“Nós non imos ficar caladas”, manifesto en defensa do ‘Diario Cultural’

A posibilidade de que a Radio Galega elimine como programa independente o Diario Cultural a partir do mes de setembro está a motivar múltiples protestas por parte de entidades e persoeiros da cultura

Soubemos hai uns días atrás da intención da dirección da CRTVG de suprimir o Diario Cultural da grella da programación da vindeira tempada da Radio Galega. Unha intención que agardamos sexa modificada tras a mobilización extraordinaria que se ven producindo desde que se coñeceu. O programa, conducido por Ana Romaní -poeta e académica numeraria da RAG-, levaba case tres décadas tomando o pulso á realidade cultural galega.

O anuncio ergueu unha vaga de reaccións no mundo da Cultura, con pronunciamentos da Mesa pola Normalización, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a de Editoras, a de Xestores Culturais, a Fundación Uxío Novoneyra, Escena Galega, a editorial Kalandraka ou da Deputación da Coruña, que chaman a manter o que consideran un referente da información cultural do noso país. En Twitter, a conta @euquerodc e os hashtags #euqueroDiarioCultural, #QueremosDiarioCultural e #SalvemosODiarioCultural recollen múltiples chíos de protesta sobre a cuestión.

En paralelo, un manifesto lanzado por un grupo de persoeiros do ámbito da cultura aglutina esa protesta, reclama á CRTVG que “cumpra a lei” e lémbralle que “os medios de comunicación públicos son patrimonio de todas.” O grupo promotor de Nós non imos ficar caladas, que pode ser asinado aquí, está composto por Xurxo Souto, Ledicia Costas, María Reimóndez, Manuel Bragado, Cesáreo Sánchez Iglesias, Rosalía Fernández Rial, Eli Ríos, Mercedes Queixas, Margarita Ledo Andión, María Xesús Nogueira, Fran Alonso, Manuel Rivas, Dores Tembrás, Xiana Lastra, Marcos Maceira e Suso de Toro.

No manifesto tamén se lembra a desaparición doutros programas de tipo cultural como Onda Vital, Libro Aberto, Planeta Furancho, Alalá ou Eirado. Encadeando con isto, o manifesto sinala que “a Radio Galega non foi creada para traducir as axendas e os contidos das cadeas estatais. A Radio Galega naceu para ser o referente primeiro de todas as formas de cultura que produce esta sociedade. Exactamente como leva facendo, dun xeito espléndido, dende hai 28 anos, o Diario Cultural”.