por | Mai 18, 2018 | Literatura, Novidades |

Un novo documental e reedicións dixitais das obras de María Victoria Moreno

Reivindicando a María Victoria Moreno é o título do documental que dirixe Gonzalo E. Veloso sobre a autora homenaxeada no Día das Letras deste ano. A produción de Millo Films e da CRTVG, coa colaboración da Editorial Galaxia, repasa a figura de Moreno a través das voces de amizades e persoas que a coñeceron ademais de recuperar abondoso material de arquivo sobre ela. A Casa da cultura Cambre, ás 21 horas de hoxe e o Centro Galego de Artes da Imaxe, ás 18 horas de mañá, son as vindeiras ocasións de ver o filme, que se proxectou xa en Neda, San Sadurniño e Madrid desde o pasado 16 de maio.

 

A coincidir co 17 de maio, a libraría institucional da Xunta puxo a disposición do público a reedición de dúas obras da autora que foran orixinalmente publicadas polo goberno galego en 1991. Trátase do ensaio As linguas de España e mais do libro de estilística da lingua galega Verso e prosa. Tamén a empresa de transporte Monbus se sumou á celebración coa reedición dixital do conto Querida Avoa que a autora escribiu para a colección “Contos do Castromil”. A obra narra en primeira persoa as viaxes que facía Sabela en autobús para ir á súa aldea, Vilariño, a visitar a súa avoa, María do Casal.