Select Page

Beach House – 7

11/05/2018 • Bella Union

Beach House déronse a coñecer no ano 2006 co seu primeiro disco e cun estilo que facía lembrar ao dream pop dos 80 que os alonxaba do resto do indie rock do momento e que relucía todavía moito máis en traballos como Teen Dream e Bloom. Con todo os dous lanzamentos da banda que seguiron a Bloom semellaban sorprender menos, ofrecendo unha proposta continuista non tan ben executada. Mais en 7 atopámonos cunha banda cun son renovado que desprende máis enerxía ca nunca.

Xa dende a primeira canción, Dark Spring, se percibe este novo son, máis veloz, coa aparición esporádica de guitarras distorsionadas que poden lembrar a My Bloody Valentine, e sen renunciar as atmosferas coidadas e oníricas as que a banda xa nos tiña acostumados. En certa maneira podería dicirse que este é o disco de shoegaze de Beach House. Dark Spring da paso as melodías suaves de Pay No Mind mediante unha transición fantástica, que xunto aos sintetizadores de Lemon Glow firman un moi bo comezo para este disco.

Pero a maior virtude de 7 é a súa solidez, xa que a medida que vamos avanzando no tracklist non percibimos ningún descenso na calidade das súas cancións. De feito non é ata a metade do disco cando nos atopamos con Dive, quizáis a mellor canción de todo o traballo, unha pista que comeza de maneira pausada, coa voz e os teclados de Victoria Legrand en primeiro plano mentres que a percusión e a guitarra pulsante de Alex Scally van entrando pouco a pouco no tema dando lugar a un fascinante crescendo.

As capas de sintetizadores de Black Car son outro punto forte do disco, unha canción que sen lugar a dúbidas consegue manter unha tensión e un misterio constantes moi interesantes. Lose Your Smile ten algunhas das melodías mellores melodías do disco e o peche con Last Ride, a canción con maior extensión de todo o álbum, engade os pianos á lista de instrumentos empregados neste 7.

Non cabe dúbida algunha de que Beach House conseguiron dar frescura de novo ao seu son con este disco, 7 ofrece unha revisión actualizada ao son do dream pop e do shoegaze dando lugar a un dos traballos máis redondos do que vai de ano e a un disco que compite por ser a mellor colección de cancións publicada por Beach House ata o de agora.

Beach House