Select Page

Resólvense os Premios Xerais 2018 e os Lois Peña Novo

Este sábado anunciáronse as gañadoras dos Premios Xerais 2018. Na categoría de novela o galardón recaeu en Emma Pedreira, pola obra Besta do seu sangue; o Jules Verne de Literatura Xuvenil foi para Aplicación instantánea, de Carlos Negro; e o Merlín de Literatura Infantil deste ano é para Héctor Cajaraville por Kusuma. Cada un dos gañadores recibirá dez mil euros en metálico e verá publicada a súa obra este outono. Un dos cambios principais dos Premios Xerais deste ano é que a entrega dos mesmos terá lugar en outubro, o mes no que chegan ás librarías os títulos gañadores.

A Fundación Lois Peña Novo tamén revelou o fallo dos galardóns cos que recoñece o traballo a prol do galego no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta vixésimo cuarta edición o xurado seleccionou como galardoadas a escritora María Xosé Queizán, “pola súa traxectoria vital de compromiso coa lingua e a cultura galegas”, ao profesor e académico Manuel González González, “polo seu traballo de investigación científica no eido da lingüística galega” e mais ao xurista Xesús Costas Abreu, “polo seu compromiso coa defensa do galego no ámbito da Administración local”. Serán entregados no Castelo de Soutomaior o día 28 de xuño, nun acto público no que haberá música e palabra.