por | Mai 21, 2018 | Literatura, Novidades | 0 Comentarios

A gran festa do Libro Galego

A III edición da Gala do Libro Galego tivo lugar nunha tarde reivindicativa e chea de humor

Na tarde do sábado os compoñentes do mundo do libro déronse cita no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O obxectivo: deixar claro que o libro galego está moi vivo, e recoñecer a traxectoria e traballo dos profesionais do sector cunha entrega de premios sen dotación económica. Convocada pola FLG (Federación de Librarías de Galicia, organizadora nesta edición), a AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) e a AGE (Asociación Galega de Editoras), a gala contou como mestra de cerimonias á actriz Isabel Risco, e contou coa actuación musical da Banda da Loba.

Gala do Libro Galego

A Banda da Loba puxo a nota musical na Gala

Ao longo dunha gala tan divertida coma crítica, apuntouse repetidas veces ás cuestións que preocupan no sector, como é a reiterada invisibilización da nosa lingua e cultura (facendo fincapé na desaparición do Diario Cultural da Radio Galega) ou o secuestro do libro Fariña, pero tamén houbo espazo para sacar a colación o Pazo de Meirás e mesmo os presos políticos.

Os premiados

Entre os moitos premios repartidos destacaron os tres honoríficos, entregados polas respectivas entidades organizadoras. Así, o recoñecemento da AELG recaeu na autora valenciana Isabel-Clara Simó como Autora Galega Universal. Simó expresouse, a petición do público, na súa lingua, o catalán: “estou profundamente emocionada por ser galega dende hoxe, e ademáis, universal“, bromeou. “Quérovos felicitar a todos, porque fiquei estupefacta ante unha noite coma esta. O seu altísimo nivel intelectual, a súa simpatía e bon humor, e o feito de ser un acto reivindicativo fan que sexa unha das mellores festas das letras nas que participei na miña vida“. A escritora aproveitou para criticar a actuación do Estado español en Catalunya.

Gala do Libro Galego

Isabel-Clara Simó

Outro dos premios honoríficos, o da AGE, recaeu en Xavier Senín, quen fora subdirector do libro e de promoción cultural da Xunta de Galicia entre 1987 e 2005. Senín manifestou que “os tempos non son favorables. Coñecida é a delicada situación da edición. Cómpre que o mundo da comunicación se interese máis aínda polo noso traballo, precisamos crear lectores e lectoras“. Tamén deixou oco ao optimismo: “non contamos con empresas potentes. Pero temos a forza que nos dá a Lingua“.

A FLG, pola súa banda, recoñeceu a labor de Xurxo Patiño á fronte da Libraría Librouro, en Vigo. Patiño puntualizaba: “non é un premio a Xurxo Patiño. É un premio, en todo caso, aos libreiros no seu conxunto. E, no caso de Librouro, sería un premio aos meus pais, que a fundaron”.

A continuación, detallamos o resto dos galardoados:

  • Ensaio e investigación: Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento).
  • Divulgación: Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).
  • Narrativa: A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).
  • Infantil: A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).
  • Xuvenil: Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).
  • Libro ilustrado: Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
  • Libro de banda deseñada: Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
  • Iniciativa bibliográfica: Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).
  • Tradución: Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).
  • Poesía: Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
  • Teatro: Río Bravo, de Chévere (Kalandraka Editora).
  • Libro mellor editado: Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).
  • Iniciativa cultural ou fomento da lectura: Viñetas desde o Atlántico.
  • Proxecto literario na rede: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás
  • Xornalismo cultural: Ana Romaníde o Diario Cultural da Radio Galega.