por | Mai 28, 2018 | Literatura | 0 Comentarios

Antía Yáñez: “‘Senlleiras’ fala de todas nós, as do pasado e as do presente”

Antía Yáñez é unha autora lucense que, malia a súa xuventude, vén de gañar o premio Illa Nova de Galaxia coa súa novela Senlleiras, a cal sairá publicada en moi pouco tempo. Anteriormente publicara O misterio de Portomarín co mesmo selo editorial. Falamos con ela destas obras, e de moito máis.

O primeiro, parabéns por ese premio Illa Nova. Cóntanos, que atopamos en ‘Senlleiras’?

Pois en Senlleiras atopamos, primeiro, misterio. Unha influencer que sube unha foto ás súas redes sociais na que aparece unha man fantasma no seu ombro, e que despois morre exactamente á semana de sacala. O misterio encántame, e a meirande parte do que escribo parte de aí. Pero logo, Senlleiras é moito máis. Fala do duro que é ser muller, do noso día a día, das cousas que se supoñen temos que ser capaces de facer por nacer dese sexo. Fala de todas nós, as do pasado e as do presente. E agardo que non das que virán, porque iso significará que a nosa situación mudou para ben.

Cal é a orixe de ‘Senlleiras’, de onde xorde a idea?

Baseeime nun caso real que escoitei nun programa de Cuarto Milenio. Despois, o resto (a mestura do pasado e do presente, a violencia de xénero, as referencias históricas…) foron xurdindo pouco a pouco a medida que a historia cobraba vida na miña cabeza.

Parece que a sociedade está máis concienciada ca nunca coa violencia de xénero. Cres que estamos no bo camiño, ou que é necesario facer máis…?

É necesario facer máis. Moito máis. Claro que imos mellorando, só faltaría que co tempo fósemos a peor! Pero non é suficiente. Xa non é só a violencia de xénero, é o papel da muller na sociedade. Agora traballamos fóra da casa, suponse que somos “iguais” a eles, pero non é unha igualdade real. Aínda se nos presupón que temos que ocuparnos da casa, dos fillos e fillas, dos maiores. Pouco a pouco iso cambia, xa hai moitos homes concienciados, pero non é así na súa meirande parte. As baixas de maternidade non son iguais ás de paternidade, o que nos penaliza laboralmente. Se alguén nunha parella heterosexual ten que deixar o traballo polo que sexa, adoitamos ser nós, porque cobramos menos. Somos nós as que ao volver á casa pola noite temos que ir mirando se alguén nos segue, as que temos que ir por rúas iluminadas polo que poida pasar. E se nos metemos no machismo institucional, entón non rematamos. Como non vai haber machismo institucional? Se vivimos nunha sociedade machista! E iso non se arranxa dun día para outro; iso é pola educación que recibimos desde que somos pequenos e pequenas, aínda que sexa de xeito inconsciente. A eles motivámolos para ser valentes e fortes; para que tomen a iniciativa. A nós, para ser amables, cándidas, bondadosas. Submisas, en definitiva. Aínda que ninguén o faga de xeito consciente (non creo que ninguén pense: ás nenas hai que facelas submisas; non, pero é ao que nos leva todo o demais).

Como te decides a escribir por primeira vez? E a ser escritora?

Sempre me gustou ler, así que a escrita foi unha evolución natural. Crear os meus propios mundos no canto de limitarme a visitar os dos demáis. O de intentalo como escritora xurdiu porque estaba rematando a carreira e non tiña nada claro que ía facer despois, pois non me gustaba demasiado o que estaba estudando.

Publicaches o teu anterior libro, ‘O misterio de Portomarín’, tamén con Galaxia. Como te decides a dar ese paso, a dicir “quero publicar”? Foi complicado conseguir esa primeira publicación?

