Select Page

A estación violenta: Silencios que berran

A estación violenta é a primeira longametraxe da directora galega Anxos Fazáns. Trátase dunha adaptación da novela homónima do xornalista Manuel Jabois. Non pretende ser unha copia literal senón que ten un claro valor engadido encarnado na liberdade creativa da nova cineasta, de tan só vinte e cinco anos.

A historia trata sobre como Manoel (Alberto Rolán), un xornalista con alma de escritor –aínda que como diría Manuel Rivas ambas figuras son un pouco o mesmo-   que vive en Compostela insatisfeito coa súa vida. É o retrato do artista frustrado e autodestructivo que usa as drogas para abstraerse do que el considera unha vida terrible. Tras uns anos, atópase cos personaxes interpretados por Nerea Barros e Xosé Barato, uns amigos do pasado.

A temática principal do filme encárnase perfectamente no protagonista –que casualidade ou non ten un parecido enorme con Manuel Jabois- onde incapaz de mirar cara diante xa non ao futuro senón no propio presente, refúxiase nun pasado que xa nunca voltará. Unha melancolía moitas veces asociada ao carácter dos galegos aínda que penso que é unha actitude máis universal do que se acostuma a narrar.

Un dos aspectos máis importantes e valentes da película é o uso do silencio. É o elemento definitorio do filme. Moitas veces é máis importante o que se omite que o que se amosa. O que se cala que o  que se di. Todo isto amparado nunha interpretación notable dos actores a nivel xestual, que permite contar a historia cun número de diálogos moi reducido. A fin de contas, obriga ao espectador a armar o crebacabezas da historia e iso sempre é positivo. Pola contra, a forma de executar esta aposta narrativa ten leva ao problema fundamental do filme: unha falta bastante acusada de ritmo.

A película está rodada en varias localizacións entre as que se atopan A Illa de San Simón e Santiago de Compostela. Neste aspecto debo destacar sobre todo tal e como está tratada esta última. Este percorrido á Zona Vella compostelá lembroume á primeira vez que pisei esas rúas máxicas e cada vez que se atopa un escenario novo –sexa el que sexa- lógrase transmitir unha completa familiaridade.

En canto a banda sonora, pódese atopar unha mostra moi interesante de bandas emerxentes galegas como The Soul Jacket, Atrás Tigre ou Contenedor de Mierda, grupo onde toca a propia directora. Destaca especialmente a intervención de Laura LaMontagne, que tamén fai un pequeno papel na obra. É moi positivo atopar con esta clase de artistas nunha produción destas características, créanse unhas sinerxías interesantes á par que necesarias-

A estación violenta dista moito de ser unha película perfecta pero dende logo é unha película que tenta expresar algo e diferenciarse. Que fala con voz propia nunha industria onde se tende ao ton homoxéneo. Se segue por este camiño, a Anxos Fazáns quédalle un futuro por diante do que agardo escribir cousas marabillosas.

A estación violenta


Directora
: Anxos Fazáns
Música: Charles Rapante
Guión: Xacobe Casas, Anxos Fazáns, Daniel Froiz, Ángel Santos (Novela: Manuel Jabois)
Fotografía: Alberte Branco
Ano: 2017
País: Galicia

Matriuska Producciones