por | Mai 26, 2018 | Literatura, Novidades |

Bota a andar ‘Ligeia’, revista centrada na literatura e o xornalismo

A coincidir co Día das Letras presentábase Ligeia unha nova revista dedicada á poesía contemporánea, ao xornalismo e á investigación literaria. Fundada, editada e dirixida polos poetas e escritores pontevedreses Marcus Daniel Cabada (1995) e Tamara Andrés (1992), baixo a dirección artística da tamén pontevedresa Paula Estévez (1995), a publicación sae á rúa con textos en galego e castelán e cun primeiro número que chama a “Recuperar as mans”.

Textos de 70 autores de 14 países fan parte desta primeira entrega, con colaboracións de nomes como Marta Dacosta, Oriana Méndez, Arancha Nogueira, Amauta Castro, Eli Ríos ou Emma Pedreira pola banda galega. Canda a textos de creación, poden atoparse artigos como Neira Vilas en la diáspora: la construcción de un imaginario, entrevistas a Óscar Hahn, Piedad Bonnett, Keith Payne ou Xosé Mexuto ou un perfil a Xosé Manuel Beiras entre outros contidos.

En contraste con autores recoñecidos, o número inclúe obras de mozos creadores ainda inéditos, como os pontevedreses Carlota Corredoira (poesía) e Eladio Pomares (ilustración). Polo tanto, a edición abarca idades comprendidas entre os 15 e 83 anos, en consonancia coas súas bases editoriais de pluralidade, igualdade e transxeracionalidade.

Con periodicidade trimestral, a publicación estará á venda por 4,50 euros e poderá descargarse de balde na web www.revistaligeia.com, que estará activa a partir do vindeiro 1 de xuño.