores como Pierre Corneille, Jean Racine ou Jean-Philippe Rameau, non será até inicios do século XXI, cando se inicie na dirección coa deslumbrante Toutes les nuites, coa que acada o premio Louis Delluc.

A continuación Green imponse cunha obra cinematográfica sumamente delicada, que segue o ronsel de autores como Robert Bresson, Yasujiro Ozu, Hou Hsiao-hsien ou Hirokazu Kore-eda, e que entende o cinema como medio de reflexión sobre a palabra, a arte, a filosofía ou a espiritualidade. Tras as sublimes Le Pont des Arts (2004) e La religiosa portuguesa (2009), en 2014 reafirma o seu amor pola arte barroca con La sapienza, á que segue Le fils de Joseph (2016), de filiación definitivamente bressoniana. Nestes dous últimos filmes emprende un mecanismo narrativo realmente singular que acada total protagonismo en Agardando os bárbaros (2017), que consiste en situar os actores falando cara á cámara mais dirixíndose a outros personaxes e non ao público. O filme nace dun taller con doce actores que non se limitaron á interpretación, senón que teñen funcións de eléctricos, scripts ou auxiliares e acadou o Gran Premio do Festival de Xixón 2017. O resultado final proxectarase no cinema Numax o sábado 16 de xuño, nun pase único que contará con presentación e coloquio de Eugéne Green.