A Coruña acolle o Galeusca de editoras galegas, vascas e catalás

As editoras en lingua galega, catalá, valenciana e vasca, reuniranse na Fundación Luís Seoane da Coruña, entre os días 13 e 15 de xuño, no encontro GALEUSCA de editoras, de carácter bianual e desta volta organizado pola Asociación Galega de Editoras (AGE), en colaboración coa Asociación de Editores en Lingua Vasca (Euskal Editoreen Elkartea), a Associació d ´Editors en Llengua Catalana e a Associació d’Editors del País Valencià.

Segundo informa a organización, “trátase dun encontro profesional onde se conversará, debatirá e reflexionará sobre a situación editorial, a internacionalización do sector, os plans de igualdade e a igualdade de xénero“. Un encontro que contará con cinco sesións de traballo e un “panel de experiencias”. Ademais, complementarase o programa coa exposición ‘A igualdade de xénero no sector editorial galego’ e cun espectáculo de poesía escénica.