por | Mai 21, 2018 | Concertos, Música | 0 Comentarios

Vetusta Morla, mesmo lugar distinto sitio

Era un día de nubes e claros na Coruña. Deses onde non sabes se ir con paraugas ou manga curta pero nos que sempre se escolle a opción menos adecuada. De camiño cara o concerto de Vetusta Morla non podía facer outra cousa senón lembrar o último ao que asistira catro anos atrás. Nese autobús numero vinte catro camiño ata a impoñente estrutura que é o Coliseum. Un edificio facilmente confundible co estadio de fútbol da cidade e, dende logo, con moito mellor aspecto. O grupo madrileño con xa case unha década de traxectoria presentaba en Galicia o seu último disco Mismo sitio, distinto lugar.

Antes da súa actuación, foi a quenda de Alice Wonder, cantante que posúe unha fantástica voz grave que repasou todas as sensibilidades das persoas que escoitaban. Unha pena que pola súa condición de teloneira, durante a súa actuación estivera constantemente entrando xente e moita da que estaba presente non atendera ao marabilloso son que saía da súa gorxa. Había un claro ambiente de que iso non era máis que un trámite ata que comezara o espectáculo polo que máis de dez mil persoas mercaron a súa entrada.

Por fin caía a noite na cidade de María Pita e o Coliseum estaba practicamente enchido na súa totalidade,  Vetusta Morla xa estaba aí. Comezaron cun bloque de catro cancións do seu novo traballo entre as que destacaron “Deseame suerte” e “Palmeras en la mancha”. Chegados a este punto, o público non é que estivese apagado pero dende logo non estaba desatado como podería agardarse dun evento desta magnitude.

Moitas veces, acúsase -e en ocasións con moita razón- ao panorama indie español por non mollarse en asuntos políticos mais antes de “Golpe Maestro” Pucho, vocalista do grupo, tomou a palabra e denunciou a situación de opresión na que se atopan as mulleres. Se ben esta mensaxe ulíase polo cartel enorme visible antes de que subise a banda que a tocar que rezaba “Solamente sí es sí”, cobra especial relevancia se temos en conta o barullo que tivo os días anteriores ao concerto o trato de Mikel Izal a algunhas mulleres. Por outro lado, tamén salientou a falta de liberdade de expresión no Estado Español facendo referencia a que “os músicos poden ir presos” en clara referencia á inminente entrada en prisión do rapeiro Valtonyc.

Ao longo de todo o concerto, houbo a unha tendencia a que as cancións novas non soaran tan ben e incluso houbo equivocacións manifestas. Iso si, o compensaron con creces coa interpretacións dos temas antigos que foron cantando e bailados pola multitude alí congregada. A destacar a incombustible “Copenhague”, o momento onde lembramos que en realidade ninguén quere ocultarse do descoñecido con “Fuego” ou a suma de “Sálvese Quien Pueda” e “Valiente” que agardo que nunca se deixe de facer por ben das xeracións vindeiras.

Porque se algo quero destacar o carácter interxeracional do evento. Ao meu redor había parella de trintañeiros, unhas rapazas duns dezaseis anos cun señor duns cincuenta anos que semellaba o pai dunha delas e un grupo grande de persoas que roldaban a vintena. Con isto quero dicir que a día de hoxe Vetusta Morla xa non é unha das bandas máis importantes do Estado, senón que o seu son acompaña a diferentes tipos de persoa con diferentes cargas ás súas costas. Son unha banda que xa forma parte do imaxinario colectivo do Estado.

E tras unha hora longa de concerto, chegou o momento de agardar ao bis. Parte de público comezou a cantaruxar “Sharabbey Road”, canción coa que remataba a banda outrora. Comprendín o acertado do título do disco que se estaba presentando. Vetusta estábame a devolver ao mesmo sitio que fai catro anos pero nun sitio e nunha temporalidade moi diferente. Non houbo Sharabbey Road, nin o aturuxo eterno que lembraba no meu interior. Pero “Consejo de sabios” foi un novo bo preludio para algo antigo cando rozábase a unha da mañá. E a esa hora, noite pechada na cidade da Coruña, “Los días raros” seguían igual que sempre. Maxestuosos. A vella Morla de Michael Ende segue igual. Entrará na visión de cada un considerar se isto é malo ou bo.