Select Page

“13 Razóns Por” S02, sen vida mais aló da morte

Unha das series máis populares e exitosas do ano pasado fora “13 Razóns por”, ó tratar temas tan delicados coma o bullying ou o sucidio nos adolescentes sen tapuxos, cunha forma de contar a historia moi curiosa e interesante, e cuns protagonistas cos que era moi fácil identificarse.

Pois ben, aquelo que nos namorara na primeira tempada xa non está aquí. 

A idea dunha segunda tempada xa era complicada, tendo en conta como se formulaba a historia na primeira, autoconclusiva de maneira bastante clara. Hannah Baker contábanos as súas 13 razóns para suicidarse a través de cintas de cassette, de maneira que cada capítulo se identificada a súa vez cunha cinta, cunha razón e cun dos personaxes chave na historia. 

Nesta segunda tempada quixeron emulalo, pero xa non funciona. Cóntasenos o xuicio posterior do caso de Hannah, facendo que cada capítulo se identifique de novo cun dos personaxes declarando (o de que se conta con polaroids é propaganda publicitaria enganosa). Xa non é Hannah a que nos fala, e o espectador que se identificaba con Clay, que oía as cintas á vez que nós, cambia o seu rol. 

A narración anterior xulgábanos a nós, e agora vemos coma se xulgan a outros, pretendendo que sexamos o xurado popular, que só se mostra ó dar veredicto, rompendo esa suposta ilusión, xa que o noso voto non pode ser outro que o discordante. Este novo punto de vista creba todo o  elemento clave do éxito da primeira temapada, pasando do orixinal e atrevido a unha posición cómoda e menos inmersiva. 

Ademais o bullying, tema principal da primeira tempada, era un aspecto co que o público obxectivo da serie era sinxelo que se identificara, dunha maneira ou doutra, mais nesta segunda tempada, o protagonismo xira cara o proceso de recuperación dunha agresión sexual de Jessica, que é, de longo, o mellor desta segunda tempada (ollo, o proceso de Jessica, non a historia pseudodetectivesca das fotos de Bryce), onde o tema é tratado cunha sensibilidade especial, aprendendo das críticas sobre como  semanexara o suicidio na primeira. Tanto isto, coma a crítica cara ó mal que funcionan os aspectos legais nestes casos (a serie, aínda que estadounidense, xira en termos que no Estado español podemos relacionar con sucesos acontecidos recentemente) é do máis salvable en canto aos mensaxes que se nos mandan.

Porque queren falar de todo. A serie xira cara o protagonismo coral onde todos os personaxes teñen o seu arco e a súa loita enmarcada nunha problemática adolescente. Tócanse, entre outros: as agresións sexuais, as tendencias suicidas, o bullying, a orientación sexual, o descubrimento da sexualidade, problemas coa ira, a necesidade de aparentar, un divorcio, a pobreza, as drogas… e aínda me faltan bastantes. Está ben chamar a atención sobre estes tópicos, mais a forma de facelo é caótica ó non ter unha distribución por capítulos tan marcada, e o seguimiento da evolución de cada cousa vólvese innecesariamente complicado.

A aposta sáelle ben de cara a algúns personaxes (Jessica, Zach, a aposta polo humor negro de Alex, o profesor Porter), pero outros parecen ir dando tumbos todo o tempo (Clay, a nai de Hannah, Justin, Tyler, Tony). Ademais inclúense algúns personaxes novos, que non aportan demaisado, e que, ó contrario do que se facía na primeira tempada, son moi prototípicos, exceptuando quizáis as dúas rapazas que se relacionan coas agresións sexuais, que sí aportan novas visións.

O clima do instituto sigue a ser inverosímil, amosándonos incluso pelexas campais en pleno pasillo sen ningunha consecuencia. Tanto a inclusión de Hannah de novo, forzada, coma as revisións da súa historia son outros elementos que non acaban de convencer, ben porque son excusas para alimentar unha trama, a da primeira tempada, que xa non gustaba coma estaba e que non había necesidade de recuperar; ben porque prácticamente fan que capítulos enteiros da anterior tempada sexan incoherentes ata o extremo, coma esa relación sentimental entre Hannah e Zach que nin se chegara a insinuar nunca.

A serie non deixou de lado a polémica, desta vez cunha escena innecesariamente gráfica. Persoalmente defendín o gráfico das escenas polémicas da primeira tempada, coma instrumento en favor do que se trata, pero nesta segunda o momento é só morbo ridículo e gratuito. E o que é peor, inicia unha nova trama que parece que nos leva cara unha terceira tempada, que si xa se nos antoxaba innecesaria esta segunda, non vos quero nin contar outra máis, onda teremos probablemente coma protagonistas a Justin dubidando entre a droga e Jessica, e a Taylor debatíndose entre se lle gusta ou non o último videoclip de Childish Gambino. Pregámoslle desde aquí a Brian Yorkey que deixe de golpear algo que xa está morto.

13 Razóns Por
(13 Reasons Why)


Creador
: Brian Yorkey
Música: Eskmo
Guión: Brian Yorkey, Elizabeth Benjamin, Diana Son, Thomas Higgins, Nathan Jackson, Nic Sheff, Hayley Tyler (Novela: Jay Asher)
Fotografía: Ivan Strasburg, Andrij Parekh
Ano: 2018
País: Estados Unidos

Netflix