Select Page

A Mostra (S8) da Coruña e o Festival de Cans anuncian os seus programas

A Coruña acollerá entre o 25 de maio e o 3 de xuño a IX Mostra Internacional de Cinema Periférico (S8). A programación abranguerá, como é habitual neste evento, proxeccións, encontros profesionais, propostas didácticas e obradoiros. O director da Mostra, Ángel Rueda, explicou que a proposta deste ano pecha unha triloxía temática “arredor dos vimbios do cinema como ferramenta”. Se ben no ano 2016 Os Novos Impresionistas centraban o foco na luz, e no 2017 Obxectos e aparicións , de como os propios cineastas transformaban o obxecto cinematográfico, este ano a Mostra aborda, de xeito especial, o tempo, “o ADN do cinema”.

Así, a novena edición do (s8), Lux algebra, afondará na idea do cine como que conta co tempo e a estrutura como feitos diferenciais, e abordará o cinema estrutural de figuras como Ernie GehrKurt KrenScott Stark ou Chris Kennedy. Esta sección completarase coa sesión Patróns de Interferencias, o programa Métrica e rima, ou a exposición O cine en papel. Tal e como apuntou Rueda, o obxectivo do (S8) “non é tanto a difusión de cinema como xerar un espazo de creación, diálogo, coñecemento e encontro entre cineatas locais, galegos e internacionais”, a través dunha ampla programación, que inclúe encontros profesionais nos que participarán responsables da programación do Festival Internacional de Cine de Berlín, Berlinale, ou DocsLisboa.

Entre as propostas deste ano, destaca a Film farm on the road, no que Phil Hoffman dirixirá, entre o 5 e o 8 de xuño, un obradoiro de cinema artesanal na Coruña, cuxo prazo de inscrición xa está aberto a través do correo electrónico inscripcion@s8cinema.com. A didáctica e a formación tamén cobrará protagonismo do 26 ao 2 de xuño co seminario A crítica de cine experimental, organizado por A Cuarta Parede. O seminario contará con tres sesións impartidas a cargo dos profesionais da crítico de cine Alberte Pagán, Francisco Algarín (Revista Lumière), Mónica Delgado (Desistfilm) e Brais Romero (A Cuarta Parede), completadas coa serie de masterclass e outras actividades organizadas pola Mostra. Para realizar a matrícula, o contacto é info@acuartaparede.com, e o prazo estará aberto ata o 23 de maio.

O S8 celebrará o venres 25 a súa gala inaugural coa ópera-oratorio Voices of light/A paixón de Xoana de Arco. O estadounidense Richard Einhorn presenta unha partitura para coro e orquestra concibida para a película francesa dirixida en 1928 por Carl T. Dreyer, “unha obra mestra e referente no cinema”. A proposta, que terá lugar no Teatro Colón, contará coa interpretación ao vivo do Coro e Orquestra Gaos, proxecto dirixido por Fernando Briones. As entradas xa están á venda e pódense adquirir tanto no despacho de billetes do propio recinto ou na web www.ataquilla.com

Festival de Curtametraxes de Cans, que xa está na súa decimo quinta edición, presentou tamén a súa programación. O evento celebrarase entre o 23 e o 26 de maio na parroquia de Cans (Porriño) e contará cunha nutrida presenza de profesionais do audiovisual e aficionados ás curtametraxes. Desta volta, o festival homenaxeará á produtora Chero Loureiro, “pioneira en moitos ámbitos do noso audiovisual”. Outros nomes destacados do apartado audiovisual do programa son Fernando Trueba, Gracia Querejeta, Manuel LourenzoIsabel NaveiraNieves RodríguezBerta OjeaIsabel Blanco ou Felipe Lage.

A organización destaca a convivencia entre os cineastas debutantes e as figuras consagradas en todas as competicións da sección oficial: curtametraxes de ficción, animación, videoclips e, como nova incorporación este ano, un concurso de traballos de non ficción baixo o nome de FuraCans. En canto ás longametraxes, Cans contará cunha dobre sesión de apertura cos filmes A estación violenta, ópera prima de Anxos Fazáns, e British Winters, primeira longa en imaxe real de Roque Cameselle. O evento será tamén o escenario para a estrea de Sevilla y Gomorra, de Ángel Filgueira, ademais de para a proxección do documental de creación Versogramas, de Belén Montero Juan lesta.

De novo, haberá lugar para seccións habituais como Coloquios na leiraFillas e fillos de CansA que andas?, os coloquios AISGE ou o roteiro cinéfilo-literario con Carlos Meixide, ademais de inaugurar a sección ExtraCans, que porá o foco nas conexións dos profesionais galegos cos doutros países, ou o programa especial Contra o lume. Esta ampla programación complétase con outras coñecidas seccións como MiniCans e Cans do futuro para o público infantil e xuvenil, a Can Parade para descubrir novos valores artísticos de Galicia ou a ollada gastronómica cara á sétima arte con Tapas de cinema, mencionando só algunha das actividades que terán lugar nesta décimo quinta edición.

A música e a súa relación co audiovisual volverá proporcionar algúns dos pratos fortes do festival, como é o caso do cartel de concertos. Este ano tocarán en Cans BurningFamilia CaamagnoTriángulo de Amor BizarroDepedroPardoTanxugueirasKevin Weatherill (líder dos Inmaculate Fools), PantisMagín BlancoTino Bazou Esteban & Manuel, entre outros.