por | Mai 23, 2018 | Libros, Literatura | 0 Comentarios

‘O Hobbit’: Un deses libros que hai que ter

No ensaio The Solitary Vice (recentemente traducido ao castelán por Lucía Barahona co título Contra la lectura), Mikita Brottman dedica todo un capítulo a un fenómeno que denomina bibliomanía: unha sorte de enfermidade de corte case dioxénico que leva a apilar moreas e moreas de libros nos estantes como consecuencia dun desmedido amor polo formato. E o volume que hoxe traio aquí non faría máis que agravar os síntomas de calquera bibliomaníaca do orbe por razóns que se antollan obvias en canto unha o ten entre as mans.

Xa había tempo que podiamos gozar da lectura dos relatos fantásticos de J.R.R. Tolkien na nosa lingua grazas ao máis que encomiable esforzo do tradutor e tamén editor Moisés Barcia. No ano 2000, a editora Xerais lanzou dentro da súa colección de literatura xuvenil “Fóra de xogo” a primeira tradución ao galego da novela O Hobbit e, case de xeito paralelo á estrea das celebradas adaptacións de Peter Jackson, a triloxía completa de O Señor dos Aneis. O bo facer e oficio de Barcia na tradución son incuestionables, mais algunhas voces (máis ou menos bibliomaníacas) consideraban que estas edicións case de peto non estaban á altura dunha saga literaria lida con devoción por millóns de persoas en todo o mundo (mesmo con peticións en change.org incluídas).

Talvez por este e outros motivos, Sushi Books decidiu incorporar ao seu xa moi notable repertorio de literatura infantil e xuvenil unha nova edición de O Hobbit na que a valía do formato e a calidade do texto verquido á nosa lingua estivesen en plena sintonía. Deste xeito xa non só podemos ler O Hobbit en galego, tamén podemos tocalo, apalpalo e admiralo coma unha valiosa peza artística.

Nada novo descubriremos no arquicoñecido texto de Tolkien, alén dunha tradución xusta, precisa e que tira proveito das múltiples posibilidades do noso idioma, mesmo traducindo os topónimos da Terra Media con nomes tan recoñecibles para o lectorado galego como Quiroga ou Outeiro, un dos riscos que xa distinguían á tradución publicada en Xerais. O que realmente destaca dunha das obras da literatura fantástica máis influentes do século XX é o seu novo e coidado envoltorio, todo un estimulante para volver mergullarse no mundo de Bilbo Bulseiro e acompañalo nas súas aventuras, incluíndo as ilustracións orixinais do autor. O empaque, polo tanto, non pode ser máis belo e axeitado.

Non cabe dúbida de que esta nova edición de O Hobbit é un auténtico artigo de coleccionista, un deses libros que “hai que ter” e co que calquera que teña un mínimo gusto polo libro como obxecto gozará. Non en van, a súa saída do prelo produciuse o pasado 23 de abril, día do libro. Á marxe dunha tradución impecable e oportunamente revisada, de novo a cargo de Moisés Barcia, O Hobbit que nos trae arestora Sushi Books reivindica a edición de luxo para o texto Tolkieniano en galego, presentándoa dun xeito case análogo a como se realizaron as edicións en castelán, moi coñecidas para o gran público, pero cunha apariencia máis sobria, refinada e elegante. Ademais, conta co aliciente de ser unha edición especial e limitada cuxo custo merecerá a pena para os fanáticos das sagas épicas do autor inglés. E para os que adoezan dunha certa bibliomanía, por que non.

O Hobbit


Autor
: J. R. R. Tolkien
Ano: 1937
País: Reino Unido
ISBN: 978-84-16884-11-7

Sushi Books