Select Page

Dez filmes de doce países competirán na Mostra de Cinema Etnográfico

A 13ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo, que se celebrará do 4 ao 10 de xuño en Santiago de Compostela, ven de presentar o seu programa completo de proxeccións e actividades. A Sección Oficial a concurso da MICE recolle filmes realizados nos últimos dous anos e ofrece un panorama completo de traballos audiovisuais actuais feitos no campo da etnografía e da antropoloxía visual.
As obras realizadas e filmadas en América Latina teñen especial peso entre os doce filmes da selección, que suman dez nacionalidades diferentes (dende Bélxica, Alemaña ou Francia a Perú, Venezuela, Arxentina ou Brasil). Catro das doce películas serán estrea en España e seis estrea en Galicia. O 50% das películas que concursan nesta sección están dirixidas por mulleres, algo que se pode extrapolar ao total da programación desta 13ª MICE do Museo do Pobo e que confirma o enfoque igualitario da Mostra.
A vontade da MICE de recoller o dinamismo da cultura galega vese na relevancia no programa do cinema de Galicia, que no caso concreto da Sección Oficial inclúe tres filmes que optan ao Premio á Mellor Película Galega: Os fillos da vide, de Ana Domínguez; Palmira, de Diana Gonçalves; e Nocturno: Fantasmas de mar en puerto de Álvaro F. Pulpeiro, que ten ademais na MICE a súa estrea en Galicia. Ademais o MICE presenta tres seccións paralelas: Etnografía, muller e cinema, Trazas e Espiello.
A 13ª MICE programou en conxunto coa Semana do Libro de Compostela (SELIC) a proxección do filme Contrafaces de Fon Cortizo. Poetas como Erin Moure, Elías Knörr, Chus Pato e escritores como Fran Alonso e Iolanda Zúñiga forman o elenco desta película que aborda o tema da identidade e da expresión poética.

O obradoiro A miña primeira película impartido por Alberto Vázquez (do Proxecto Educativo Espacio Rojo), para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos é a única actividade de pago. Ten un custe de 3 euros por persoa participante (sendo de balde para persoas desempregadas e socias do Museo). A exposición Camiños da Imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela “Costiña” está enmarcada dentro das actividades paralelas da 13ª MICE e pódese visitar ata o día 10 de xuño no Museo do Pobo.