Fotografías por María Mancebo Bettremieux

Kaos Urbano, Emilio Cao e un nacemento moi prometedor

Hai concertos que non deberían existir. Non polo feito de concerto en si senón polo fin. Ver agrupacións musicais unidas dun xeito solidario por unha causa xusta sempre é bonito e enche de emoción ata ao máis escéptico, pero sempre se acaba sentindo unha sensación agridoce. Neste caso foi o segundo concerto en escasos meses en apoio a Emilio Cao. Este rapaz, xulgado por nada máis e nada menos que manifestarse nas Marchas da Dignidade de 2014 en Madrid, podería entrar cinco anos na cadea. O seu xuízo retrasouse por incomparecencia das testemuñas e celebrarase o próximo vinte e cinco de xuño.

O primeiro grupo en tocar na Sala Malatesta de Compostela do día foron Os Tres Pés. Pode ser que este nome non sexa recoñecible nun principio pero se digo que é un grupo composto por Roberto Sobrado, Xosé Constela e O Leo igual si. Este último tamén estivo no anterior, de feito é o primeiro que sempre está nesta clase de iniciativas. O seu apoio e compromiso sempre é moi de agradecer. Neste caso, deixou o punk con que o soemos ver para tocar no trío cunha música moito máis tranquila moi do estilo de Sobrado. O público adaptouse ao ritmo da música e estaba igual de contido salvo na canción peche onde parecía empoderarse por segundos como preludio do seguinte que viría. Foi unha versión do clásico de Fuxan os Ventos Cantiga pra unha antroiada. Con ese “se non tedes sachos traerémonos nós” e co puño en alto, a xente xa estaba preparada para o seguinte.

Tras un pequeno descanso, chegou a sorpresa da noite e probablemente do ano no panorama musical galego. Da absolutamente nada chegou a tormenta. Do que parecía un grupo descoñecido máis de transición na espera do concerto do cabeza de cartel, chegou a revolución. Case literalmente. Impacto de Varsovia subía á escena. Cinco rapaces tocando hardcore e punk en galego e cunha mensaxe política moi clara. Dende o primeiro tema que tocaron, Mercenarios de poder, o público volveuse tolo. Ademais, era o seu concerto de debut. Poucas veces vin unha primeira vez con tanto éxito en toda a miña vida.

Entre o total de seis temas cos que fixeron desembarco, tocaron tamén un par de versións como República Galega da mítica banda Mencer Vermello, quizais a mellor interpretación de todas. Este grupo aínda non ten gravacións pero agardo que nun futuro moi próximo podamos desfrutar de todo o seu traballo. Por suposto que lles falta rodaxe, pero polo menos as sensacións son boas e os asistentes estaban totalmente entregados. Espero que isto non se quede soamente nun bo directo.

Logo chegou a quenda de Kaos Urbano, a maior atracción do evento sen ter en conta o obvio principio de solidariedade que seguen o asistentes a clase de concertos. Pasou algo curioso. A pesares de ser un histórico grupo de Oi! español con vinte anos de experiencia ás súas costas, o público comezou máis apagado que co grupo anterior. Todo comezou a volverse a polas nubes outra vez cando tocaron a dúo con Impacto de Varsovia o seu tema Entregados.

A partir dese momento nunca se volveu baixar o pistón. Fixeron un percorrido por moitos dos seus grandes éxitos como Con dos cojones, Inadaptados ou Las Calles de Abajo ou Espíritu del 69. Antes de tocar Ángel Caído, sumáronse ao berro de todos os congregados alí. “Absolución Emilio Cao” sonou na sala e transcendeu incluso ás gorxas. Outro dos grandes momentos foi cando a capella cantaron No hay tregua de Barricada. A rabia, o descontento e as ganas de loitar facíanse palpables en cada cara. En cada voz. En cada persoa.

Cando rematou todo, o sentimento xeral era de que algo continuaba. E non falo en absoluto de concertos, berros ou pogos. Emilio ten que ir a Madrid en menos dun mes. O problema é que independentemente do resultado do xuízo -que agardemos que sexa satisfactorio para el- non é nin o único xuízo nin o único evento deste tipo que se fai. O día que xa non haxa que facer crónicas destes eventos será un día feliz.