Select Page

Fotografías: Pedro Silva

Canine e Rótula: Dualidade

Tras ter estreado o novo EP do dúo santiagués de post jazz Canine sentimos que o concerto de presentación destas novas cancións en directo era unha cita obrigada. Acompañados polo tamén dúo Rótula coa súa proposta de de math rock instrumental, as dúas bandas converteron a noite do pasado día 9 no pub Corzo nunha sucesión de xogos rítmicos e experimentación musical a redor do formato do dúo antes de dar paso ao turno dos DJs Dkdncia e 0,00%.

Rótula foron os primeiros en subir ao escenario ante unha sala xa ateigada. Cunha formación consistente en batería e guitarra, a banda logrou desenvolver un son moi cheo, no que a guitarra, moitas veces facendo un uso moi interesante do octavador, interpretaba riffs complexos que se entrelazaban rítmicamente de maneira moi interesante coa percusión. Se ben o math rock é un estilo que as veces pode rematar saturando cando é escoitado en longas doses, Rótula souberon construír un set no que os momentos máis accesibles se atopaban distribuídos ao longo de todo o concerto e especialmente nas dúas últimas cancións, sen dúbida as máis aplaudidas polo público.

O concerto de Canine comezou repasando varios temas antigos da banda e posteriormente, mudando o son dos teclados do piano ao Fender Rhodes, continuou coa interpretación íntegra do seu novo EP Hélice. Se ben a versión de estudio deste EP consistía principalmente nas pistas de batería e Rhodes, había tamén pequenas ornamentacións realizadas con sintetizadores que prantexaban a cuestión de se o directo funcionaría ben perdendo eses pequenos detalles, e a resposta é sí. A enerxía da interpretación da música en vivo, diante dun público pouco ten que ver con unha grabación de estudio, logrando que o son dos dous instrumentos principais lograse encher por completo o local.

Resultou interesante ver como, nesta ocasión, Canine si que optaron por interpretar as cancións de Hélice na orde lóxica atendendo á nomenclatura das cancións. Desta maneira o concerto comezou co Prólogo, que foi seguido por II. Balada Mentie o Interludio, interpretado á vez no teclado por Alfonso Traficante e Antón Blanco, continuado por IV. Tema circular (siloxismo). Como peche soou o Epílogo que puxo fin a dous concertos que nos permitiron dar unha ollada a dúas propostas que amosan que non escasean as novas ideas musicais no noso país.