Courtney Barnett – Tell Me How You Really Feel

18/05/2018 • Marathon Artists

por | Mai 24, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

O club dos 27 é unha expresión comunmente utilizada cando falamos de artistas musicais que, ao chegar aos vinte e sete anos, morreron. Entre os finados están grandes artistas como Brian Jones, Jimi Hendrix, Janis Joplin, Jim Morrison, Kurt Cobain ou Amy Winehouse. Tamén, a esa idade, desapareceu o letrista principal dos Manic Street Preaches, Richey James Edwards. Recordo, tamén, un gag dos Simpsons que segue a facerme unha gracia absurda no que a protagonista é Lisa, e dito número repítese sobre ela, na súa mente, nun intento da rapaza por estudar matemáticas no seu colexio, segregado recentemente por sexos. Courtney Barnett non ten ningunha relación máis que anecdótica con dito grupo como tal, e ao mesmo tempo o meu comentario sobre Lisa Simpson é un símil do contido que a artista pode lanzar nas súas letras, moitas veces especiais e orixinais pola facilidade que ten para cantar sobre situacións do máis cotiás como ir ao supermercado ou escoitar música deitadas nas nosas camas.

Courtney Barnett, a diferenza de todos os grandes artistas anteriormente mencionados, non viviu rápido para morrer nova. Ou, se o fixo, sobreviviu para converterse e consolidarse como unha das artistas internacionais máis queridas pola crítica, así como unha das principais re-descubridoras dun son esgotado coma o indie rock, dándolle consistencia grazas ao garaxe e ao grunge. A relación con xente como Kurt Cobain é, pois, coma a que teñen tantos outros artistas que creceron escoitando a súa música nos noventa. Os vinte e sete anos non supuxeron unha despedida traumática, senón unha benvida. A dita idade publicou o que sería o seu primeiro longo, do rimbombante e ocioso nome Sometimes I Sit and Think, and Sometimes I Just Sit (2015). Temas como Pedestrian at Best ou Dead Fox se uniron como pequenas xoias a un dos sinxelos de rock máis orixinais dos últimos anos como Avant Gardener, tema que a deu a coñecer como líder indiscutible dos temas do seu dobre EP e ópera prima, A Sea of Split Peas.

As fantochadas, con Courtney Barnett, déixanse de lado. Unha guitarra, un baixo e unha batería son suficientes para mostrar todo o que desexa nos seus temas. A súa habilidade consiste en naturalizar os instrumentos xunto á súa voz, ás veces desganada, e outras enérxica, mesturándose en cancións que son capaces de facer que os acordes se volvan tan nosos coma as empatías que as súas letras transmiten. Escoitala é o máis parecido á recreación de todo o que fai especial os momentos nos que podemos estar a comentar situacións anecdóticas coas nosas persoas queridas. Escoitala é, pois, moi similar ao feito de que unha amizade nos abra o seu corazón.

En outubro de 2017, con todo, lanzaba un novo álbum que levantou máis dunha alarma. Sen chegar a ser descoidada, a súa colaboración co máis que coñecido e respectado Kurt Vile nese álbum conxunto que chamaron Lotta Sea Lice deixou bastante que desexar. Non conseguiron, ningún dos dous, impoñer o seu estilo sobre o do outro. A mestura non foi homoxénea, en absoluto, e puxo sobre a mesa os fallos máis grandes que ambos artistas podían ter —sen chegar a ser moitos—. Tras isto, as alarmas prendéronse sobre a artista de Melbourne.

Chegados a febreiro deste ano, Nameless, Faceless foi lanzada como primeiro sinxelo do seu novo álbum, Tell Me How You Really Feel. Seguindo a estela máis escura do tema Kim’s Caravan do seu último álbum, parecía que para este novo traballo a concienciación de Courtney Barnett, á vez que a súa introversión, ían aumentar. Así, onde antes había mensaxes confusos, ou dúbidas máis cotiás, en Nameless, Faceless puña nun entretido tema entre escuro e bailable unha mensaxe feminista concisa e clara, repetindo no retrouso un “I wanna walk through the park in the dark” (Quero camiñar polo parque na escuridade). Tras el, chegou Need a Little Time, onde a introspección volvía a ser candente e as dúbidas respecto a si mesma volvían pórse sobre a mesa.

A última canción citada foi a que verdadeiramente marcou a liña do novo traballo, substituíndo os ritmos candentes e as guitarras rápidas por liñas máis lentas e melódicas, e onde os cantos sobre temas máis profundos tomaron a totalidade do álbum. Así, se ben o resultado non chega a ser malo, si que perde moita da maxia que en primeiro lugar nos fixo achegarnos a Courtney Barnett. Nesta ocasión, onde antes atopabamos unha complicidade alegre agora entramos nos mesmos problemas dunha forma máis directa, pero que dista demasiado do que lle deu personalidade en primeiro lugar á obra de Courtney.

Nun álbum de 37 minutos atopamos demasiados puntos aburridos, e temas nos que non conseguimos nada que nos chame a atención lonxe dos sinxelos que anunciaron a saída deste novo álbum e nos que xa, de primeiras, se levantaban dúbidas porque ningún deles chegaba a ser un dos temas revelación que atopamos no primeiro longo. Os momentos máis propios da artista non convencen máis alá do estritamente notable, e os momentos máis punk e garaxe, anteriormente os puntos máis positivos do traballo da australiana, agora non pasan de ser unha descafeinada versión de ela mesma e das obras que artistas como Sleater Kinney ou Bikini Kill perfeccionaron anos atrás.

Courtney Barnett consegue manter o apoio dos seus fans, mais non era o que se esperaría dela. A obra carece da maxia do seu debut, e se ben consegue consolidala no seu posto mediático, non trae consigo a ilusión, emoción e empatía que conseguiu contaxiar antano. Un traballo aprobable dunha estrela tardía, mais que non chega á excelencia mostrada anteriormente.

Courtney Barnett