Redacción: Brais Nogueira, Mauro Borrazás

Primavera do Cine: O mellor cinema galego e lusófono

O Festival do Primavera de Cine celebrouse en Vigo durante os pasados oito e o trece de maio e encheu de cinema a cidade olívica. Este ano, o país invitado foi Brasil, cuxo cinema sumouse a habitual proxección de obras galegas e portuguesas. En total proxectáronse once longametraxes e trinta e tres curtas. A animación tamén estivo presente ao longo das xornadas.

Merece unha mención especial que os videoclips tiveron o seu lugar e recoñecemento, contando cunha categoría propia que contou coa proxección de 18 pezas e prestando un recoñecemento especial á figura moitas veces esquecida dos seus directores. Puideron verse vídeos musicais que acompañaron a cancións de bandas como Dois, Basanta ou The Riggos.

Este evento fundaméntase sobre tres bases: o compromiso social, a reivindicación da lingua galega e pola lusofonía. Quero destacar o primeiro, xa que os actos do festival son loables neste senso. En primeiro lugar, amosárono os días anteriores ao comezo co festival coa proxección do documental Vigo 1972 -sobre a histórica folga dese ano durante o franquismo- en Coia e Teis, principais barrios obreiros da cidade.

Tamén foi unha mostra de intencións a selección de gran parte das obras como Doña Clara, O Dedo na Ferida, A Fabrica da Nada ou Matria. Por outra banda, durante a gala de apertura houbo a proxección de Cabra, Marcado para Morrer. Esta obra do histórico documentalista Eduardo Coutinho amosa o contexto da morte do líder campesiño brasileiro Joao Pedro Teixeira.

Tamén nesa gala otorgóuselle a Mención de Honra do Festival á produtora Chelo Loureiro. Fundamental para entender a animación actual, destacouse o seu compromiso co feminismo e ademáis do seu gran talento. Entre outras, foi responsable de, Decorado -polo que gañou un premio Goya- Migas de Pan, O Xigante, La Flor Más Grande del Mundo, De Profundis e The Neverending Wall.

Precisamente esta última -dirixida por Silvia Carpizo- é unha das obras máis destacables no apartado de animación. Tamén É preciso que eu diminúa, do histórico da animación portuguesa Pedro Sarrazina. De feito, á música utilizada nesta curta foi a elixida para acompañarnos durante todo o festival. Unha moi boa elección, por certo. Pero a que máis destaco e Surpresa, de Paulo Patricio. Unha obra absolutamente conmovedora da relación entre unha nena e o cancro que padece.

En canto ás curtametraxes galegas, ademáis da brillante Matria de Álvaro Gago, destacan entre ás inscritas na sección oficial Huellas, de Rubén de Marina, que fala sobre a emigración e as sensacións e sentimentos que poden ter os emigrantes dun país a nivel de identidade. O relato da prostitución realizado por Noemí Chantada cun enfoque diferente en La Mujer Invisible impactou especialmente ante un público local. O filme de Julián Merino The App que amosa dende un punto de vista humorístico como sería se unha aplicación de móbil rexise as nosas vidas. Un Black Mirror con bastante gracia. Finalmente Aysha, dirixida por Fon Cortizo, foi unha das curtas mais interesantes entre as proxectadas, narra a situación sociopolítica en Xordania a partir da responsable do Poetry Slam do país. Moi interesante e cun traballo de fotografía moi destacable.

En canto as longas, 30 Lumes de Diana Toucedo innova no cinema galego en canto á montaxe e forma mais en temática quédase no de sempre, non arrisca en absoluto. Sobre todo se o comparamos con Dhogs, tamén proxectada no festival acompañada dun coloquio co director Andrés Goteira, Morris e a produtora Laura Doval, a cal é sen lugar a dúbidas unha proposta rompedora tanto no aspecto formal como no contido.

En canto ao cine lusófono, o máis interesante foi Atlantis (ou como se coñece no Estado Español “Doña Clara”), a historia de vida dunha muller que loita contra todo e todos con tal de seguir adiante na súa casa, cunha interpretación de Sonia Braga fai da película de Kleber Mendonça imprescindible, así como o primeiro filme de ficción de Pedro Pinho, A fábrica da nada, no que se relata a revolta laboral levada adiante polos empregados dunha fábrica de ascensores tras ser obrigados a permanecer nos seus postos sen poder traballar mentres a administración negociaba seus despidos.

O festival pechouse cunha gala de clausura na que se entregaron os galardóns do público e do xurado, que recaeron en 30 lumes e Tódalas mulleres que coñezo no campo das longametraxes galegas e en La mujer invisible e Matria no de curtametraxes.