Dhogs, historia do cine galego

Dhogs é a ópera prima de Andrés Goteira. Pouco se pode dicir do argumento se non se quere esnaquizar a película máis aló de que parte da viaxe dun misterioso taxista. Está estruturado en tres capítulos e ten dúas localizacións: unha urbe que resulta ser a cidade de A Coruña e un deserto gravado en Almería, como outros tantas grandes obras cinematográficas. A nivel actoral conta con históricos do noso cinema como Antonio Durán “Morris”, Miguel De Lira ou María Costas.

O primeiro que se debe destacar é precisamente o concepto da urbe. No cinema galego é habitual ver as montañas do Courel ou o mar en loita constante contra as rocas. Remárcase o lugar onde se grava ou acódense a temáticas moi identificables do noso imaxinario colectivo. Dhogs escapa de todo iso, de feito intenta que A Coruña non sexa A Coruña, senón unha gran cidade. Sen máis. Pretende reflectir un lugar indeterminado. Escapa dese deixe máis tradicionalista para facer evolucionar ao cinema.

Dhogs non é para todos os públicos nin o pretende ser. É unha película dura, ás veces complicada de entender porque os diálogos están reducidos ao mínimo expoñente. Fálase con miradas. Esta obra é unha hora e media onde o ollar ten un gran protagonismo. Xa sexa entre as figuras que aparecen en pantalla, como do espectador ao filme. Ou ao revés, quen sabe. Máis aló do que ocorre -cunha estrutura complexa que escapa do inicio-nó-desenlace- o máis importante é a mirada do público. Fai partícipe a quen mira e rexeita a quen ve. E o fai dende a crítica. A película reflexiona sobre quen somos e cara a onde imos como sociedade. Amosa a parte máis turbia e sombría do ser humano, Dende logo, ninguén debe agardarse sensacións agradables no momento de acudir a ver Dhogs

A atmosfera que vemos é descoñecida en anteriores filmes galegos pero pode verse unha influencia moi clara de David Lynch. Por outro lado, vense pinceladas dos irmáns Cohen ou de películas como Lost in Traslation . Dhogs bebe de moitas fontes para crear un produto único cunha personalidade propia. Destaca o traballo na dirección de fotografía Lucía C. Pan, que cun presuposto mínimo é capaz de caracterizar á perfección o mundo que quere crear  Dhogs. Sobre todo na primeira parte do filme. David Machado e Javier Pato foron os encargados do son, elemento sen o que non se entendería a obra. Xoga un papel fundamental na inmersión no escuro mundo que se plantexa.

Estamos ante un momento histórico do cinema galego. Esta é unha película da que se seguirá falando dentro duns anos. Tamén agardo que constitúa un cambio de tendencia e que esta clase de obras non teñan que facerse dende un punto tan baixo e con orzamentos tan limitados como esta. Oxalá Dhogs sexa máis que unha viaxe en taxi cara a vangarda e constitúa un precedente e un impulso que outros autores saiban aproveitar como é debido.

Dhogs


Director
: Andrés Goteira
Música: Germán Díaz
Guión: Andrés Goteira
Fotografía: Lucía C. Pan
Ano: 2017
País: Galicia

Gaitafilmes / Pixel Films