por | Xuñ 11, 2018 | Concertos, Música | 0 Comentarios

fotografías: Marcos López, Adra Paixón e Belén Cordero

FaCeLa Fest III – Día 1: Sigilu, Ramirez Exposure, Rufus T. Firefly, Carolina Durante…

O FaCeLa Fest III supuxo un salto cantitativo e calitativo do certame, que logrou reunir a 19 bandas e uns 30 artistas nacionais, estatais e ata internacionais na explanada do Pazo dos Deportes de Lugo durante os días 25 e 26 de maio. Combinando veteranía e xuventude, esta nova edición presentounos auténticas lendas como Dr. Explosion ou a Marc Jonson e Richard Lloyd nunha formación moi especial, xunto a bandas emerxentes como Apartamentos Acapulco ou Carolina Durante, ademais de estrelas indies como son Rufus T. Firefly e Sr. Chinarro, canda a charanga de Esteban & Manuel ou incluso Músculo! pero tamén música de autor como a de Joana Serrat e Papaya, sen esquecer a aposta local de SigiluBerta Franklin.

A idea de organizar un festival destas características en Lugo xurdiu de tres mozos que, desde fai anos, escribían un blog musical que se reconvertiría nunha promotora-festival para colaborar no posible a aumentar e mellorar a oferta musical da cidade. Así, FaCeLa (inspirado na canción de The Feelies) decidiu dar o salto ao vivo e ao directo e regalounos unha primeira edición en 2016 con nomes como Oh! AyatollahChicharrón, Emilio José ou Tigres Leones. A segunda edición consagraríao como o primeiro festival urbano de Lugo con actuacións de Pablo Und Destruktion, Biznaga, Puma Pumku ou Kokoshca repartidas entre o Clavi, Mercado, Círculo das Artes e pinchadas no Ho! Gruf. Semanas despois, Celes (Ce de FaCeLa), axitador da música alternativa na cidade e DJ do desaparecido Saint Etienne (templo do indie lucense), parece que non tiña dabondo que se lanzou a montar o FaCeLa invernal, xunto a dous novos colaboradores Suso e Iván, apostando ao grande traendo os míticos Surfin Bichos o decembro pasado.

O FaCeLa é un festival nacido do esforzo e cariño duns mecenas locais, sen ningún tipo de subvención pública nin axuda política de ningún tipo, que tarde ou cedo chegará a formar parte dunha data sinalada nos calendarios festivaleiros do país. E nótase en cada detalle desta terceira edición. Nun recinto exterior maior preparado con carpa para acoller comodamente a un gran número de persoas; con baños, mesas e bancos para descansar ou poder cear o adquirido nos postos; con máis grupos e cunha maior variedade de estilos. Todo isto fixo desta con diferenza a súa mellor edición.

Chegamos á explanada do Pazo dos Deportes (fogar do recén ascendido C. B. Breogán) a iso das 21:30, co cal, perdimos a primeira actuación dos lucenses Berta Franklin e atopamos no escenario aos tamén locais Sigilu metidos en faena cun público entregado malia que o tempo non acompañaba, chovía e facía frío. Os primeiros, de recente formación (que non de experiencia), viñan de participar na sesión vermú do FIV de Vilalba e polo que oín practican un blues-rock embadurnado de soul e aires psicodélicos. O que me fai lamentar a miña impuntualidade, que me impidiu ver o seu concerto e metade do de Sigilu. “Singularidad o barbarie” titulou ao seu primeiro disco este cuarteto lucense que define o seu estilo como trip folk. Unha mestura de electrónica sen sintetizadores e música de autor con ese violín eléctrico dando aínda máis singularidade, se cabe, ao conxunto. Non sabía nada deles, absolutamente nada, cando os vin a vez pasada teloneando a Surfin Bichos; e quedei pampa. Un estado que volveu a min nos contados minutos que presenciei desta volta. Con entusiamo e traballando o seu son con mimo e sen presa, Sigilu collen pulo a cada novo directo que ofrecen. Ben merecen ir abandoando o anonimato.

