Select Page

Elza Soares – Deus É Mulher

17/05/2018 • Deck

Existen xa miles de páxinas que falan da lenda de Elza Soares, a muller do planeta da fame que veu das favelas e comezou no mundo do arte para dar de comer aos seus fillos. Sempre un exemplo de superación, a súa vida está chea de momentos traumáticos, mortes, maltrato por parte das súas parellas e, con todo, un sorriso e unha rabia únicas, capaces de facer tremer a calquera que se poña a escoitala. Elza Soares non é unha artista máis, senón un exemplo de superación, de compromiso coa súa clase e coa súa condición de muller. Non foron poucos os recoñecementos que tivo na súa vida, dedicada na totalidade a cantar samba e facer bailar a todas aquelas que se acercaban a ela, converténdoa nun auténtico mito cultural do país.

Con todo, a carreira de Elza Soares tivo un factor que moitos se atreveron a subestimar: o seu crecemento como artista ía acompañado de personalidade e pensamento político crítico. Así, cada vez ofrecía nos seus temas unhas composicións máis desenvolvidas, e unha mensaxe de maior crueza con todo o que estaba a pasar no seu Brasil, ao que se sinte verdadeiramente arraigada. Dende o seu comezo, con catorce discos en dez anos, tentou ser sometida polo medio no que se movía: a explotación do seu talento veu acompañada dunha repercusión mediática á súa persoa que a fixo caer na marxinalidade cultural chegados aos setenta, sendo vítima da opinión pública debido ás súas relacións sentimentais. Aínda así, saíu do paso por méritos propios, e albumes como Elza Soares (1974) ou Negra (1980) evitaron que caera no esquecemento, mostrando grandes avances nas composicións en comparación co que facía antes.

Seguiu a compoñer, a cantar, e a vivir na realidade. Imparable, Elza lanzou en 2015 un álbum no que todo o seu talento foi, por fin, canalizado: A Mulher do fim do Mundo foi unha sorpresa agradable para melómanos de todo o mundo, conseguindo con el chegar a rincóns inimaxinables. Toda a crítica internacional falou, en 2015, de Elza Soares. Moitas falaron da resurrección dunha estrela, pois Elza levaba xa once anos sen lanzar música inédita, mais en realidade estabamos ante, simplemente, a continuación da carreira de Elza tal e como debería ter ido. Por fin, agora, viamos todo o que nos tiña que ofrecer. E non era pouco, pois 2015 significou unha dignificación da vangarda paulista, do MPB e da samba. Xunto a Elza cobraban agora nova importancia grupos como Meta Meta, que pouco despois, en 2016, lanzaron o seu terceiro álbum cunha repercusión que, sen Soares, non tería sido tanta.

Chegamos a 2018, e a tormenta que levantou Elza Soares segue sen amainar. De feito, todo aquel talento e vangarda aínda tiña moito que demostrar. En Deus É Mulher temos un segundo episodio do que comezou en 2015. Elza segue inmersa na escuridade, na realidade e na triste morriña coa que sorprendeu en A Mulher do fim do Mundo. Unha vez máis, trae consigo un álbum dunha calidade similar, onde a música fala por si mesma, mais as verbas de Elza Soares enchen a música dunha plenitude única.

Elza ten verbas contra a globalización, a relixión, o racismo,  a situación sociopolítica de Brasil, o machismo e a pobreza. Tamén, a obra conta con pezas máis intimistas, onde cuestións máis persoais e preocupacións de índole persoal de Elza Soares se ven reflexadas. En síntese, Elza trata de chegar a todos os recunchos que a fixeron ser o que é. Sen esquecerse de nada, e cun acompañamento musical onde a vangarda paulista mostra todo o que ten que ofrecer á música, Deus É Mulher é un dos traballos máis completos do ano.

Elza Soares