Select Page

Peche de carteis en Portamérica, Elas Son Artistas e 17º Ribeira Sacra

Dúas das citas relevantes do verán, Portamérica e 17 grados Ribeira Sacra pecharon xa os seus carteis artísticos e presentaron a distribución por días, tan importante para a boa planificación do público interesado. Tamén, e máis próximo en datas, o Festival Elas Son Artistas, ven de pechar o seu cartel coa incorporación das madrileñas Juanita Banana e a banda local Romance o sábado 2 de xuño, uníndose as xa confirmadas Ele, Berta Bittersweet, Rebeca Lane, Turma Caipira, Nastasia Zürcher e Femininoplural. O festival terá actuacións polos concellos de A Coruña, Arteixo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada do 31 de maio ao 6 de xuño.

O festival da carballeira de Caldas, Portamérica, rematou as súas confirmacións para a nova edición incorporando a actuación de Xoel López, que este ano está de xira co seu último traballo Sueños Y Pan, que reseñamos na web. Á oferta da cita portamericana súmanse Jenny and teh mexicats e Pasajero, pechando un cartel que o xoves 5 de xuño estará encabezado por Imelda May e tamén contará coa actuación das rusas Pussy Riot entre outras. O venres Vetusta Morla copa a cabeza da oferta sobre outros dez artistas e grupos dese día; será o sábado 7 cando o Portamérica unirá na parte alta as actuacións de Izal e Xoel López nunha xornada na que tamén estarán os mexicanos Mexrrisey e os Dj ELYELLA, entre outros.

Morgan, Puerto Candelaria e Holly Miranda súmanse ao cartel do Festival 17º Ribeira Sacra, que celebrará a súa segunda edición do 27 de xullo ao 5 de agosto, e que tamén presentou o seu cartaz distribuído por días e espazos. Estas novas confirmacións daranlle a réplica a primeira fin de semana de celebración do 17º Ribeira Sacra a Coque Malla, Woods, Ten Fé, Mujeres e Fuckaine, artistas xa confirmados. Localizado en escenarios singulares dos municipios de Sober e Chantada durante o día, feito que propicia a exclusividade da cita, o festival completará de novo o seu cartel con concertos nocturnos en Monforte de Lemos orientados ao gran público, e programará, tamén, actividades gastronómicas e eventos exclusivos relacionados coa cultura do viño e coa paisaxe.