 

Sen dar a chuvia unha tregua, Abuela Te Quiero! eran os seguintes en saír a escena. Provintes de bandas máis que coñecidas na escena galega como son Uppercut, Avecrem (Repetidor Disc) e Belöp (Sony Music), tiraron dun rock alternativo con tintes popeiros e bailongos para ir caldeando ao público alí congregado, que ía chegando ao recinto con contagotas. Malia o ambiente distendido que se creou, xa que se empezaban a ver os primeiros grupos de amigos que entablaban conversacións ronroneantes, convén destacar a enerxía do trío ourensán desde o minuto cero e o seus sorrisos imborrables ao longo de toda a actuación. Levantaron o interés do público no último tramo con temas como “Fiesta”, “Superheroe” ou a súa carta de presentación “Te quiero abuela”, onde foi tal a forza desprendida pola banda que por inercia a audiencia distraida tivo que virarse a mirar. O broche final púxoa unha versión de “A Rianxeira” que provocou un alborozo xeral e unha volta ao bo rollo.

Puntual e coa guitarra sobre os ombros subía ao escenario Ramírez Exposure acompañado dun referente dos cantautores americanos inxustamente semi-oculto Marc Jonson e do mito Richard Lloyd, fundador de Television, grupo de culto no rock underground e new wave dos anos 70. Todo músico ten a un ou varios artistas de referencia cos que soña traballar cóbado con cóbado algún día. Víctor Ramírez pode presumir de ser un dos poucos que logrou ese soño. O ano pasado este novo intérprete valenciano sorprendeu con “Young Is The New Old”, un excelente disco de power pop producido por Marc Jonson e no que colaboraron, ademais de Richard Lloyd, músicos de renome como Ken Stringfellow (The Posies) e Brian Young (The Jesus and Mary Chain). Toda a maxia encerrada nese álbum puido disfrutarse enriba do escenario deste FaCeLa Fest.

Os tres músicos estiveron arroupados pola sección rítmica de luxo formada por Xavi Muñoz (ex-Litius e parte da banda de directo de Daniel Johnston, Ora Cogan ou Laetitia Sadier) e Marcos Junquera (aclamado batería de Betunizer agora en A Veces Ciclón). O set dividiuse en varias partes. Na primeira, repasaron as cancións de “Young Is The New Old”. Na segunda, fixeron un percorrido polos mellores temas de Marc, centrándose especialmente en “Years” e “12 In A Room” (reeditados en 2017 por Munster Records). Logo, Richard fixo un set especial repasando a súa traxectoria (na vida pensei escoitar ao vivo “Marquee Moon”!) e, ao final, acabaron todos xuntos tocando un par de temas. Foron recitais moi especiais, onde, apelando o efecto sorpresa que unha jam pop con semellantes mimbres pode ofrecer, celebraron que as boas cancións sempre permanecen vibrantes pase o tempo que pase.

A nada que escoites un pouco Radio 3 ou repases coa mirada os carteis de festivais que asaltan a diario o teu muro de Facebook, é fácil darte conta de que o grupo Rufus T. Firefly está de moda. Por iso, non era raro pensar que a súa primeira actuación en Lugo ía a ser un éxito. Por primeira vez na noite, unha parte do público colocouse en primeira liña do palco e a banda foi recibida con aplausos nada máis entrar. Montados coa súa habitual formación de guitarra e baixo na parte traseira do escenario, a batería á dereita, teclista á esquerda e Víctor Cabezuelo, voz e guitarra, arroupado no centro.

Pasearon o seu repertorio con hits como “Tsukamori” e “Nebulosa Jade” captando toda a atención dun público digno de alabar sabéndose as letras, unhas letras con grandes referencias ao cine, a música e a cultura, pero especialmente difíciles de aprender pola falta de estribillos simples ou pegadizos. Co concerto chegando a súa fin fixéronnos partícipes dun tema novo cheo de sintetizadores inspirados en Stranger Things, ademais de “dedicada aos amigos desaparecidos”. E entramos nunha recta final que comezaba con “Canción Infinita”, unha das miñas favoritas (esas guitarras máis piano recórdanme ao “Adore” de Smashing Pumpkins), que co seu ritmo pausado nos deu un respiro antes do brutal desenlace con “Nueve” e “El problematico Winston Smith”, que nos deixaron exhaustas pero con ganas de máis.

Debo dicir que Rufus é unha banda complicada para un técnico, xa que van cargados de infinitas capas sonoras e efectos envolventes, multitude de detalles que lles dan un son tremendamente elaborado e moi diferente ao que estamos acostumados no rock máis ao uso. A forza instrumental e o xogo de luces foron os protagonistas dunha posta en escena na que, sen embargo, o foco estivo dirixido gran parte sobre Julia Martín-Maestro, quen, sentada trala batería -que pasou de ocupar a parte traseira do escenario para situarse en primeira fila querendo dar quizais maior relevancia á agora única muller no grupo tralo cambio de formación-, adueñouse do show enteiro ofrecendo unha lección maxistral, cun groove e unha forza ao bater as baquetas capaz de atraer todas as miradas, aplausos e desencaixar as mandíbulas das alí presentes.

