Arctic Monkeys – Tranquility Base Hotel & Casino

11/05/2018 • Domino

por | Mai 22, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Os Arctic Monkeys xa non precisan ningunha presentación. A banda de Sheffield é hoxe en día un dos nomes máis destacados no panorama do rock actual, dende logo o máis importante da súa xeración. Xa dende o lanzamento do primeiro disco Whatever People Say I Am, That’s What I’m Not en 2006 (e mesmo antes) a banda logrou un éxito enorme, especialmente no Reino Unido. Tras unha proposta continuista con Favourite Worst Nightmare, a banda mudou seu estilo radicalmente co Humbug lanzado en 2009 e producido por Josh Homme. Como todos os cambios de estilo, non gustou a todos os fans ao comezo, pero que co tempo gañou o seu recoñecemento e hoxe en día é considerado por moitos como seu mellor disco. Co Suck It And See volveu a verse un enfoque diferente de novo, cun son máis accesible, e despois chegou o AM.

O éxito que acadou este disco no ano 2013 foi abrumador. Os singles Do I Wanna Know?, R U Mine? e Why’d You Only Call Me When You’re High? soaron ao longo de todo o mundo, elevando a banda ao nivel do rock mainstream máis alá de Inglaterra. Despois deste disco a banda realizou o primeiro descanso considerable dende que lanzaron seu primeiro traballo. E claro, 5 anos despois do lanzamento dun disco como o AM a expectación ante un novo disco dos Arctic Monkeys  era máxima, e tendo en conta a proposta que a banda desenvolveu neste Tranquility Base Hotel & Casino, non é de sorprender que moitos fans se sentisen decepcionados ao darlle a primeira escoita.

Con todo non estamos ante un mal disco. Tranquility Base Hotel & Casino supón outro cambio de estilo por parte dos de Alex Turner, e xa van uns cantos. Trátase do primeiro disco dos Arctic Monkeys composto a partir do piano, e sen lugar a dúbidas ten un tono moito máis pausado que calquera dos seus predecesores, e tamén do primeiro disco da banda que xira en torno a unha temática concreta.

Os Arctic Monkeys sempre foron máis unha banda de cancións que unha banda de álbumes. Nunca ata o de agora buscaran dar unha unidade conceptual aos seus traballos a diferencia do que podemos atopar en Tranquility Base Hotel & Casino, un disco no que Alex Turner reflexiona sobre o súa propia figura e o estatus da banda durante a etapa do AM mediante a sátira e unha óptica cinematográfica e futurista. O son do disco ten un toque retro que fai pensar na música dos anos 70, e conta cunha instrumentación sutil pero moi elaborada, quizáis cos arranxos de guitarra máis interesantes por parte de Jamie Cook dende o Humbug, e cunha batería de Matt Helders que abandoa a forza e a intensidade para acompañar estas pezas máis tranquilas.

Tranquility Base Hotel & Casino é un disco que ten moi claro o que quere contar e que logra transmitilo de maneira moi axeitada. Dende logo pode resultar decepcionante se de antemán nos achegamos a el buscando as típicas cancións de rock as que a banda nos tiñan acostumados, xa que neste disco nin hai moito rock nin hai singles como tal, exceptuando como moito Four Out of Five ou She Looks Like Fun. Aínda que non cabe dúbida de que este disco acadará un éxito moito menor que o do seu predecesor, é un álbum moi cohesionado, que explora novos sonidos para a banda en lugar de buscar repetir a fórmula do AM.

Arctic Monkeys