Hai menos do 15% de representación artística feminina nos festivais galegos

Sobre unhas 20 mulleres de todos os ámbitos musicais participaron na xornada ‘Mulleres e música’ desenvolvida na Coruña co obxectivo de dar pasos adiante na eliminación do machismo na música

Cara as lentes violetas na música” é o documento que foi presentado na xornada “Mulleres e música” organizada no Teatro Colón da Coruña por Mulleres na Industria da Música (MIM) e Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural buscando unha aposta pola igualdade. Preto de vinte mulleres artistas, produtoras, xornalistas e programadoras participaron nesta xornada promovida pola área de Cultura da Deputación da Coruña dentro do programa #ACulturaéunDereito. Mesas redondas e concertos de Mounqup, Naima Acuña e Cora Novoa ademais dunha conversa con Ses foron parte deste encontro reivindicativo.

Este documento contempla medidas como incentivar ou premiar a proxectos que conten cunha política de igualdade establecida. Ademais, en sentido contrario, propón que se introduzan cláusulas nas convocatorias para eliminar a presenza nas programacións que financian ou contratan as administracións, de formacións que fomenten o sexismo na música, a través dos estereotipos que transmiten. Trátase de “non contribuír con diñeiro público ás manifestacións musicais que contribúan á desigualdade, sexismo, marxinación, ou violencia contra as mulleres“. A iniciativa aposta pola introdución de cláusulas de acción positiva para a incorporación das artistas nas programacións que optan á colaboración institucional e tamén para a incorporación de mulleres nos equipos de traballo de proxectos e iniciativas.

As asociacións consideran a necesidade de incentivar ou premiar aquelas áreas “non ocupadas” habitualmente por mulleres ademais de pular pola paridade nas comisións, xurados ou tribunais designados para valorar desde as institucións proxectos vinculados á música. “Pensamos na acción positiva para combater a desigualdade na música como unha estratexia global que, ademais, debe aspirar a transformar un modelo social baseado na desigualdade das persoas. Nun proxecto ou evento musical, os horarios, o espazo, a seguridade, etc, fan parte dese cambio de modelo”, apunta o documento. A xornada serviu para revisar datos e cuestionar estereotipos desde unha óptica feminista cun destacado conxunto de profesionais da música coas que percorrer prácticas e estratexias.

O encontro comezou cunha mesa redonda na que participaron unha historiadora, Lorena López Cobas, un programador, Julio Gómez co-director do Festival Sinsal, e unha artista ben coñecida como Guadi Galego. Conducidas pola guionista e periodistas Diana López Varela que se centrou na visibilidade e protagonismo das mulleres no sector a través de experiencias persoais e coñecementos históricos. Unha entrevista con Ses coa xornalista da TVG e colaboradora da revista Rockdelux Teresa Cuiñas estaba no inicio da xornada de tarde antes do panel “Cando a vida che dá un martelo” coa participación de 5 mulleres novas pero con longa traxectoria no sector musical: Mar Catarina, do selo Prenom, a produtora Cecilia Carballido, a cantante MJ Pérez, a responsable da sala Mardi Grass, Yolanda Villa e a xestora e parte de Mulleres na Industria da Música, Tamara Rodríguez Silva.