Select Page

Andrés Goteira: “Dhogs é unha película feita co noso pero cunha intención universal”

fotografía por Ada Seoane

Cando fai uns anos Andrés Goteira comezou o proxecto de Dhogs estou seguro de que nin por asomo agardaba a repercusión e todo o que está dando que falar a súa primeira longametraxe. Fixemos esta entrevista en Santiago de Compostela pouco antes da hora de comer. Para el non é nada máis que unha parada no seu camiño cara Vigo, onde ten un acto -un de tantos- relacionado coa presentación e promoción do filme.

Durante os máis de corenta minutos que durou a nosa conversa, Andrés mostrouse moi próximo e curioso con todo o que lle rodeaba. Acompañou as súas respostas con numerosos xestos coas mans para tentar explicar mellor calquera aspecto do que quedara dúbida. Pareceume unha persoa moi intelixente e da que estou seguro que haberá moitos máis motivos polos que entrevistalo de novo máis adiante, os proxectos futuros dos que falou teñen unha pinta extraordinaria.

Estudaches para Técnico de Son e logo Telecomunicacións. De onde che veñen estas ganas de facer películas?

Iso está por enriba de todo. Son “teleco” porque a sociedade case me impón estudar unha carreira e asegurarme unha vida cómoda. E son técnico de son porque a Administración non me permite estudar Realización, por tres décimas non me chega a nota. En cambio, eu son un cineasta de moito antes. A propia sociedade impedíame ir por exemplo a estudar cine a Barcelona. Como llo diría aos meus pais cando todo leva un camiño tan, digamos, superficial?

A túa primeira película, Dhogs, foi premiada con trece Premios Mestre Mateo, galardoada en festivais como o de Bruselas, recoñecida tamén en Sitges… Como é para un director novel facer unha película e que de repente sexa un gran éxito neste ámbito?

Non o fas pensando niso, os premios veñen. Pero non o vives como un premio, vívelo como ver que a túa película está ben feita e que podes continuar facendo máis. Dalgunha forma é un recoñecemento que che permite iso, que é o que máis me interesa.

 Este proxecto foi moi humilde.

Moitísimo. Nace nun pobliño que se chama Meira. Eu teño a curiosidade de investigar nisto do cine. Teño amigos que son curiosos tamén e que son inquietos pero que non sabían como facer unha película. O produtor -que tamén sae en Dhogs-. non ten nin idea de como producir pero ten inquietude. Dentro desa inquietude, hai unha amizade e con esas dúas cousas podes chegar máis lonxe que sendo produtor de formación pero sen ilusión. Sen todas estas cousas é moi difícil tirar para adiante un proxecto

E como pasas diso a traballar con grandes actores como Morris, Carlos Blanco, Ivan Marcos ou Melania Cruz?

O que che digo: pola inquietude, pola ilusión e polas ganas de facer algo. Iso vaise transmitindo ao final. Cando falas con eles para convencelos, ao montar o guión, no crowdfunding… É unha enerxía que se vai transmitindo polo equipo que fai que, ao final, todo saia ben. Estes actores son persoas moi ilusionantes e moi ilusionadas que se unen a proxectos diferentes.

E como foi a túa relación con eles tendo en conta que nin por asomo tiñas experiencia con actores tan experimentados?

Se me vou a anos atrás, cando estabamos rodando, vivíao en tensión. Estaba moi nervioso porque o cerebro sempre está a dicir que non vas saber dirixir pero no rodaxe todo é máis fácil do que parece porque tes un equipo que sabe o que fai. Sempre imaxinei que sería moito máis complicado do que foi porque o que facíamos antes era moi noso. Todo o facíamos nós: rodar, iluminar, o arte… Era todo moi artesanal e moi pequeniño. De repente se transforma en algo moi profesional. Xa non teño que cargar baterías nin montar os escenarios. Sentinme como un director de verdade, soamente fun o encargado de que todos vaiamos cara un punto determinado. Ao final é un traballo de equipo. Por exemplo, hai moita parte artística que depende doutros. Eu non sei tocar un instrumento e venme un tío que é un crack que me xera o que eu imaxinaba

Precisamente quería preguntarche sobre Germán Díaz, o zanfoñista que fai a banda sonora do filme. Como decides que sexa unha zanfoña o instrumento?

