Alto Asalto – Soños e Quimeras

16/05/2018 • Autoeditado

por | Mai 23, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Van xa oito anos dende o último traballo de Alto Asalto. Naquel Cultura Humana (2010), temas en castelán e galego con moita mensaxe materializaban un hip hop actual e concordante co momento no que o grupo existía, tanto no lírico coma no estritamente musical. As bases manexaban unha produción clásica, mais moito máis acercada ao hardcore rap vangardístico do que outros podían e estaban a facer. A produción, polo xeral, corría a cargo de Mou, membro do grupo e tamén produtor de Dios ke te Krew, polo cal había de onde vir. Con todo, Hevi e Malandrómeda tiñan un papel protagonista, pois Tan flipados contiña as súas liñas estilísticas ao contar con el na produción. Así, o hip hop máis experimental do momento en Galicia, e que moitos outros desprezaban por iso mesmo nun infantilismo cultural tiña visibilidade.

Tratábase dunha obra menor, mais que dentro do clásico tiña pequenos detalles que os facía apreciables. Tras el, pasaron oito anos ata este segundo longo, Soños e Quimeras. Igual que pasaron sete anos dende o seu comezo ata a saída do seu primeiro longo. Eles mesmos recoñecen que a pausa foi enorme, e só queda preguntarnos: a espera pagou a pena? Dende logo: si.

A importancia e impresión que ten ver unha produción coma a que Hevi fixo na primeira obra dos composteláns é digna de análise, pois aínda que aquel debut cae en moitos tópicos e estereotipos que o hip hop máis duro e rebelde leva moitos anos repetindo, ao mesmo tempo recoñece indirectamente que a experimentación no estilo non só é e era necesaria, senón que se atreve a engadir ditas probas no seu produto final a presentar e que, tras o boca a boca, chega aos oídos da xente. O test que se realizaba naquela vez e se aprobaba con boa nota volve, de maneira diferente, neste novo traballo.

Imposible de irse de todo da produción máis clásica, Soños e Quimeras trae consigo moitos temas nos que se ve que os anos non pasaron en van e nos que Mou, de novo produtor principal dos composteláns, trae consigo unha evolución tan necesaria como visible. Así, os temas polo xeral contan con máis elementos eléctricos e menos scratchs e baixos repetitivos. E digo polo xeral, pois alcánzase unha especie de dicotomía entre temas como Nada É Gratis, Ambrosio Pernas, Shock Anafiláctico e Choro e outros como Imaxina ou Caixa de Cristal. Outras, como Cambiar o Adobo ou Pantasmas mantéñense nun equilibrio frouxo entre ambas. Nisto, hai que ter en conta que moitos dos temas nos que a crítica é enteiramente positiva é nos temas producidos por Mou, sendo os fallos máis grandes os mostrados nos temas nos que a tarefa corre a cargo de Screwaholic. En xeral, da a impresión de que cun par de temas menos dos 15 que figuran no álbum, o resultado tería sido máis completo.

Centrámonos moito na capacidade musical do álbum, pois resulta especialmente reseñable. Atendéndonos á capacidade lírica do grupo, manteñen o nivel de crítica política á que nos tiñan acostumados, lanzando unha mensaxe consciente, centrada na loita, mais tamén dende unha visión pesimista e inqueda do mundo.

En Soños e Quimeras vese que unha pausa de estudo de oito anos non ten que significar unha desconexión coa realidade e a vangarda musical. Neste longo vemos moitos máis acertos que erros, e conclúe nun dos traballos máis completos do hip hop galego do ano. Sen dúbida, a experiencia e materialidade recolleuse cos anos, fronte á conxelación e morriña que moitos outros artistas do gremio decidiron manter negativamente.

Alto Asalto