fotografías: Marcos López, Adra Paixón e Belén Cordero

FaCeLa Fest III – Día 2: Joana Serrat, Fogbound, Sr. Chinarro, Papaya…

Segundo e último día do festival e por fin o sol relucía en Lugo. A diferenza do día anterior, no que a chuvia e os concertos se concentraban todos á noite no recinto exterior do Pazo dos Deportes, hoxe serían en diferentes momentos do día e nun escenario máis. En primeiro lugar, a sesión ao mediodía nunha terraza do barrio da Tinería, e pola tarde o espectáculo sería trasladado de novo ao Pazo.

Por motivos de axenda, perdímonos a sesión vermú amenizada por Indomable, todo un home orquestra cantando e tocando guitarra, armónica, bombo e pandereita, e máis por Calcutá, o proxecto en solitario de Teresa Castro, guitarrista e vocalista dos Mighty Sands, unha das bandas que abandeiran a neopsicodelia lusa. A lisboeta viña de ofrecer un magnético concerto en Santiago dentro do ciclo Placeres Ocultos da asociación Desconcierto Cultural. Segundo me contaron, en Lugo tampouco defraudou.

Chegamos puntuais á primeira cita do serán co folk e a sensibilidade dunha novísima Joana Serrat. A cantauotra catalá presentou a súa nova gravación “Dripping Springs” e interpretou tamén parte do seu anterior traballo “Cross The Verge”, cos que fixo viaxar ao público a través da súa voz aterciopelada e chea de matices que a catapultaron a ser unha das grandes figuras femininas do panorama musical. A medida que transcurría o concerto a conexión entre Joana e os asistentes facíase máis notoria. Ela viñase arriba falando da súa vida e contanto anécdotas, falaba da néboa do seu pobo natal como case un estado vital que lle levou a acordarse dos seus primeiros discos para os que tamén houbo lugar en forma de canción, pois un dos temas que máis a identifican é “Green Grass”, procedente do seu segundo álbum e que supuxo a comunión total coas deceas de persoas alí presentes. Flotamos con ela e non puido haber mellor comezo da xornada.

Tras ela virían Atrás Tigre, xa de sobra coñecidas en Lugo (ou deberían selo), unha banda que sorprende na súa sinxela calidez e armonía do seu directo, breve pero intenso, cheo de luz. Arrancaron con timidez e con problemas na guitarra de Pedro Solla, que lles supuxo un parón de algo máis de 10 minutos con todo o equipo técnico involucrado para atopar a incidencia. Xa solucionada, regalaronnos un tema novo que afonda no lado máis synth pop do grupo e que agardamos que graven axiña. Malia que o concerto foi cobrando fluidez, o cuarteto compostelano parecía por momentos máis concentrado en que non se lles escapara unha nota que en desfrutar e facernos partícipes. Era ademais un horario engorroso, xa que ás 20:45 dese mesmo día se desputaba a final da Champions. Finalmente, a enerxía dos seus últimos temas e o “Viva Lugo!” de Xiana Arias (á que podemos ver como actriz en A estación violenta) deixáronnos pletóricas.

E chegou o turno da psicodelia rock de Fogbound, que despregaron con tal forza que o xenerador de luz non deu máis de si. Dúas cancións dos coruñeses aguantou. Tras varios intentos por arrancalo non lles quedou outra que chamar e pedir outro. Os organizadores sairon ao palco a dar explicacións e expresar desculpas; o público respondeu con consolos e vítores á equipa. Tendo en conta que eran xa as nove e media da noite, sábado e co famoso partido contraprogramado, dubidaba se o FaCeLa conseguería levantarse destes infortunios. Aproveitamos para saír a cear e descansar as pernas. Volvimos aos 40 minutos e atopamos a Indomable arroupado na pista polo público cantando a grito pelado “Un beso y una flor” de Nino Bravo. Un xesto que o honra saindo a animar á xente que permaneceu agardando, que tamén os honra, e máis a que foi chegando mentres se instalaba o novo xenerador.

Case unha hora e media despois, Fogbound volvían pisar o escenario lamentando o acontecido e ofrecendo un glorioso recital de como se dá un concerto. Era a segunda vez que nos visitaban en apenas dous meses. Unha boa oportunidade de comprobar que o que a primeira vez tiña ademais o aliciente da sorpresa, non perdeu interés agora que a novidade xa non existía. Sen distraccións, ao corazón da súa proposta, que se expresa cunha enerxía arrolladora que nace de catro individuos soando ao unísono, deleitáronnos cun rápido pero eficaz percorrido polo seu traballo, ata lles deu tempo a adiantar algún tema do seu próximo longo, aínda en preparación. Fixeron gala dun son psicodélico exquisito, cun teclado tan protagonista como o de Ray Manzarek en The Doors. Potencia, melodías pop, riffs ao guitar hero cando toca e tamén actitude punk. Non romperon ningún instrumento pero pouco lles faltou. Estes rapaces apuntan alto, moi moi alto.