Decido a música que quero. Sona estridente, sona percusión, sona algo contemporáneo pero utilizando instrumentos tradicionais. Pero non tanto cunha musicalidade externa senón que se adecúe ao que eu quero contar. Entón coñezo a Germán e ao seu instrumento, a zanfoña. Os meus ollos comezaron a brillar porque atopara o que buscaba. Pero despois hai moito debate, moita discusión, moita proposta de ambos que hai que canalizar. El dábame unha parte máis “bailable” e eu buscaba algo máis sensorial que outra cousa. Ao final atopou esa musicalidade estraña que foi a que quedou.

Un dos temas onde a película fai moito fincapé é na violencia, sobre todo na violencia por parte do xénero masculino. Pretendías dar un subtexto denunciando iso?

Si, hai esa lectura da violencia masculina. Ao longo da historia o home sempre foi o violento e sempre abusou un pouco desa superioridade en canto a forza. Pero é soamente un dos subtextos. O que a min máis me importaba era o outro lado: quen observa e quen non fai nada. Esa pasividade do espectador. Que farías se ocorrese algo así no mundo real? Meteríaste ou pasarías de longo? Ese é o meu subtexto maior: o control. Porque sempre pode haber algo superior que te controla: o teu traballo, a túa familia,  o lugar onde vives… Serías capaz de irte e vivir a outro lugar do mundo? Non porque hai algo que te controla e que tira de ti. O teu arraigo.

E pensas que se ti foses muller ti narrarías a película do mesmo xeito?

Non teño nin idea. Intento empatizar en como pode sentirse unha muller perseguida pero son incapaz de sentir como o sentiría unha. Pero dalgunha forma quero sinalar. Quero sinalar ao home, ou a esa parte perversa do mundo que non ten por que ser home pero por estatística soe selo. E quero facer sentir por dentro. Chegou un momento que en algún coloquio certa masculinidade díxome que se sentía mal de verdade, que non quería ser así na vida. Esta película fai sentir moi mal tanto a homes como a mulleres e ese é un cachiño da vida. Se colles un anaco de terra do mundo estas cousas ocorren. Igual no terceiro piso deste edificio hai algo violento que non podemos ver pero que esta moi preto de nós. A pregunta é se hai que mostralo ou non. Se á sociedade hai que montarlle un mundo feliz ou un mundo real. Na arte hai de todo, dende masacres ata nacementos. Se pos un filtro, xa non representas o mundo, estás representando un mundo ideal. Eu estaría da acordo en facelo se existise pero nin existe nin vai existir.

a arte -ou o cinema neste caso- dásenos moi mastigado normalmente?

Se cho dan mastigado o espectador non pode interpretar nin xerar sensacións sobre as súas variables e o que leva vivido. Se non hai maneira de que teñas debate co do lado porque non te xera cousas diferentes, non é arte. Ten que ser algo que che faga ao día seguinte cambiar un pouquiño. Se non, é entretemento ou o que queiras. Está ben mesturar as dúas cousas que é o que a min me interesa. Entretemento pero que sexa un pouco artístico nesa parte de xerar sensacións internas.

En canto a financiación, canto de complicado é facer unha película sendo novel, en Galicia e en galego coas as circunstancias que nos asoballan actualmente?

Moito. Se queres facer unha película como novel é difícil que ningunha produtora che faga caso. E se a tes que facer ti, é moi complicado atopar a financiación exacta para poder facer unha peli. De feito Dhogs vale 300.000 euros seguramente e conseguimos 130.000. É dicir, fixemos algo precario pero era a única forma de poder facer a película que quería eu. Non é fácil confiar nun guión coma este.

Utilizáchedes o crowfunding. Ata que punto axudan aos directores xoves as novas tecnoloxías?

Son moi boas porque che axudan a comunicarte coa sociedade. Antes era moi difícil facelo sen depender da tele ou da radio. No crowfunding o sistema foi de abaixo a arriba. Para empezar eu crin en min e no que escribín e os meus amigos tamén, polo que poñemos a pasta inicial. As nosas familias creron en nós e iso fai que pouco a pouco o Concello tamén. Como o Concello apoia, a Deputación de Lugo tamén. E a Xunta tamén creu porque todos os demais creron antes. Se eu o pedise directamente na Xunta non pasaría nada porque sería eu só pero con todos detrás é distinto. É a única maneira que entendiamos que podía funcionar ben. Podíamos estar levando proxectos e proxectos ao ICAA sen ningún puto duro que ao mellor a día de hoxe aínda seguiamos. Ti só si que podes convencer a algún inversor pero váisenos das mans ese mundo.

Tamén fixeches ti o guión da película. Porén, sempre destacas que non foi un proceso para nada académico.

