TT – LoveLaws

18/05/2018 • Autoeditado

por | Mai 29, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

O caso de Warpaint é bastante único dentro da escena indie estadounidense da última década. Unha banda íntegramente feminina que en lugar de seguir a estela do revival rock característico dos 2000 decidiu tomar de referentes a bandas como Cocteau Twins ou The Cure para desenvolver unha proposta a medio camiño entre o dream pop e a psicodelia, con cancións nas que a improvisación e as jams tiñan un peso moito maior do que acostumaban nestes xéneros.

Tanto para a baixista Jenny Lee Lindberg como para a guitarrista e cantante Theresa Wayman, Warpaint era seu primeiro proxecto musical, quizáis por iso non sorprenda especialmente que ambas as dúas decidiran lanzar seus proxectos en solitario para explorar outras ideas musicais. A primeira foi Jenny Lee no ano 2015 co seu disco Right On! no cal se profundizaba na vertente máis post-punk que se pode escoitar en Warpaint, lembrando por momentos a Joy Division e aos xa mencionados The Cure. E agora, tres anos despos chéganos o disco de Theresa, baixo o pseudónimo TT.

LoveLaws é un traballo que crea atmosferas moi similares as que poderiamos atopar nun disco de Warpaint, mais emprega unha fórmula diferente na que a electrónica ten un papel máis protagonista. Así mesmo nas letras Theresa adéntrase a explorar ideas e pensamentos moito máis persoais dos que nos ten acostumados como a soidade ou a idea do amor romántico.

O son deste disco bebe moito do trip hop, unha influencia que se pode apreciar especialmente na primeira canción Mykki ou en The Dream. A guitarra gaña máis peso en I’ve Been Fine, un tema no que a produción resulta extremadamente interesante con un clímax ruidoso e mesmo distorsionado que dota dunha forza sorprendente á canción que da paso a quizáis a mellor canción de todo o traballo, Love Leaks, onde durante seis minutos de duración e unha instrumentación moi variada Theresa canta letras como “The moment is fading, the moment is fading, I feel like we fucked up, I feel like we lost our love”.

Unha das pegas que se lle poden poñer a este traballo é que emprega todas as súas mellores cartas na primeira metade do disco, e aínda que non haxa un baixón moi destacable na segunda metade si que non voltamos a atopar cancións tan potentes como por exemplo I’ve Been Fine, aínda que cabe destacar que o peche do disco con Too Sweet resulta moi adecuado. En definitiva Theresa Wayman lanza a súa carreira en solitario cun disco sólido, que resulta familiar e novidoso ao mesmo tempo respecto aos traballos lanzados anteriormente por Warpaint e que lle permite explorar novas ideas que non terían cabida nun disco do cuarteto californiano.

TT