Select Page

fotografía por Cristina Calvete

Él Mató un Policía Motorizado: a enerxía do nacemento, a vida, e a morte

Sabiades que o ukelele, que tradicionalmente se pensa que é un instrumento hawaiano, en realidade é un instrumento portugués? De feito, chégase a esta conclusión porque foron inmigrantes portugueses os que introduciron o instrumento no arquipélago oceánico alá polos anos 1880, e foi na cultura hawaiana onde se popularizou máis o instrumento. O prototipo, ou precedente, foi o cavaquinho, que aínda a día de hoxe, na música máis actual, podemos escoitar en discos coma os de Novos Baianos, Júlio Pereira, ou Elza Soares, incluíndo na súa última obra, da que falamos fai uns días, Deus É Mulher.

Pode que pareza un dato sen importancia, e sen ningunha conexión co concerto do que imos falar hoxe, mais foi unha das moitas formas nas que Villanueva, teloeiro dos Él Mató a un Policía Motorizado, tentou romper o xeo co seu público. Pouca xente, de feito, sabiamos o dato. A verdade é que nunca me causara unha interese especial saber das orixes deste instrumento. Un dos rapaces cos que fun ao concerto adiantou a resposta de Villanueva, o cal foi bastante bonito.

As datas para o concerto non eran as mellores. A finais de maio, en Santiago de Compostela, e un mércores, non hai moita xente que se puidera achegar a un concerto como este. Entre exames e traballo, poucos foron os valentes que decidiron deixarse pasar pola Sala Capitol para ver en directo aos arxentinos. Se ben foi entrando cada vez máis xente, non se chegou a encher a sala. Nin por asomo. Con todo, había quen tentaba verlle o lado positivo: as que estaban alí sabían que Él Mató a un Policía Motorizado teñen algo especial, e íntimo parecía a mellor maneira de definir aquela sesión nocturna.

O concerto en Compostela era o segundo concerto en bastante pouco tempo que os arxentinos deron no noso país. Pouco antes, en xuño, estiveron no V de Valarés como un dos pratos fortes dun cartaz cheo de nomes grandes como eran Los Planetas, Love of Lesbian ou La Habitación Roja. E, dentro do que había naquel festival, non temos dúbidas de que Él Mató a un Policía Motorizado era unha das mellores ofertas e dos maiores atractivos que levaran á praia de Valarés na que xa sabemos que foi a súa última edición, tal e como comunicaban as compañeiras de Cultura Galega.

Él Mató a un Policía Motorizado

A Capitol levantou o pano vermello, e comezou o concerto. O público comezou tranquilo, acorde cas melodías que saían dos instrumentos do grupo. Se ben non había moita xente, si que se trataba dun público xa fidelizado e que acompañaría durante todo o concerto aos arxentinos. Nun principio comezouse entre o respecto e o fanatismo, sendo as cancións murmuradas ou compartidas con cariño coa xente que estaba preto. Con todo, non faltaban fans en primeira fila que, dende o comezo do concerto, saltaron e levantaron as mans a cada acorde.  A voz cantante, como era esperable, foron para as cancións do seu último álbum, La Síntesis O’Konor (2017).

Nun primeiro momento, pode semellar que un grupo como Él Mató a un Policía Motorizado, con tres álbumes no seu haber, non ten potencia suficiente como para un concerto tan longo, diverso e potente coma o que vimos o mércores 23. Con todo, moita da súa enerxía non ven dos seus longos, senón que se trata dun grupo que conta cunha carreira que vai máis alá dos LP. Moita da súa boa fama e moito peso desta vén conseguida grazas ao seu traballo na súa triloxía de EPs, dedicados ao nacemento, á vida, e á morte. Estes traballos, datados entre 2005 e 2008, supuxeron gran parte do traballo dos artistas, e neles os arxentinos poñen en relevo un avance lírico e musical enorme. Mentres outros artistas utilizan os EPs como unha maneira de avanzar pequenas liñas nas súas creacións entre longo e longo, Él Mató a un Policía Motorizado utilizáronnos como un produto completo no que poñer sobre a mesa todo o que tiñan que ensinar.

Foi chegados ao bis cando tanto grupo como público se desataron. Os murmurios pasaron a gritos, e a xente deixouse levar, saltando cada vez máis nos temas máis recoñecibles da agrupación, que deixaron o mellor para o final. Non se esqueceron de ningún, e o público bailou Más o menos bien, Chica rutera, Chica de oro ou El último movimiento, entre outras, deixando un sabor de boca positivo nun concerto que, aínda que podía ter sido mellor, cumpriu as expectativas esperadas.

Él Mató a un Policía Motorizado son un dos mellores grupos que chegaron dende Arxentina. Teñen un directo ecléctico e hipnotizante, e son capaces de chegar aos máis fanáticos das súas cancións. Con todo, non podemos deixar de pensar que, cunha redistribución onde os seus mellores temas estiveran máis dispersados polo setlist, sen deixalo todo para o final, o concerto sería moito máis entretido. En tanto tempo, o hipnotismo remata por perderse polo camiño.