Foi deixándome levar e desfrutando. Eu estaba traballando en Edimburgo daquela e polas tardes queríame divertir escribindo iso, sen máis. Non tiña nin idea de como se facía un guión. Eu escribín unha especie de novela ou relato, sinalando incluso como imaxinaba a musicalidade. Eu xa estaba dirixindo mentres escribía. Partín dun home-coello e comecei a narrar cara adiante e cara atrás sen ter nin idea de como ía acabar. Comecei sen saber o que ía contar case, non sei se iso lle pasa a un guionista. Todo o que pasaba intentaba relacionalo coa película. Calquera cousa que lía ou que vía  sempre o tiña presente de forma obsesiva. Unha vez que os personaxes están creados comezan a ter vida propia, a ter personalidade e a facer cousas. En cambio, eu sigo a miña vida normal. Esa situación é súper divertida.

Vexo unha tendencia no cinema galego de fomentar a marca Galicia, de destacar moito o lugar de rodaxe e en Dhogs é algo que non existe. A única referencia en canto á localización é un cartel nun hotel que indica que está en A Coruña. Isto foi intencional?

O de A Coruña tampouco debería verse pero non tiñamos cartos para quitalo. Quería que esta película un xaponés a sentise como súa. Do mesmo xeito que pode estar deslocalizado Black Mirror, que tampouco sabes onde está rodada aínda que se poda intuír. Dhogs é unha película co noso -cos nosos actores, co noso equipo- pero cunha intención universal. Pero tamén totalmente de acordo co resto. Se vou a escribir sobre A Esmorga a teño que localizar aquí porque é unha historia de aquí. Pero Dhogs non o é. Trata dun problema que ten todo o mundo.

Ti cres que a película é tan rupturista como se está a dicir?

Para min non. Honestamente penso que non é nada estraño, é unha película que buscaba como espectador. Pode ser rupturista porque non se fixo aquí algo así pero fóra si. Eu vexo un montón de cine que rompe un pouco, entón non o vexo estraño nin diferente. Iso si, entendo que o espectador si que o faga porque non é que non existan creadores que queiran facer cousas así pero é difícil apostar por elas. A película é multirreferencial esteticamente e está chea de estereotipos. É algo que levo no meu interior e que o expulso como eu quero.

Sénteste cómodo dentro da etiqueta de Novo Cinema Galego?

Eu estou orgulloso de que haxa un cine moi variado que entre dentro de esa etiqueta e que haxa unha batalla que estemos ganando: o facer cousas diferentes sen medo a que te limiten por ningún lado. Alberto Gracia fai un cine moi desde abaixo. Alfonso Zarauza atópase nun cinema máis narrativo, máis clásico. Anxos Fazáns, Oliver Laxe, Diana Toucedo… Todo é moi variado e é o que me fai sentirme orgulloso dese Novo Cinema Galego. Sen etiquetalo en ningún xénero, simplemente con esas ganas de explotar creativamente.

Pensas que o cinema de Galicia está máis valorado fora que dentro dela?

Aquí tamén se valora pero falta impulsalo máis. Falta querernos máis, en Galicia sempre nos quixemos de menos. Os cataláns sempre tiveron ese rollo de valorarse moito e a min dáme certa envexa. Nós sempre fomos de soñar e ir fóra. Os galegos temos unha cultura moi bonita e peculiar, unha vida interior moi chula. Tamén hai diferencias dentro de Galicia. Ao mellor en Santiago si que hai unha cultura de expoñer o noso e en Lugo falta a educación de gustar o de aquí e non o dos yankees. Que tamén está moi ben pero para evolucionar como cultura temos que expoñela, se non o facemos vai quedar desapercibida. Está Han Solo que creo que xa é décima versión que vemos de Star Wars. Pode que non che guste A Esmorga pero vas a encontrar algo diferente e vas sentir un orgullo interior. Ti imaxínate que facemos pero o espectador non ve porque prefire outras cousas que lle meten nos ollos. Ao final, chegará un día no que perderemos a esencia, acabaremos sendo yankees.

Falando xa de proxectos futuros, sei que estás traballando nun documental sobre un rapaz que quere coñecer ao director Nicolas Winding Refn. Como chegas ata esta historia?