Pouco despois chegaba o turno dos exploradores de todas as variantes do dreampop e shoegaze de pinceladas noise, dos que nos fixeron recordar que o ruido pode ser precioso, de Apartamentos Acapulco. Pese a supoñer un freo despois da actuación de Rufus, polo propio ritmo dos granadinos, souberon ir de menos a máis e conseguiron meter no peto á maioría. Eu incluida, pois eran descoñecidos para min. E non porque non esteñan abríndose paso na escena musical: en apenas dous anos de formación xa contan con singles, EP e LP ademais de facer de teloneiros de Los Planetas, Él Mató a un Policía Motorizado ou The Pains of Being Pure at Heart.

Creadores dun son con claras reminiscencias noventeiras que miran de fronte a ese pasado célebre do indie estatal, pero tamén de My Bloody Valentine, Slowdive ou Ride. Falta que todos os referentes que manexan se filtren máis na súa música. O concerto desenvolveuse de forma fluida, un show íntegro, con cancións executadas ao milímetro e de poucas palabras máis aló dos agradecementos e algunha intervención esporádica do vocalista. Botei en falta arrebatos artísticos, saltos ao baleiro que redunden en pro do resultado; pero en canto a solvencia en directo non se lles pode sacar unha tacha.

Carolina Durante posiblemente sexan o máis interesante que lle pasou á cidade de Madrid en bastante tempo: hinos directos, retratos dunha vida contada a través dunhas letras alucinantes e irónicas, das mellores que podemos escoitar actualmente en castelán; coa voz alta, que se entenda, se oia, e nos chege adentro. Tiña moitas ganas de ver o que estes mozos ofrecen en directo. Recordánme moito a aqueles grupos dos 80 que non se sabía moi ben se eran de punk ou eran de pop. Estarán xa bastante queimados das comparacións cos da hormigonera asesina, así que paso de mencionalos.

Na primera parte do set optaron por temas menos coñecidos e máis lentos de ritmo, deixando para a segunda a artillería pesada. Soaron cancións como “Niña de hielo”,Necromántico” e En verano”, utilizada recentemente como banda sonora na serie Fariña. Así seguiron as cancións cantadas por Diego cunha voz limpa e clara que te golpea de cheo e adornadas cos seus peculiares bailes como se o Coppini dos primeiros Siniestro o posuíse. Tamén houbo sorpresas coa estrea dun tema novo cuxa letra romántica e descarada dicía: “prometo no causar mala impresión a los muebles de tus padres“.

“Uno, dos, tres, cuatro” e chegou o megahit “Cayetano”, coreado por todas como se fora o último que fixesemos antes de morrer. E ainda quedaba o espectacular final (cun tímido amago de pogo entre o público) coa que considero a súa mellor peza “La noche de los muertos vivientes”. Estes vinteañeros irrumpiron para retomar ese punk da Movida que fala de temas mundanos, en ocasións con tintes de humor e melodías pop, e que é capaz de acender a un festival enteiro ao ritmo dunha frase e tres acordes.

Que o garaxe e a cumbia están conectados non é ningunha novidade a estas alturas da vida, e por iso ninguén arqueou unha cella cando Carolina Durante deron paso a Esteban & Manuel. A cumbiatune que practican pide a gritos un local pequeno e pechado e é menos verbenera do que venden, ainda que precisamente grazas a iso gañan en contundencia. Sobre o escenario do FaCeLa (segunda vez que o pisan), o dúo orquestra despregou todo un repertorio de cumbias, merengues e demais ritmos latinos aderezados con autotunes infinitos, bases electrónicas e unha guitarra ao máis puro estilo Carlos Santana que conseguiron facernos desfrutar ata altas horas da madrugada. Sigo sen saber quen é Esteban e quen é Manuel, pero dame igual.

Primeira xornada finiquitada cun notable éxito en canto a bandas; un aprobado en canto a mediana afluencia para o que o cartel merecía, e un sobresaínte ás deceas de persoas que estiveron de primeira a última hora apoiando ao festival e ás artistas.