Las Ruinas son un trío con base en Barcelona que sacaron un disco por ano desde 2010 e cuxa música se sitúa entre o heavy pop e o garaxe rock anello, conformando unha das combinacións máis explosivas do panorama estatal. Non tiveron o mellor son pero a talento, irreverencia e gracia non se lles pode gañar. Tampouco a cancións: “Secundarios del mundo, ¡uníos!”, “Estafa nacional” ou “OVNI” demostraron que o seu é conxugar inmediatez, sinxeleza e pulso para facturar hinos con estribillos pegadizos nos que as letras non deixan de ter un peso importante. O público viuse arriba cos temas máis coñecidos e coa intensidade coa que tocaron Las Ruinas esa noite, sen dar apenas tregua.

A partir daquí chegou a miña baixona e pouco ten que ver co artista que actuou a continuación, pero despois de dous concertos ruidosos, faltoume algo de ritmo ainda que iso non significa que Sr. Chinarro dera un mal concerto, nin tampouco que o público estivera totalmente entregado e coreasen todos e cada un dos temas. Notábase que a afluencia neste momento era multitudinaria. Un concerto que a maioría de asistentes ansiaban desde a súa chegada.

Sr. Chinarro é o grupo que se integra e desintegra arredor da peculiar figura de Antonio Luque, autor dun pop moi persoal e un dos poucos supervivintes da escena indie estatal de principios dos 90. Hei de dicir que a música de Chinarro non é precisamente bailable, nin para sair tola, pero si é un agrado para os oídos, posuidora dunha maxia que non todos os artistas teñen o poder de transmitir. Iso si, á hora de poñerse a cantar e tocar, seriedade absoluta, concentración e sobre todo, convencionalidade. Boa execución pero pobre actitude; un pecado bastante xeral e perdoable (por que?) nos concertos indies. A sobriedade está moi ben pero sen éxtase e arroubo non se pode pretender chegar (e encher) a todo o público. A deriva “conformista” de Antonio Luque contrasta, por exemplo, ca do outro pope do indie estatal, Nacho Vegas.

Sen embargo, a lírica mordaz, punzante, que engrandece as súas cancións viuse respaldada por unha banda que desfrutaba tocando. E así, entre temas archicoñecidos, algún coro (ata eu me deixei levar pola letra de “Una Llamada A La Acción” e cantei iso de “Por un mundo mejor, habrá que hacer el amor”) e varios comentarios irónicos, o concerto chegou a súa fin. A guinda do pastel foron “Babieca” e “Los Ángeles” que clausuraron un concerto que se fixo curto para os máis fans.

Con Doctor Explosión o festival chegou ao seu momento álxido. Este trío asturiano leva máis de 20 anos demolendo salas de concertos provocando o desparrame colectivo co seu gamberro garage-punk-beat. Probablemente case ningún grupo estatal pode presumir dun currículum internacional tan extenso. Patearon toda Europa e sitios como Australia, Rusia, EEUU ou Nova Zelanda; conquistaron Londres, onde ademais de actuar, gravaron varios dos seus traballos discográficos con Liam Watson, productor de White Stripes; os seus discos foron publicados por selos estadounidenses (Get Hip) e europeos, distribuidos ata en Xapón; editaron deceas de LPs, singles, EPs e mini LPs, aparte dun libro, videoclips e participar en multitude de recopilatorios. Famosos por dar caña e liala con clásicos como “La chatunga”, “Eres feo, chaval” ou a súa versión do “Drácula ye-yé”, por veteranía e polo seu divertido directo, eran unha baza segura para gustar á audiencia.

Jorge “Explosion” é un showman que bota man do humor ácido e poses no escenario para interpretar un repertorio cheo de cancións curtas pero explosivas. Como é habitual neles, dérono todo sobre o escenario e fóra del. Tanto Jorge como Ángel baixaron en sucesivas ocasións a tocar entre o público. Ao final do concerto, a locura colectiva instaurouse no recinto cando baixaron novamante do palco mentras Pibli desmontaba a súa batería para seguir aos seus compañeiros. Desta maneira, o trío calavera mesturouse entre os presentes e conseguiron que todos se puxeran de xeonllos mentres tocaban con forza os seus respectivos instrumentos. Todo un espectáculo que, por suposto, foi agradecido por uns máis que merecidos aplausos.

