‘A estación violenta’ dá o salto ás salas de cinema con coloquios e eventos musicais

Desde hoxe día 31 de maio sucederanse pases de preestrea en Compostela, Vigo e Pontevedra, acompañados dun coloquio coa directora e os protagonistas e dunha xira de concertos

A longametraxe A estación violenta, ópera prima da nova cineasta galega Anxos Fazáns, dá o salto este venres ás carteleiras do país. Tras o seu recente paso polo Festival de Cans, hoxe 31 de maio preestréase no cinema NUMAX de Santiago de Compostela; o 1 de xuño, nos Multicines Norte de Vigo, e o 2 de xuño, en Vialia, Pontevedra. Estes pases irán acompañados dun coloquio coa autora e os protagonistas e, ao remate, en Santiago e en Vigo haberá respectivos concertos na Sala Capitol e en Radar Estudios baixo a denominación de “Festa Violenta”, onde o grupo da propia directora, Contenedor de Mierda e outras bandas da provincia de Pontevedra que aparecen no filme Pantis, Rabuda e IGMIG, porán a nota musical.

A estación violenta fala da noite e do underground galego nunha libre adaptación da novela homónima do xornalista e escritor galego Manuel Jabois. O guión foi co-escrito pola directora Anxos Fazáns co cineasta e director do Festival Novos Cinemas de Pontevedra Ángel Santos, Xacobe Casas e o produtor Daniel Froiz.

A película presenta un atractivo elenco encabezado por Alberto RolánNerea Barros (gañadora do Premio Goya á mellor actriz revelación por A illa mínima), Xosé BaratoLaura LaMontagneXiana Arias e Antonio Durán ‘Morris’ (gañador do Premio Mestre Mateo ao mellor actor de reparto por Dhogs). Cómpre salientar que a BSO orixinal foi composta por Charles Rapante e inclúe, ademais, temas de The LimboosPantisRabudaThe Soul JacketAtrás TigreChicharrón Contenedor de Mierda.

Producida por Matriuska Producións, conta coa participación da Televisión de Galicia e coa colaboración de Agadic, ICAA e Deputación de Pontevedra.

Velaí os vídeos promocionais da película e os concertos: