por | Mai 23, 2018 | Cinema & TV, Novidades |

Olladas femininas ao cinema etnográfico na 13ª edición da MICE

A 13ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE), que terá lugar do 4 ao 10 de xuño en Santiago, presenta para esta edición unha programación paralela marcada pola vontade de visibilizar as miradas das realizadoras no ámbito do cinema etnográfico, na que destaca a sección Etnografía, muller e cinema, coordinada pola investigadora en artes visuais e feminismos Ánxela Caramés.

A primeira sesión da sección Etnografía, muller e cinema recolle tres curtas de tres cineastas do Líbano, Israel e Turquía que rexistran a vida cotiá dos espazos e das persoas que filman, marcada pola inestabilidade política: Tshweesh (Feyrouz Serhal); The boy from H2 (Helen Yanovsky), que competiu na sección de curtas da Berlinale; e Why is Difficult to make Films in Kurdistan (Ebrû Avci), galardoada no DocLisboa 2017. A segunda sesión, tamén de curtas, compóñena as obras de dúas autoras galegas (Cruz Piñón de Xisela Franco e Fisterra, carne de Safari de Olaia Sendón) e Las Filanderas de Estíbaliz Sádaba, un proxecto videográfico para o MUSAC sobre a dificultade histórica das relacións das mulleres co espazo público. A sección complétase coa proxección de Trinta Lumes, a primeira longa de Diana Toucedo, unha ficción sobre o Courel moi apegada ao real e que vén de pasar con éxito pola Berlinale ou o Festival de Sevilla.

As outras dúas seccións non competitivas da MICE tamén teñen películas dirixidas por mulleres: Trazas, coa que o Cineclube de Compostela renova a súa colaboración coa mostra, presenta unha selección de películas centradas na relación entre etnografía e ficción; mentres Espiello ofrecerá a oportunidade de ver dous dos filmes galardoados este ano no Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe, un dos de máis renome. En Trazas poderemos ver On the Bowery de Lionel Rogosin, un filme chave do Novo Cinema Norteamericano; Trás-os-Montes de Margarida Cordeiro e António Reis, un dos clásicos do cinema portugués; filmes sobre o colonialismo como Nice Coloured Girls de Tracey Moffat ou Turumba de Kidlat Tahimik; e Daughter Rite de Michelle Citron. En Espiello, que recolle todos os anos unha escolma dos mellores filmes presentados no festival de Sobrarbe, todo un referente no ámbito do documental e da antropoloxía visual, proxectaranse dous filmes: Marquis de Wavrin, du manoir à la jungle, de Grace Winter e Luc Plantier e China’s 3Dreams de Nick Torrens.

O conxunto da programación e actividades paralelas daranse a coñecer a finais desta mesma semana. Con todo, xa este mércores 23 ás 20 horas terá lugar unha sesión previa, coa proxección no Museo do Pobo de varias pezas participantes no certame Youtubeir@s relacionadas coa etnografía. Os vídeos estarán acompañados por unha conversa na que participarán proxectos como As cousas do ChoioTradiGaita ou Son do Pan.