Eran xa case as tres da madruga e aínda quedaban tres grupos. A avaría descolocara por completo os horarios. Rapidamente Papaya incorporáronse ao escenario. O proxecto liderado pola canaria de ascendencia chilena Yanara Espinoza (Violeta Vil) caracterízase pola mistura do pop máis guitarreiro con melodías e ritmos propios da música latina e unhas letras que xiran entorno ao universo feminino e ao amor non romántico.

Cunha enerxía desbordante, a banda abriu con “Joyas en las Trompas” e “Caballo de sal”, dous temas pertencentes ao seu primero álbum que sirviron para caldear o ambiente dun público cada vez máis minoritario dado o tarde que era. Tiveron que tocar máis apresurado do normal e recortar repertorio porque o seu batería tiña que coller un avión. Así que colleron celeridade con cortes máis potentes como “Corazón abierto”, canción que dá nome ao seu último disco, publicado o pasado mes de febreiro. Chegados ao final do concerto, só podiamos escoitar as cancións máis sonadas da banda; o recente éxito “Ay mujer” convertido xa en hino da muller empoderada; “Soy un macarra”, a versión que fixeron do popular tema de Ilegales; e “Cosas fascinantes y sencillas”, canción á que lle deben a súa popularidade. Este tema bailongo foi o colofón final de Papaya, que pecharon satisfactoriamente a xornada rockeira deste FaCeLa Fest.

A programación pechábase co electro-rock dos lucenses Kadett GSI que se encargarían de manter en pé a todas as que continuaran no recinto preto das cinco da mañá. Pero o cansancio facía mella e decidín poñerlle punto e final antes co concerto de Músculo! Os de Valga volvían a Lugo tras presentar o seu disco debut na cidade só dous meses atrais, disco que gustou moito na nosa redacción. Como non puiden velos daquela, quedeime ao seu directo para vibrar coa súa electrónica bailable con tintes kraut, indie e noise. E valeu a pena. Tanto despedir o festival con eles como agardar catro anos para desfrutar da reinvención deste grupo xa referente da electrónica galega. A Kadett GSI agardo recuperalos noutra ocasión.

Lugo acolleu por terceiro ano consecutivo o FaCeLa Fest, unha iniciativa que comezou un veciño aficionado á música hai tres anos e á que se foron unindo máis melómanos. As súas inquidenzas leváronos a cubrir a demanda da cidade, programando concertos tanto en inverno como nas datas do calendario de festivais. O evento, dividido en dúas xornada, 25 e 26 de maio, fixo unha gran aposta para esta edición. Dous días nos que puidemos desfrutar dun total de 19 grupos de diferentes puntos do Estado e fóra del, onde case a metade, 9, foron galegos. Ademais do compromiso con Galicia, este ano consideraron programar máis mulleres para avanzar en igualdade.

Hai menos do 15% de representación artística feminina nos festivais galegos. A pesar de lograr aumentar a súa presencia nas programacións, a súa visibilidade segue sendo ínfima se a comparamos co número de homes que inundan os carteis. Un desaxuste que aumenta se falamos do escaso número de artistas femininas que aparecen na parte máis alta destes eventos, que é practicamente nula. O programa do FaCeLa Fest contou nesta edición con 7 mulleres, 3 solistas ou liderando como Calcutá, Joana Serrat e Papaya, e 4 integradas en Rufus T. Firefly (única muller no alto do cartel), Apartamentos Acapulco e Atrás Tigre. Un resultado moi lonxe aínda da paridade. Mais imos progresando.

A nivel técnico o FaCeLa Fest III tivo problemas como todo festival (non sei a cantos se lles escacharraría o xenerador), pero nada que non lograran solventar. E como non, inconvenientes alleos á organización como a chuvia e a final da Champions, que reduciron a afluencia. Tampouco axuda que o novo recinto estea tan apartado do centro. Pero pouco se pode facer se o Concello non cede espazos máis céntricos e non fai contribucións a asociacións culturais humildes e traballadoras como a que organiza este festival, que deixou un gran labor realizado, atentos a cada detalle e con ganas de mellorar.

Pouco máis que engadir, esperamos repetir o ano que vén e desexamos unha longa vida a FaCeLa e a música en directo en Lugo. De momento xa teñen programado un concertazo de Wire. A mítica banda británica visitaranos o sábado 1 de decembro no Club Clavicémbalo para presentar os temas de Silver/Lead.