Parquet Courts – Wide Awake!

18/05/2018 • Rough Trade

As veces non fai falla moito para facer un bo disco. Os Parquet Courts lanzan este Wide Awake!, xa seu sexto disco de estudio sen alonxarse moito do son ao que nos teñen acostumados mais con unhas interpretacións trepidantes e enérxicas de cancións divertidas a medio camiño entre un tono festivo e a actitude punk.

Non se pode negar que a primeira escoita a este disco resulta sorprendente, polo funcional e entretida que resulta unha proposta que na forma é tan convencional, cunha instrumentación consistente principalmente en batería, baixo, guitarras e voz, que en moitas outras ocasións hoxe en día pode resultar en certa maneira gastada ou moi vista. A banda pon todas as cartas sobre a mesa xa dende a primeira canción Total Football, cambios de tempo, guitarras rápidas e voces cargadas de actitude e melodía.

Dalgunha maneira hai unha conxunción moi conseguida entre a ferocidade dalgunhas destas cancións e a súa sensibilidade pop que se mantén tamén en cancións como Violence, Before the Water Gets Too High ou Mardi Gras Beads nas que a instrumentación é algo máis variada e os ritmos máis pausados. Por outra banda en cancións como Normalization e sobre todo na homónima Wide Awake a banda estadounidense manexa os ritmos mellor ca nunca resultando ata bailable.

Este novo traballo de Parquet Courts é probablemente seu disco máis divertido de escoitar. Pero tampouco se debe ignorar que máis alá do puramente instrumental, a banda firma unhas letras nas que o contido político e a crítica social teñen máis peso do que se acostuma a atopar nun disco do indie rock estadounidense ademáis de ser enfocadas de maneiras moi axeitadas.

O sexto disco de Parquet Courts é un traballo sólido, variado, ben interpretado, divertido e con contido. Se ben está lonxe de ser unha proposta novidosa, o resultado final é innegablemente moi positivo, sendo un disco a destacar do que vai de 2018, tratándose ademáis dun álbum de rock, un xénero que con traballos como este ou os últimos discos de Jack White e Shame está a demostrar que todavía ten máis que dicir do que moitos auguraban.

Parquet Courts