Big Little Lies: Unha serie tan sólida como o seu reparto

Big Little Lies é unha das pequenas xoias televisivas que nos deixou a HBO o ano pasado. Unha miniserie de 7 episodios de aproximadamente 50 minutos de duración cada un situada nunha pequena urbanización de luxo na costa de California que xira ao redor dun crime cometido nunha noite de festa.

Para comezar, Big Little Lies non está pensada como calquera outra serie que nos podemos atopar na televisión estadounidense, pois todos os capítulos están escritos polo seu creador (David E. Kelly) e contan cun só director (Jean-Marc Vallée), ao estilo doutras series pouco convencionais como True Detective ou The Knick (curiosamente, ambas propiedade de HBO tamén). Ademais, conta cun reparto de renome, encabezado por Nicole Kidman, Reese Witherspoon, Alexander Skarsgard e Adam Scott. Aínda que cada vez é máis habitual por mor da forte aposta pola ficción televisiva, segue resultando inusual ver producións protagonizadas por estrelas do cine na pequena pantalla, xa soamente por cuestións de presuposto. Tamén cabe resaltar que desde o principio Big Little Lies ridiculiza á burguesía e o seu hábito de tentar aparentar que levan vidas perfectas, que nos lembra un pouco á última película de Haneke, Happy End, e que non se estila moito no audiovisual norteamericano.

A historia comeza no primeiro día de colexio na luxosa vila de Monterey, situada na costa, ás aforas de California. No episodio piloto coñecemos ás tres protagonistas: Madeline Mackenzie (Witherspoon), unha muller divorciada que vive co seu segundo esposo (Scott) e as súas dúas fillas e que gosta de entrometerse na vida dos demais; Celeste Wright (Kidman), unha avogada retirada do oficio para dedicarse á vida familiar xunto ao seu marido (Skarsgard) e fillos; e Jane Chapman (Shailene Woodley), unha nai solteira que acaba de chegar á cidade. Madeline coincide accidentalmente con esta última tras un incidente na estrada e descobre que o seu fillo vai ser compañeiro da súa filla e dos fillos de Celeste, con quen mantén unha amizade cercana.

Mentres imos coñecendo a estas tres personaxes, se nos presentan unha serie de flashforwards de interrogatorios a diferentes persoas da vila que nos dan a entender que algo moi grave aconteceu a raíz da chegada de Jane a Monterey. Son fragmentos que funcionan moi ben para acentuar a tensión que se vai xerando (de maneira moi orgánica e interesante) a través dos capítulos e que ás veces incluso serven de contrapunto cómico a modo de “chismes” e comentarios sarcásticos, puntualizando certas escenas e axudando a coñecer un pouco mellor ás protagonistas (pois esta xente coñéceas mellor que os espectadores).

Este recurso narrativo tamén axuda a aportar dinamismo aos episodios, pois a montaxe é un dos puntos fortes da serie. Os flashforwards, os flashbacks e incluso as secuencias máis oníricas e alucinóxenas non desentoan dentro dunha narrativa marcada polos conflitos persoais e emocionais que experimentan as protagonistas, e úsanse como recurso para entrar no seu punto de vista; aínda que resulte difícil empatizar en ocasións co espectador medio, pois estamos falando de persoas de clase alta cuxa maior preocupación é manter as aparencias. Por isto mesmo personaxes como a de Madeline ou a de Renata Klein (Laura Dern) están cargados de rasgos paródicos, tendo a serie un ton de humor cínico e negro bastante disfrutable.

Pero sen dúbida algunha, o que máis destaca desta serie é o guión. Os diálogos resultan moi naturais, e neles téntase eliminar a exposición narrativa o máximo posible tratando de ensinar en lugar de contar. A historia está contada de maneira moi cohesionada (ao que axudan os flashforwards aportando o trasfondo necesario), construíndo tensión e intriga con cada capítulo. No tocante a isto último, gustaríame destacar as pequenas liñas de diálogo en cada episodio no que unha das personaxes afirma que mataría a outra se se lle presenta a ocasión, sendo á vez un “guiño meta” e unha forma de seguir acumulando tensión. Esta tensión resólvese nun final no que todas as tramas converxen de maneira moi natural e incluso sorprendente, con certos xiros de guión moi intelixentes e difíciles de previr, aínda que o misterio principal termina sendo bastante obvio a medida que pasan os capítulos.

En definitiva, Big Little Lies é unha serie interesante, memorable e divertida que combina á perfección o thriller e a sátira a través dunhas personaxes excéntricas, alleas e egoístas pero que, por enriba de todo, non poden deixar de ser humanas.

 

Big Little Lies


Director
: Jean-Marc Vallée
Música: Susan Jacobs
Guión: David E. Kelley (Novela: Liane Moriarty)
Fotografía: Yves Bélanger
Ano: 2017
País: Estados Unidos

Home Box Office (HBO) / Blossom Films