Participaba en concursos literarios e os bos resultados acadados animáronme a intentalo. Como non sabía a que me ía dedicar no futuro, pensei que non perdía nada por intentalo. Tiven moita sorte: seguía en Twitter a Francisco Castro, editor de Galaxia por aquela época, e el a min, así que inspirei fondo, díxenme “non perdes nada por intentalo” e envieille unha mensaxe. De aí veu todo. Tiven moita sorte.

Fálanos dese anterior traballo. Que tería en común con ‘Senlleiras’?

Sen dúbida, a presencia das mulleres. Estaba farta xa de que na meirande parte dos libros nós tivésemos papeis secundarios (a moza de, a amiga de, a nai de, a muller de…), así que case sempre as mulleres son as protagonistas das miñas historias. Quero que as nenas e mulleres sintan ao lerme que elas tamén poden ser as heroínas, as detectives, as policías que resolven casos… E tamén teñen en común o misterio. Se un libro non che interesa desde o comezo, é mellor deixalo. Hai moitos libros no mundo como para perder o tempo con un que che resulta aburrido. O xeito que teño eu de “enganchar” aos lectores e lectoras é o misterio.

Cal é o teu xénero preferido á hora de escribir? E á hora de ler?

O terror, o xénero histórico, o misterio, a fantasía… Teño moitos. Ultimamente gústame o ensaio, sobre todo feminista. Ao mellor me animo a escribir algo sobre iso, quen sabe.

Tes algunha “manía de escritora”, á hora de traballar?

Cústame moito estar sentada moitas horas diante do ordenador, así que cada pouco tempo levántome a facer calquera outra cousa. Son un cu inquedo. Pero manías… penso que non.

Cales son os teus referentes literarios?

Gústame dicir que son da xeración Harry Potter, porque a miña adolescencia coincidiu coa publicación dos últimos libros, que me encantaban, pero non teño referentes máis alá de lembrar as historias que me gustaron e pensar “eu melloraría isto ou aquilo”. Non teño ningún autor ou autora no que me fixe á hora de escribir, polo menos de xeito consciente. Claro que o que lin ao longo da miña vida me inflúe, pero son moi pouco idólatra. Agustín Fernández Paz gustábame moito, iso si, pois escribía en galego (a miña lingua materna) sobre temas que a min me interesaban. Ademais, moitas veces as súas protagonistas eran mulleres. Se tivese que escoller a alguén ao que parecerme, sería a el.

Como valoras a situación da literatura en galego na actualidade?

Difícil, por ser xenerosa. Cando vou aos colexios e institutos a falar cos lectores e lectoras sempre lles pregunto que cambiarían do libro, ou que foi o que menos lles gustou, para aprender, e moitos dinme que o que menos lles gustou foi que estivese en galego! Son profesora nunha academia e os rapaces e rapazas de hoxe en día ven o galego como unha lingua estranxeira. De feito, escriben mellor en inglés que en galego. A situación literaria? A situación do galego en xeral é crítica! E mentres, temos que aturar que os nosos políticos digan que a nosa lingua “ten unha mala saúde de ferro”. Pero se non hai máis que escoitar como falan no Parlamento Galego. Que idioma é ese? E nas cidades? Unha nai hai uns días díxome que os amigos e amigas do seu fillo e da súa filla lles pedían que non falasen en galego, que lles daba vergoña. Mentres non lles ensinemos que falar galego é tan cosmopolita como falar inglés, non conseguiremos nada. Non hai referentes na rede en galego, nin na televisión, nin na radio. Minto: hainos, pero son moi poucos, non chegan. E moitas veces, os que hai asócianse á xente maior, porque son programas que os mozos e mozas xamais verían. Ou mudamos a situación, ou o galego morrerá cando morran os nosos maiores.

Tes algún futuro proxecto xa en mente?

Ideas sempre teño. Moitas. Agora xa, sentarme e poñerme cústame un mundo. Os certames literarios axúdanme a ser ordenada, pois como teño unha data de entrega iso obrígame a ser máis estrita. Teño dúas ou tres ideas a piques de ser materializadas, pero aínda estou coa resaca do Premio Illa Nova e dinme uns meses de descanso.