Happy!: Crecendo dende os tópicos.

Sen lugar a dúbidas, ser coetáneo de alguén como Grant Morrison é algo espectacular. Aqueles que durante estes últimos anos estiveran a ler banda deseñada saberán isto, pois leva anos levando aos seus límites a moitos dos súper heroes máis famosos do mundo da banda deseñada americana, coma os X-Men, Batman (axudando á posterior creación do videoxogo Akrham Asylum), ou o seu Multiverso. O principal froito dos seus éxitos foi saber ler os límites preestablecidos no ámbito para posteriormente romper con ditos muros. Con todo, tamén da súa mente saíron moitas obras de banda deseñada con personaxes e historias totalmente orixinais, coma os seus Invisibles, Nameless ou a súa primeira obra convertida en serie, Happy!.

Happy! non é, nin moito menos, a mellor obra de Grant Morrison. Trátase dunha obra de banda deseñada menor, onde a historia transcorre de maneira moi rápida e o debuxo e as cores non conseguen ir máis alá de acompañar o guión, que non chega a puntos de máis interese que unha tópica e previsible historia de mafias, pasados e personaxes escuros e un estereotipo máis que aburrido. Así, dentro desa historia, a única sorpresa interesante é o elemento de Happy, o amigo imaxinario dunha das protagonistas da historia, Hailey. Nunha cor azul moi destacada, as páxinas da historia cóbrense das plumas azuis do unicornio alado que ten sobre o seu pequeno corpo a tarefa de cubrir un guión con moitas preguntas e poucas respostas.

As dúbidas sobre isto disípanse xa na serie de televisión de Syfy. Agora, con máis tempo para desenvolver tanto historia como personaxes e incluso podendo permitirse abrir unha pequena porta cara unha segunda tempada, dótase á historia dunha necesaria complexidade emocional que fai que as caídas no tópico que tantas veces fixeron que o cómic non pasase de testemuñal poidan pasarse por alto cunha maior facilidade.

O protagonista segue a ser o estereotipado Nick Sax, ex policía vido a menos  convertido en sicario e repudiado polos seus seres queridos. Iso si, coñecido nos baixos fondos polo seu bo facer nesta nova tarefa. Alcohólico e con problemas de corazón, chega a vida a través de Christopher Meloni, que tamén figura acreditado como produtor executivo da serie. Dentro do tópico, Meloni desenvólvese con destreza e bo facer, conseguindo que a trama flúa a través del a través do humor negro, acción desenfadada e irreverente e unha capacidade de empatía máis que citable. Xunto a el, cobran gran importancia na trama Haley, rapaza raptada polo paiaao vagabundo, e a detective Meredith McCarthy, que pasan dun papel testemuñal na banda deseñada a ter agora na serie unha personalidade definida e capacidade para permitir avanzar a trama. Con elas, dótase de motividade para as súas accións e de empatía ao pallaso secuestrador.

Outras personaxes como Blue ou Smoothie -a quen Patrick Fischler permite brillar- tamén son dotados polo camiño de emocións, subtramas ou, sen máis, se lles permite desenvolver as liñas que o cómic inicial puxo sobre a mesa, dotando de enerxía as súas personaxes. Ademais disto, a serie permite facelos identificables dende un primeiro momento e sorprende coas escenas e situacións creadas para eles. Non só en referencia ao cómic, senón tamén cara o que o espectador busca e recoñece. Así, Blue é unha caricatura do que Walter White foi en Breaking Bad; e permíteselle á trama de Smoothie converterse a un realismo inverosímil coma o que nos ten xa acostumados Fargo.

Con todo, o maior éxito da serie e do cómic segue a ser a figura de Happy, o unicornio azul agora dotado dunha personalidade que vai máis alá do tópico e que pretende explotar ata o final a idea do amigo imaxinario. Preséntasenos ao personaxe en situacións nas que xamais imaxinaríamos, por exemplo, ao entrañable Bing Bong de Do Revés, como en comiquísimas reunións de amigos imaxinarios anónimos nos que se ve como a falta de necesidade da súa existencia ao crecer os nenos cos que viven crea ás criaturas irreais unha falta de obxectivos futuros que os fai caer en depresións. O mellor trunfo estético da serie fronte ao cómic ven con que agora, ademais de ver a Happy, podemos escoitar a súa aguda, incesante e cómica voz.

Happy non é a serie do ano. Moitas das cousas que trunfan nela son froito da loita fronte ao tópico. Resúmese no estirar do chicle da goma de mascar sabor estereotipo, tentando mesturalo coa orixinalidade argumental para crear cousas novas. Neste caso, a creación prodúcese a través do humor adulto e o gore. Grant Morrison non será mundialmente coñecido no mundo das series pola súa participación en Happy!, mais é un pracer contar con el, por fin, neste ámbito cultural.

Happy!


Director
: Brian Taylor, David Petrarca 
Música: Blair Mowat
Guión: Patrick Macmanus, Brian Taylor, Grant Morrison
Fotografía: Gonzalo Amat
Ano: 2017
País: Estados Unidos

Original Film | Syfy | Universal