Un certo día un actor veu a un curso meu en Lugo sobre Iniciación de Curtas. El está estudando cine entón o meu curso non lle pareceu nada interesante. Ao segundo día escribiume ao Facebook para dicirme que abandonaba e que seguiríamos falando. Cando fun presentar Dhogs a Sitges -el estuda en Barcelona- díxome se me podía facer unha entrevista. E se xa me parecía peculiar no curso, cando ma fixo volvín a ver a alguén diferente. Non sabía o que ía facer con el pero era seguro que o ía gravar. Entón comezou a falar comigo e descubrín que está a escribir unha tese sobre como utiliza Nicolas Winding Refn as mans nas súas películas. Está a facer un libraco cunha pila de páxinas soamente sobre iso. A súa máxima na vida é coñecer a ese director, presentarlle o libro e ver como é. Pero só non da porque é difícil chegar a Winding Refn. É introvertido, xa pasa un pouco de estar metido no rollo hollywoodiense. Sabemos que Alejandro Jodorowsky e Nicolas son moi amigos porque Jodorowsky leulle o tarot en París e lle dixo que el non tiña que facer Drive nin nada polo estilo, senón as películas que lle saian de dentro. Alejandro ama as películas de Nicolas e el sempre lle está a pedir axuda psicolóxica a Jodorowsky.

É moito máis fácil chegar a Jodorowsky polo que imos tentar que nos leve a Winding Refn. Pero o máis interesante deste documental é que ao mellor non pasa nada disto. A min o que me interesa é o fracaso, o éxito, a vida. Xa estou rodando todo o metacine de como conseguimos cartos e toda a vida paralela do protagonista: como canta trap, que quere ser guía turístico cinematográfico… Ao final isto volve a ser un mix narrativo moi especial ao que lle teño moitas ganas. Aparte de ser moi económico.

Ti a nivel persoal que opinas do cinema de Winding Refn?

Encántame porque dos cineastas que hai agora é o que máis busca a sensación e o visual. Ten unha obsesión coa violencia. É un tío que é daltónico e que necesita o neón como luz para poder contrastar, por iso nas súas películas hai tanto. É un dos directores que máis espertan a miña curiosidade. Fai o que lle da a gana do mesmo xeito que Gaspar Noé, pon o quere por enriba do que lle diga o mundo. Sexa o que sexa. Para min tirar polo que queremos é o camiño que hai que seguir e non o que lle interese a masa.

Tamén tes entre mans outro proxecto que ten de nome provisional Starmucks.

Starmucks é un Dhogs máis amable seguramente. Fala da adolescencia, cara onde vai e o coidado que temos que ter con ela. Dalgunha forma é o presente e o futuro da nosa sociedade e beben moitísimo de nós e do que ven. Os adolescentes son inseguros, non saben aínda que fan aquí ou cara onde ir. É difícil atoparse nesa época. En cambio, teñen unha enerxía hormonal que flipas en colores. Pero cara onde van? Quizá viven nun mundo con demasiadas cousas que mirar e nada no que profundar. Vai un pouco por aí. E paralelamente falo tamén da inadaptación. Ese adolescente vai cara a liberdade que debe ter pero amén hai un ser que se atopa na vida inadaptado. É xeneroso, está moi a favor de axudar ao mundo, pero está separado da vida. O que é guapo, intelixente e con don de xentes o ten moito máis fácil porque todo é superficial porque logo escavas e ao mellor non hai nada. Ese inadaptado para min é un superheroe… sen traxe. Superman é guapo, este non pero é tan superheroe como el. Estas dúas visións están rodeadas dun thriller moi cru, surrealista case. Son personaxes que veñen a este mundo para derribalo, para destruír a liberdade pero aquí está o superheroe do que falamos para salvala.

Que aprendiches tras a experiencia con Dhogs de cara a confeccionar estes novos proxectos?

Aprendín que é moi necesario a repercusión que teñas e os contactos que vaias facendo. Tamén viaxar, non ter medo a ir ao Mercado de Berlín ou aquí a AGADIC a un curso de non sei que porque ven o programador dun festival. Non ter medo a eses sitios porque pode ser que se vaia un día e non conseguir nada pero gánase confianza, algo básico. Cando ti comezas un traballo o primeiro día é complicado, catro anos despois entras nesa oficina coma se fora a túa casa. Pero para chegar a ese estado son obrigatorios os primeiros días

Afirmaches en numerosas ocasións que David Lynch é unha das túas maiores influencias. Andres Goteira terá a súa propia Una Historia Verdadera?

Una Historia Verdadera é para min a mellor película de David Lynch sen ser unha película de David Lynch. Todo o mundo se imaxina un David Lynch que é o que eu quero. Esa outra dimensión do sensorial. Pero esta película vai noutra moito máis narrativa e eu me estou imaxinando a ese David Lynch xerando isto cando o seu mundo é moito máis grande. Ese contraste vólveme tolo e paréceme unha marabilla. Foi unha demostración de que el pode facer tamén un cine clásico pero que el elixe facer o outro.